Malvela presenta novo disco: “O benquerer”. O grupo mosense, do que forma parte a cantante Uxía Senlle, realizou en dúas xornadas desenvolvidas os últimos días do ano 2021, a gravación deste traballo que está previsto saia á luz a vindeira primavera, coincidindo co vinte aniversario do seu primeiro éxito discográfico, “Que o pano non me namora”

A gravación de “O benquerer”, o seu quinto disco, realizouse nas instalacións do Centro Dotacional de Torroso que alberga a Escola Municipal e Conservatorio Profesional de Música de Mos.

Mentres gravaban en Torroso, as mulleres que integran a formación, recibiron a visita da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e da concelleira de Política Social e Igualdade, Participación Cidadá, e Cultura e Turismo, Sara Cebreiro. As representantes municipais, déronlles ánimos nesta nova andaina musical e felicitáronas pola súa extensa e exitosa carreira e por ser “auténticos exemplos de mulleres rurais empoderadas, artistas e profesionais dun sector, o musical, aínda con predominancia masculina”.

Malvela é un dos principais emblemas culturais do Concello de Mos, promotor da tradición galega e mosense, e da identidade cultural e musical senlleira.

Ao tempo que visitaban ás integrantes da agrupación musical, rexedora local e edil de Cultura aproveitaron para desexarlles un próspero Aninovo e declararon que “é unha honra e un verdadeiro orgullo poder rematar o ano 2021 compartindo un intre co grupo mosense máis emblemático e facelo ademais anunciando a boísima nova do novo disco que poderemos escoitar en poucos meses e que, de seguro, fará as delicias dos amantes da nosa música tradicional”.