O Concello do Rosal presentou onte ‘Memoria viva’, un proxecto plurianual que busca poñer en marcha un sistema de salvagarda do patrimonio inmaterial, así como do coñecemento e da memoria que atesouran as persoas maiores do municipio.

Trátase dunha iniciativa a través da cal se recollerán esas lembran, “recuperando e recompilando vivencias persoais, momentos históricos, formas de vida... para que non caian no esquecemento. Este proxecto nace polo desexo de que non desapareza unha parte importante da nosa memoria individual e colectiva, de conservar esas historias que non están nos libros pero que son tan importantes para nós como rosaleiras e rosaleiros”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández.

O proxecto recolle en vídeo as entrevistas a diferentes persoas de idade con coñecementos relativos a unha época, un oficio, unha tradición ou calquera elemento patrimonial de interese, así como libros de pequeno formato coleccionables de cada unha destas entrevistas. Nesta primeira edición o Concello contou coa colaboración de Nemesio Castro e Marcola González e das súas familias, sen as que non sería posible ter chegado a realizar os traballos de documentación e gravación.

Axenda cultural

A presentación deste proxecto e do libro “Irmáns Flores. Os gaiteiros de Novás” abriron a actividade cultural programada polo Concello do Rosal neste mes de xuño.

A axenda continúa hoxe da man da Agrupación Musical do Rosal que organiza a audición de final de curso do alumnado da Escola de Música no auditorio municipal a partir das 20.00 horas. O xoves 24 será a quenda de Juan Galán, que presentará o seu libro ‘Romanza de los naranjos en flor’ na Biblioteca Municipal ás 19.30 horas. E, por último, o sábado 26 o alumnado da ESO do CPI Manuel Suárez Marquier organiza, en colaboración co Concello, un desfile de moda na Praza do Calvario (22.00 horas) para conmemorar o Día Internacional do Orgullo; tras o acto, como en anos anteriores, haberá música e diferentes actividades relacionadas co colectivo LGTBI, photocall con accesorios e moitas cousas máis.

De xeito paralelo está aberta, ata o 25 de xuño na Praza do Calvario, a exposición ‘Bolboretas’, unha mostra da fotógrafa Laura Lago, profesora de Lingua Española no IES Antón Alonso Ríos, experta en bolboretas e fotografía de natureza.