Escolares do CEIP Reboreda de Redondela visitaron os centros de compostaxe do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra instalados no municipio para coñecer como o lixo orgánico se converte en compost. Un grupo de monitores indicoulles como é preciso separar o lixo na cociña, como se fan as achegas ao composteiro e se tapan co estruturante, e falaron do traballo dos mestres composteiros.

Esta visita realizouse como complemento ás charlas, obradoiros e xogos que solicitou o centro educativo ao Revitaliza co fin de familiarizarse con este modelo de xestión de residuos.

A maiores tamén se desprazaron ao punto de acopio de estruturante (material leñoso e de poda que se debe mesturar co lixo orgánico producido nas vivendas) para coñecer como se fai o triturado e saber que alí pode ir collelo calquera veciño que o precise.