Logo dunha intensa semana de teatro, contos e música para todos os públicos, Tomiño vive dende hoxe os días grandes das súas festas patronais na honra á Virxe do Alivio. Concello e comisión organizaron unha serie de actos, baixo o protocolo sanitario e de seguridade por mor da COVID-19.

Para hoxe está programado o acto cívico que dende o Concello se vén organizando cada ano dende 2007 coincidindo con estas festas, no que se distingue a unha persoa ou personalidade que dende distintos lugares ou profesións teñan contribuído a agrandar o nome de Tomiño. Nesta ocasión o homenaxeado será Jesús “Suso” Montero Villar.

“Unha persoa sempre disposta para axudar, para colaborar, porque aprendeu daqueles obreiros que ían ao negocio familiar a compartir, a ser solidario, a facer equipo, a respectar o valor da palabra”. Así define a Jesús “Suso” Montero Villar a historiadora Natalia Jorge. O Concello de Tomiño distíngueo neste 2021 polo seu labor no ámbito deportivo e social. Unha das grandes paixóns de Montero foi sempre o deporte, sendo directivo durante moitos anos do Tomiño FC e un dos promotores do Tomiño FC Feminino. Nado en Cortiñas, Castrelo do Miño (1954), Suso afincouse no lugar da Salgosa (barrio de Tomiño) en 1978 ao casar cunha tomiñesa e dende entón “fíxose un oco entre a xente da localidade” participando moi activamente na vida social e deportiva do municipio. A día de hoxe, aos seus 67 anos, continúa traballando na Oficina de Emprego de Tui

O acto será ás 20.30 horas na praza do Seixo, previamente terá lugar o encontro dos bombos e a continuación actuación da Banda de Música de Goián, a cal ás 22.00 horas ofrecerá un concerto e de novo volverá a tocar na xornada do domingo logo de rematar a misa solemne, cantada pola Coral de Tomiño, ás 12.30 horas.

E como broche de ouro á programación, o luns 13, festividade local en Tomiño, a comisión de festas ten programada, para ás 19.30 horas, a actuación do grupo de baile Virxe do Alivio co festival espectáculo “Imos de festa, imos ó Alivio” no recinto da festa. Antes, ás 19.00 horas oficiarase unha misa cantada na honra a San Cristóbal, patrón dos condutores, coa tradicional procesión cos coches.