Serafín Zubiri en San Fiz, A Roda en Camos, Bruxo Queimán en San Pedro, Broken Peach en Panxón, A Banda da Loba en Nigrán ou América en Lourido son algunhas das actuacións programadas para as noites deste verán en Nigrán.

Concerto nocturno de La Banda de Ayer no torreiro de Vilariño.

Hoxe lévase a cabo a gran proba piloto de verbenas en Galicia. Na bisbarra, Tomiño acolle unha das seis pero en Nigrán xa dende a pasada fin de semana celebran as tradicionais festas parroquias con sesión vermú e actuacións nocturnas, ademais de actividades para nenos.

O Concello repite este ano o seu programa ‘Música nas Parroquias’ para que se poidan celebrar todas as festas patronais do municipio, xa que novamente ou ben non se constituíron comisións organizadoras por mor da crise da COVID-19 ou estas tiveron totalmente limitada a posibilidade de recadar fondos.

O programa festivo arrancou a pasada fin de semana coas festas de San Xosé en Chandebrito e San Antonio en Vilariño e continuará o vindeiro mércores e xoves coa celebración do tradicional San Xoán en Panxón. O día 23 ás 19.00 horas haberá show infantil no paseo marítimo e ás 22.30 horas concerto de Broken Peach; xa para o día 24 está previsto, ás 13.00 horas, un concerto de banda de música no peirao.

O mes de xuño rematará coa festividade de San Pedro na Ramallosa. O luns 28, ás 19.00 horas, show infantil e ás 22.30 horas concerto de Terras de Queimada do Bruxo Queimán, e o martes 29, ás 13.00 horas sesión vermú coa banda de música.

No mes seguinte celebrase Santiago de Parada o día 24 e San Fiz de Nigrán o 31 de xullo e 1 de agosto. En agosto a Virxe do Carme de Lourido o 14, Virxe das Angustias de Nigrán o 15 e San Roque de Camos o 24. A última das festas programadas é a da fin de semana do 4 e 5 de setembro, o Bo Xesús de Priegue.

O Concello de Nigrán aumentou o orzamento de 20.000 a 60.000 euros para que, coincidindo con cadanseu día grande, a veciñanza de cada parroquia o poida festexar con sesión vermú e/ou nocturna e, a maiores, actividades pensadas para os cativos. Desde o goberno local indican que se adaptou a programación á demanda de cada entidade implicada xeralmente na organización das festas.

“O ano pasado ofrecemos as actuacións das bandas de música en sesión vermú e actividades infantís; este ano aumentamos o orzamento para que poidan dispor dalgún concerto máis a súa elección, dado que a situación sanitaria é mellor. Desde o Concello queremos que se manteña a tradición de xuntarse a veciñanza para festexar respectando ao mesmo tempo todas as medidas de seguridade que sexan precisas”, indica o alcalde, Juan González.