Nun momento histórico sen precedentes como o que vivimos, marcado pola Covid, as administracións públicas constatan a necesidade de contar con máis e máis amplos espazos para favorecer o distanciamento entre as persoas nas rúas e prazas e para facilitar o tempo de lecer ao aire libre á súa veciñanza.

O Concello de Ponteareas é un dos municipios da bisbarra que está a aplicar, xa desde o fin do estado de alarma, diversas medidas no seu centro urbano para habilitar máis espazo para as persoas, quitándollo aos coches. Ademais tamén de estar a dotar a vila de novos equipamentos para que a bicicleta sexa un medio de transporte cada vez máis elixido polos ponteareáns e as ponteareás.

Ciclovía

A Concellería de Mobilidade e Tráfico aplica agora novas normas para o acceso con vehículo a motor na Praza da Perillana. A rúa perimetral da praza converteuse nunha vía para o uso da bicicleta, de modo que por ela só poderán circular os vehículos para acceder aos garaxes situados nesa mesma rúa, na que tampouco se pode estacionar desde o pasado 22 de setembro.

Os vehículos que deban acceder por esta "ciclovía" irremediablemente para poderen entrar ou saír dos seus garaxes deben obter unha autorización e levar o distintivo que se lles entregue nun lugar visible. Poden solicitalo desde a páxina web do Concello de Ponteareas, na sede electrónica ou por correo electrónico, acreditando debidamente a súa condición de propietarias ou arrendatarias de praza de garaxe.

Coa nova regulación só poderán circular pola rúa perimetral da Praza da Perillana os que precisen acceder ou saír dos garaxes, deberán facelo a 10 km/h, concedendo sempre prioridade a peóns e ciclistas.

Aparcabicicletas

Os primeiros aparcabicicletas do centro urbano de Ponteareas foron instalados o mes pasado na nova praza existente tras as obras de humanización entre o Mercado Municipal e o Auditorio Reveriano Soutullo. Trátase de seis elementos para o estacionamento de bicicletas; tres están situados no entronque coa rúa A Estrada, e outros tres coa rúa Morales Hidalgo.

A súa instalación realizouse coincidindo coa Semana Europea de Mobilidade, unha celebración que pretende promover a mobilidade sustentable a pé, en bicicleta ou en transporte público e á que se sumaron distintos concellos da bisbarra.

"Un dos nosos obxectivos é potenciar o uso da bicicleta como medio de desprazamento en Ponteareas. Temos todo a favor: unha vila pequena, radial, sen apenas costas e unha grande tradición ciclista" expuxo o concelleiro de Mobilidade ponteareán, Roberto Mera, quen lembrou que "para promocionar o uso da bicicleta son necesarias medidas reguladoras como a redución da velocidade do tráfico a motor a 20 km/h que implementamos recentemente, pois a bici debe convivir na mesma calzada cos coches e estes deben aprender a respectar ás persoas ciclistas. Pero tamén debemos facilitar equipamentos como os aparcabicicletas. Por iso o noso obxectivo é dotar nos vindeiros anos destes elementos a todos os edificios públicos de Ponteareas e ao maior número de rúas e prazas" adiantou.

No marco da Semana Europea da Mobilidade, Ponteareas sumouse ao Día Europeo Sen Coches cunha xornada dedicada a promover o uso de bicicletas como alternativa para os desprazamentos. Durante todo o día o establecemento Toñi Porto Bicimecánica ofrece revisión de balde de bicicletas. Tamén foi a apertura da ciclovía da Praza da Perillana, unha rúa perimetral da praza que agora é reservada de maneira permanente para o uso da bicicleta, permitíndose unicamente o acceso a garaxes a 10 km/h e con preferencia de bicis e peóns.

Nesa mesma xornada, na rúa Rogelio Groba realizouse a iniciativa "Ponte no seu lugar", en colaboración con Adapta, para comprobar as dificultades de mobilidade que supón desprazarse nunha cadeira de rodas.

Tamén se aproveitou esta xornada para comezar a aplicar a peonalización e polo tanto peche ao tráfico rodado na rúa Constitución e a Praza de Bugallal, xerando un amplo espazo sen vehículos xunto coa Praza Maior, Rúa da Esperanza e Rúa de Oriente. Estreouse cunha xincana en bicicleta en colaboración co Club Ciclista Ponteareas e Biziebike con agasallos para todas e todos os participantes.

Poteareas rexeita un uso irracional do coche nas cidades e vilas, prexudicial tanto para a saúde pública como para o medioambiente, e comparte os beneficios do uso de modos de transporte máis sostibles coma o transporte público, a bicicleta ou os desprazamentos a pé.

O goberno ponteareán asegura que esta decisión de crear unha ciclovía e habilitar máis espazo no centro urbano para as bicicletas, da resposta ás peticións feitas polos propios nenos e nenas que reclamaron en distintas ocasións espazos específicos para a práctica segura de actividades de tempo de lecer e vai na liña dos proxectos iniciados para posicionar Ponteareas como Cidade Amiga da Infancia.

Rede Ágora

Ponteareas, Salceda de Caselas, Redondela, Soutomaior, Nigrán, Gondomar, Baiona, Mos, Porriño, Tomiño, O Rosal, Tui, A Guarda, Oia, As Neves, Salvaterra de Miño, Arbo, Covelo, Crecente e Cerdedo-Cotobade atópanse entre os 44 concellos da provincia de Pontevedra que se adheriron á rede Ágora posta en marcha pola Deputación de Pontevedra. Con ela promóvese que se multipliquen os espazos destinados ás persoas nas vilas, cidades e núcleos de poboación, en xeral, reducindo pola contra a presenza dos vehículos a motor.

Técnicos provinciais visitaron xa máis de 15 concellos da provincia que pediron asesoramento para implantar políticas e actuacións tácticas urxentes de ampliación do espazo público a raíz da situación motivada pola crise COVID-19, entre eles o Concello de Ponteareas, que xa está a aplicar moitas medidas para reservar máis espazo no seu centro urbano para as persoas que van á pé e para as que elixen a bicicleta para desprazarse. A Concellería de Mobilidade creou rúas de sentido único e beirarrúas con máis do dobre de ancho das preexistentes ao quitarlle espazo da calzada aos coches.

Acelerada pola Covid

"Consideramos que a situación da COVID favorece que se poidan ir implantando este tipo de políticas tanto sexa con carácter temporal e urxente ou carácter definitivo. O persoal técnico revisou cales son as estratexias de cada un dos concellos para as vindeiras actuacións a realizar", explicou o deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, quen asegura que dende o confinamento houbo certa relaxación sobre as medidas a adoptar, mais agora parecen ser novamente necesarias. "O que si quedou claro é que se tivésemos unhas vilas, unhas cidades e unhas parroquias nas que houbera máis espazo público para as persoas seguramente levariamos mellor o tema da COVID. Penso que iso é unánime e axuda a todas estas políticas que pretendemos implementar", dixo, ao tempo que tamén fixo referencia a toda a dinámica europea e a estratexia de aposta pola economía baixa en carbono.

Todos os concellos que se sumaron á rede Ágora da Deputación de Pontevedra terán dereito a participar en programas e axudas provinciais para este cometido, a recibir asesoramento por parte de persoal especializado, a captación de recursos externos para financiar proxectos (nomeadamente fondos europeos), a representación nas redes "Cidades que Camiñan" e "Cidades pola Bicicleta"), a participar en cursos, conferencias e exposicións, así como no impulso en accións de sensibilización nos centros educativos.