Dende unha perruquería canina móbil ata unha clínica de acupuntura, así de diversos e singulares son os novos negocios nacidos en Mos en tempos de pandemia. O nexo común de todos eles é ter sido titorizados desde o Servizo de Asesoramento a Emprendedores da Axencia de Colocación do Concello de Mos e que os seus creadores son xente moza da localidade.

Mayra Adón, de 35 anos e veciña da parroquia de Dornelas, é a creadora dunha perruquería canina móbil con servizo a domicilio. Botou a andar ao comezo da crise sanitaria e foi o primeiro dos negocios innovadores mosenses desta pandemia. Mayra di estar “moi contenta coa boa acollida que estou a ter, moito mellor do que esperaba, aínda que a conciliación da vida familiar e laboral dificúltame traballar en horario de tarde, estou atendendo unha media de 15 citas semanais, o que fan 60 servizos ao mes, polo que non me podo queixar”. Asegura que os tratamentos caninos que máis lle demandan son baño e corte de cans pequenos, sobre todo yorkshires.

Pola súa banda Iago Troncoso, con 34 anos de idade, decantouse por unha clínica de terapias alternativas, que abriu ao público o pasado mes de febreiro. Ao igual que Mayra, Iago está “satisfeito co resultado que polo de agora está a ter a clínica. Concerto unha media de entre 10 e 15 citas á semana, o que está moi ben nos tempos que corren e cando fai pouco máis dun mes que estamos abertos. Entre o 70 e o 80% do meu traballo céntrase na acupuntura, aínda que tamén ofrezo osteopatía estrutural e quiromasaxe”, explica, ao tempo que comenta que os clientes que tiña de antes, doutros municipios, non se animan a desprazarse ata aquí para realizar os seus tratamentos, se ben alédase da boa acollida que está a ter entre a veciñanza mosense, na que percibe un progresivo ascenso

Aínda que lonxe de ser orixinal ou innovador, un negocio que demostra unha gran valentía por parte da emprendedora que decidiu poñela en marcha é un novo bar en Petelos. Nun momento no que a hostalería é un dos sectores máis castigados pola crise sanitaria, Asunción Ríos abriu en decembro de 2020 o seu bar cafetería. Dadas as circunstancias excepcionais que atravesa a hostalería, Asun a diferencia de Mayra e Iago, comenta que “a afluencia de clientela é aínda frouxiña”, aínda que con optimismo asegura que “espero que a situación se recupere e o público aumente pouco a pouco”. Respecto do cumprimento das medidas anti Covid por parte dos seus clientes explica que “os habituais son os máis cumpridores, os esporádicos reláxanse máis”.

Sete proxectos no último ano

Ademais destes tres proxectos de emprendemento durante esta crise sanitaria abríronse outros catro novos negocios, unha peixería en Peinador, un proxecto de formación infantil e innovación pedagóxica que inclúe educación en arquitectura para a infancia e a adolescencia, un centro holístico chi e unha empresa de informática e programación. Sete emprendedores que se suman aos outros seis que nestes intres están a traballar nestes intres nos seus respectivos proxectos da man do Servizo de Asesoramento a Emprendedores da Axencia de Colocación de Mos para poder poñelos en marcha nun futuro.