O Concello de Arbo homenaxeou na súa primeira edición de “Pioneiras en Arbo” ás mulleres traballadoras do sector vitivinícola da localidade, motor económico en Arbo, e fíxoo a través da figura de Carmen Ferro, fundadora da actual adega As Laxas. O acto incluíu a proxección dun vídeo sobre a igualdade e as liberdades, gravado por cativos de 4 anos da localidade, e un emotivo audiovisual de homenaxe sobre Carmen Ferro. As dúas fillas da homenaxeada subiron ao escenario a recoller unha placa entregada polo alcalde, Horacio Gil. A edil de Igualdade de Arbo, Salomé Troncoso, agarda que “Pioneiras en Arbo”, vinculado ao Día Internacional da Muller, continúe para homenaxear a mulleres doutros sectores.