Setembro é o mes festivo no Porriño. As Festas do Cristo enchen de vida ás rúas e este ano, a pesar da COVID-19, non será menos. Seguindo sempre o protocolo e con capacidade limitada nos diferentes eventos programados, dende o Concello presentaban onte un cartel con actividades para todos os públicos e que deron comezo na mesma xornada, na tarde-noite, coa celebración da clásica ciclista Nocturna que volveu logo do parón do pasado. Así, numerosos amantes da bicicleta déronse cita onte na vila do Louro para completar un percorrido dun quilómetro polas rúas do casco urbano.

Quedan por diante 14 días con representacións teatrais e espectáculos de títeres e tamén circenses, unha decena de concertos como o de Tanxugueiras (día 26) ou Mitic (24), os cabezudos de honra, o pregón (25) a cargo de Antonio Palacios e Corona González e, como broche de ouro, a Festa dos Callos (3 de outubro).

O máis inmediato témolo hoxe mesmo. Ademais da Feira de Oportunidades Merca na rúa, que se prolongará toda a fin de semana, para este sábado, a partir das 11.00 hora,s está programada “A eira do Paporrubio” con xogos populares e espectáculo de monicreques na Praza Antonio Palacios e ás 20.30 horas abrirase, un ano máis, a Carpa Roxy para acoller a obra de marionetas de fíos “Titiricircus” da compañía Tanxarina. No mesmo escenario e á mesma hora, mañá domingo representarase o musical “A Formiga Icía” a cargo de Fiesta Escénica.

A programación proseguirá na vindeira fin de semana con dous concursos na Praza do Cristo, un de preguntas, “Trivium”, que se estrea este ano, o domingo 19 de 11.00 a 13.30 e de 18.00 a 20.30 horas, e outro de debuxo que se repite logo do éxito do ano pasado, “Improvisdados”, o sábado 18, de 18.00 a 20.00 horas. Antes, o venres 17, ás 21.00 horas na Praza de San Sebastián, concerto do grupo Kaf, que presentará o seu novo disco “Cuando las palabras fallan…”. Tamén o domingo haberá música da man de Skarajazz (13.00 h na Praza do Concello) e teatro na Carpa Roxy (20.30 h) “Semente. O home que plantaba árbores” da compañía Eme2.

Este ano volve o autocine coa proxección das curtas finalistas do Festival de Cans 2021, será no aparcamento do velódromo municipal e para asistir é preciso inscribirse previamente. Para o resto das actividades, tamén con prazas limitadas, o acceso é libre ata completar o aforo, para o cal haberá un control con rexistro, in situ, das persoas asistentes.

A programación continuará na fin de semana grande, do xoves 23 ao luns 27, festividade local e culminará na seguinte, do venres 1 ao domingo 3 de outubro. Poden consultar tódolos eventos e información máis polo miúdo na páxina web www.ecultura.net.

Feira de stocks hoxe e mañá

Como cada ano por estas datas, para rematar a tempada de verán, os comerciantes do Porriño sacan á rúa os seus excedentes con descontos importantes, de ata o 70%, e organizan, coa colaboración do Concello e da Xunta, a súa xa tradicional Feira de Oportunidades “Merca na rúa” que alcanza xa a vixésimo cuarta edición.

Hoxe sábado de 10.00 a 21.00 horas e mañá domingo de 11.00 a 20.30 horas un total de 26 postos, cunha ampla representación de sectores e produtos, ocupan a zona peonil da vila. E tampouco faltarán actividades lúdicas para a toda a familia, pensando especialmente nos máis cativos: inchables, xogos populares, títeres e personaxes Disney.

Quen coñece mellor o Porriño?

Estades seguros de que sodes expertos da vosa vila? Sabedes todo o que hai que saber sobre Porriño? Con estas cuestións, convídase a participar no Trivium Porriño, un tradicional Trivial con preguntas relacionadas coa vila e para o que se disporá dun taboleiro xigante no Parque do Cristo.

Na competición participarán un total de 16 parellas e comezará o vindeiro domingo celebrándose a primeira das tres xornadas clasificatorias, con dúas quendas, sendo as seguintes os días 24 e 25, das que sairán as catro parellas que xogarán na gran final do sábado 2 de outubro.

E por suposto, como todo concurso, neste tamén haberá premio. Ao igual que o houbo no xogo de procura do tesouro organizado fai meses “A miña avoa”, nesta ocasión a recompensa tamén serán vales de compra para consumir nos establecementos comerciais e de hostalería da vila. A parella gañadora recibirá un vale por importe de 300 euros, a segunda clasificada outro con valor de 200 euros e a que remate en terceiro lugar disporá de 100 euros.

Para participar hai que subir un pequeno vídeo ás redes sociais no que debe contarse o porqué do interese en participar ou enviar un correo electrónico ao enderezo triviumporrino@gmail.com co nome, apelidos e teléfono de contacto dos participantes .