Solombo de porco con crema de castañas e mazá caremellizada; torta de pataca con xamón e tetilla, cogomelo portobello e ovo poché; touciño de porco estilo cantonés elaborada a baixa temperatura; centola, rape, vieira, ameixa, lura, mexillón e boletus guisados á mariñeira; arepa rechea de lacón, grelos, chourizo galego e arzúa, con pataca cocida e frita; taco de carne de tenreira, queixo, coandro e guacamole, e taco de tofu queixo cebola, allo, coandro e guacamole e taco de polo estilo caseiro con sals de chipotle picante e guacamole en texturas son as sete tapas que se poden degustar, por tres euros, estes días en sete establecementos hostaleiros de Salceda de Caselas, xunto con catro pinchos, noutros tantos locais, ao prezo dun euro: cabaciña rechea da súa crema e carne picada, con alioli e petazeta; mexillón ecolóxico, cous cous de alga wakame, salsa mariñeira e sésamo; polbo á grella con pataca panadeira e salsa verde e montadiño de lombo fresco, pemento verde, xamón serrano e pan tumaca con pataca palla.

Trátase do 1º concurso de pinchos e tapas #ConSalceda organizado polo Concello coa colaboración da Asociación de Comerciantes e Industriais de Salceda (Acisa).

A degustación de pinchos e tapas comezou onte e prolongarase ata o vindeiro domingo, día 28, nos días e horarios que cada establecemento ten determinado.

Ademais a degustación terá un premio directo se se sela o cartón en todos os locais participantes. A maiores, haberá logo un sorteo de tres vales de compra de 100, 300 e 500 euros para aquelas persoas que valoren e voten a tapa ou pincho no momento do seu consumo. Por parte dos hostaleiros, entregaráselle unha placa de recoñecemento aos dous que máis votos consigan.