Porriño vive os días grandes da Festa do Cristo e nestas xornadas soan os nomes de moitos veciños recoñecidos da vila que destacan polas súas traxectorias persoais e profesionais. Precisamente hoxe, ás 13.00 horas, terá lugar a lectura do pregón que este ano corre a cargo dos actores Lucho Penabade e Tero Rodríguez (Os Quinquillláns) que interpretan a Antonio Palacios e Corona González nas visitas guiadas dedicadas ao arquitecto porriñés co gallo do 75 aniversario do seu falecemento. Dada as previsións meteorolóxicas adversas decidiuse trasladar o acto á Carpa Roxy.

Os cabezudos de Dora Carrera, Alfonso Pato, Vavá e Juaniña co seu creador, Rubén de Chapela. | //D. P.

Cabezudos de honra

Os Premios Cabezudos de honra do Porriño volveron neste 2021, da man da asociación do mesmo nome, para poñer en valor a persoas, veciñas do municipio, que foron, son e serán un referente, premiando o seu esforzo e traballo. Antonte fíxose entrega dos galardóns, consistentes na recreación dun cabezudo personalizado, que se suman así aos creados en 2019 de Teté Delgado, Cuquín e Dona Pucha, e a estatuílla da cabeza de Antonio Palacios.

Os agraciados desta edición foron Juaniña (Juana Jesusa da Cruz), costureira de 96 anos que declinou a oferta de coser para famosos modistas da época para quedarse na vila a coidar do seu pai, quen lle montou un taller de costura no baixo da casa, onde el mesmo lle axudaba; Vavá (Antonio Pexegueiro), ex futbolista do Celta e do Pontevedra e que a pesar de que fixera as probas de acceso ao Real Madrid e ao Sevilla, tamén por motivos persoais, rexeitou marchar do país; Dora Carrera, nai fundadora da Asociación Érguete, recoñecendo así a súa valentía e toda unha vida dedicada á loita contra o narcotráfico e Alfonso Pato, director do Festival de Cans , premiado pola súa traxectoria cultural.

Ademais, este ano creouse unha segunda categoría, de recoñecemento público a “futuribles” cabezudos de honra: Nel Fernández, Abel Maceira, David Jiménez, Cristian Rodríguez, Olga Alonso, Raúl Francés (pai) e Cándido González, con mención especial ao equipo de voluntario de emerxencia COVID.

Programación

Quedan por diante varias xornadas cheas de programación cultural, actos algúns dos cales sufriron cambios dada a previsión meteorolóxica. Así, hoxe o concerto da Banda de Música Popular de Tui, tralo pregón, trasládase tamén á Carpa Roxy e pola tarde o xogo de preguntas Trivium terá lugar no pavillón do colexio Fernández López e o Festival Montando o Cristo celebrarase na AAVV San Salvador de Torneiros.

Mañá domingo, ás 12.00 horas na Praza Arquitecto Antonio Palacios, Inventi Teatro representará “A tropa do doutro milagre”, ás 13.30 horas na Praza do Cristo actuación da Agrupación Musical do Porriño, ás 19.30 horas no auditorio exterior do centro cultural espectáculo circense Ikagi da compañía SU.MA e ás 21.00 horas na Carpa Roxy concerto de Tanxugueiras.

O luns, festivo local, haberá ao mediodía animación de rúa a cargo de Fantoches Baj, ás 13.00 horas concerto de Nahual na Praza Arquitecto Antonio Palacios e ás 19.00 horas representación teatral “Animal Sagrado” na Carpa Roxy.

A programación continuará a vindeira fin de semana con actividades do venres 1 ao domingo 3 de outubro, que será a clausura coa Festas dos Callos.