Os concertos de músicos de renome non cesan en Mos este verán. En próximas datas subirá ao escenario Xoel López e Milladoiro.

Xoel López, no escenario. | // FDV

Con motivo da vixésima etapa de La Vuelta 21, Sanxenxo-Mos, con meta prevista no Castro de Herville, na parroquia de Cela, actuará Xoel López, o martes 31 de agosto.

Ademais de Xoel López, o 4 de setembro, día no que os ciclistas finalizarán esta etapa, celebrarase outro concerto, o de Milladoiro. Ambos están enmarcados no Xacobeo 2021-2022 e contan con financiación da Xunta de Galicia.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo agradece “enormemente o apoio da Xunta e do Xacobeo, que permite e fai posible esta gran programación musical en Mos. Sen o respaldo autonómico, estes grandes concertos non serían posibles, por iso é máxima a gratitude do Concello de Mos cara a Xunta de Galicia; por axudarnos a ter o Xacobeo e La Vuelta que Mos merece”, declarou a rexedora, en referencia tamén ao concerto de Sés que acolleu a parroquia de Torroso, o pasado 7 de agosto, con motivo das Festas Patronais de San Mamede.

Xoel López tocará temas do seu último disco Si mi rayo te alcanzara (2020) pero tamén grandes cancións de traballos anteriores que o público xa se sabe de memoria. Pola súa banda, Milladoiro celebra no escenario os 40 anos do seu primeiro disco.