A mocidade, e todos en xeral, atopamos nas redes sociais un modo de compartir o que nos acontece con amigos, familias e grupos; e nelas, a foto xoga un papel fundamental de expresión. Baixo esta premisa a Concellería de Xuventude de Gondomar brinda á mocidade a oportunidade de remexer e investigar a cámara do móbil ao carón dunha profesional fotográfica. Así, organiza o curso “Clic Foto” os sábados 8, 15, 22 e 29 do vindeiro mes de maio para mozos de entre 14 e 20 anos

O obxectivo desta actividade é que a mocidade aprenda técnicas e consellos para sacarlle o maior partido ás fotografías que se realizan co dispositivo móbil. A fotógrafa Miriam Rodríguez guiará, paso a paso, as distintas pautas para a realización dunha fotografía e trucos para editala de forma rápida e eficaz. Tamén se darán a coñecer os riscos desa exposición en Internet, “non se pretende que non se compartan fotos, pero si pensar antes de compartir e tomar certas medidas”, indican dende a Omix.

As persoas interesadas en participar teñen de prazo ata o 30 de abril para inscribirse, de xeito presencial ou enviando un correo electrónico ao enderezo omix@concellodegondomar.gal. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 986 369 746.