O Consello da Infancia e Adolescencia “Voces Novas” de Tomiño reuniuse cos seus homólogos do Porriño e Redondela cun obxectivo moi concreto: buscar solucións ao acoso (bullying) que sofren miles de escolares na nosa sociedade, xuntando propostas que poidan levarse a cabo para tentar dar unha mellor resposta a esta problemática.

Os tres grupos levan tempo traballando por separado ao redor desta temática. Na xuntanza, que se celebrou de xeito telemático, puideron compartir ideas, impresións e posibles propostas para que a lacra do acoso escolar sexa tratado tamén dende os seus puntos de vista. “Nos estamos máis próximos ás realidades desta problemática”, explicaban. Afirmaban, ademais, que “o bullying ten a súa orixe na propia sociedade e non é algo que parta da xente nova, de forma illada, senón que é unha reprodución da violencia que exercen as persoas adultas”.

A concelleira de Mocidade e Participación Infantil, Fátima Rodríguez, xunto coas súas homólogas Lourdes Moure do Porriño e Olga García de Redondela, entraron tamén á videoconferencia para agradecerlles o traballo que levan realizado durante un curso tan complexo como este, desexando que poidan volver a encontrarse de forma presencial despois do verán.