Cúmprese pouco máis dun ano do nacemento da Asociación cultural de mulleres e homes do mar de Cesantes (Amarturmar) e as boas cifras avalan este proxecto sen ánimo de lucro impulsado por cinco mariscadoras (Rosario Alonso, Dolores Míguez, Nuria Novelle, Encarnación López e Dolores Seijo) e un pescador (Severino Casal) considerados "amantes do noso entorno natural e orgullosos da nosa cultura e patrimonio, á vez que entusiasmados de transmitir a todo aquel que queira unha experiencia única, na que vivir o mar dunha maneira diferente". Fano a través de diferentes rutas nas que un pode coñecer de primeira man a actividade pesqueira, dende o proceso de extracción e captura ata a súa comercialización, para o cal os visitantes acompañan en todo momento aos profesionais do sector que están faenando para ver como traballan.

As primeiras saídas fixéronas na Semana Santa do pasado ano e dende entón, tendo en conta os últimos meses de parón por mor do Covid-19, rexistraron preto de medio millar de visitantes procedentes tanto da propia comarca e toda Galicia, como do resto de España (Madrid, Barcelona ou Illa de Cabrera) e incluso doutros lugares do mundo como foi un grupo de pintoras de Singapur e uns turistas de Miami.

A boa resposta entre o público fixo tamén que se duplicasen as persoas implicadas nesta iniciativa e así, a maiores dos seis socios fundadores, agora son outras seis persoas (outras cinco mulleres e un home) as que forman parte de Amarturmar e combinan a súa profesión de mariscadoras e pescadores coa de guía turístico.

A tempada máis alta rexistrouse no verán e, de maneira inesperada, prolongouse ata o mes de outubro. As visitas do marisqueo a pé e a flote, así como a ruta do porto, organízanse ao longo de todo ano sempre que haxa un mínimo de participantes. As rutas do choco e do xeito fanse coincidindo coa época de pesca do produto, de febreiro a xuño no caso do choco e nos meses que continúa (xullo, agosto e setembro) para a sardiña e xouba, que se iniciará precisamente esta semana co San Xoán.

O obxectivo principal co que naceu este proxecto foi "visualizar e poñer en valor o noso traballo", explica Severino Casal. "Máis ou menos todos teñamos as mesmas inquedanzas e nun curso de turismo mariñeiro, ao que acudimos en febreiro de 2019 promovido polos GALP a través da Confraría de Pecadores San Xoán de Redondela, demos ese paso adiante de crear a asociación para poñer en valor, promocionar e, á vez, recuperar a cultura do traballo profesional do sector pesqueiro e marisqueiro, dando a coñecer todo o traballo previo que hai antes de sentarse á mesa e degustar un bo peixe ou marisco".

E, aínda que as rutas supoñen case o cen por cen da súa actividade diaria, este grupo de persoas, cunha experiencia duns 15 anos exercendo no desenvolvemento da actividade destinada á promoción do sector primario, tamén realizan outra actividades como talleres artesanais e divulgativos, accións formativas con escolares, intercambios con outras institucións similares e información cultural, gastronómica e turística sobre o mundo do mar no ámbito territorial da asociación.

a pé e a flote

Falan de mariscadoras en feminino porque así o son. Das 127 licenzas de marisqueo da Confraría de Pescadores de San Xoán de Redondela só catro pertencen a homes, o resto son todo mulleres. "O marisqueo foi case sempre unha actividade exclusiva de mulleres, os ingresos obtidos utilizábanse para satisfacer as necesidades básicas en moitos fogares, mentres que os ingresos dos homes dedicábanse para o aforro e o pago de débedas, o que facía que os ingresos da muller e a súa actividade no foran valorados na súa xusta medida. A día de hoxe unha muller mariscadora posúe un profundo coñecemento das circunstancias nas que se desenvolve a súa actividade, podemos dicir que o marisqueo é un traballo organizado que pasou de ser extractor a cultivador", aseguran desde Amarturmar indicando que "isto trouxo consigo outros cambios sociais moi importantes para as mulleres mariscadoras entre os que destacou, pola súa importancia, pasar de axudar na economía doméstica a ser provedoras dun salario e cotizar á seguridade social".

Elas son as que, os días laborables, baixan todas as mañás á praia en busca de ameixas e longueiróns. Xustamente agora, por mor do Covid-19 produciuse un parón e volverán retomar a súa actividade a partir do 1 de xullo. Para os que desexen coñecer de preto o seu traballo e incluso desempeñalo, Amarturmar facilita aos visitantes unha botas de auga e un angazo e/ou sacho. Na ruta con mariscadoras a pé de mar ensinan a diferenciar as distintas especies, por exemplo a ameixa haina xaponesa, fina e babosa; as ferramentas para a captura: o sacho e o angazo (duns 2 metros de longo e 12 dentes) son o máis empregado; as medidas regulamentarias e ata a súa chegada a lonxa de Cesantes, onde se leva a cabo a primeira pesa coa emisión do tícket de trazabilidade da mercancía que logo vai destino a Vigo onde se poxa.

A ruta ten unha duración de 90 minutos e ademais de estar limitada pola marea recoméndase facer de luns a xoves durante a mañá que é cando faenan as mariscadoras; no caso de facerse noutro horario acordado coa asociación, aínda que un profesional lles guiaría en todo momento, non serían testemuñas da xornada laboral das mariscadoras.

"Con esta actividade en Amarturmar pretendemos dar a coñecer a actividade do marisqueo a pé no litoral de Galicia, pois existen iniciativas similares noutras zonas pero xustamente na Ría de Vigo esta é a primeira. Tamén tratamos así de revalorizar o traballo da muller no mar, promocionar e darlle un valor engadido aos nosos produtos e concienciar da importancia do coidado e respecto do medio mariño".

Existe tamén a posibilidade de introducirse no mundo do marisqueo a través dunha embarcación. Sáese do porto detrás do barco dun pescador para contemplar o seu traballo e todo o demais sería igual que na praia: identificación das ferramentas e apeiros empregados para a captura, que neste caso tamén é o angazo pero moito máis longo (de 5 e ata incluso de 16 metros) e máis ancho (de 16 a 18 dentes) ademais do raño, medidas regulamentarias e comercialización. Igualmente como no marisqueo a pé, as saídas en embarcación serían de luns a xoves e nos meses de agosto e decembro tamén os venres. Neste caso, existe un límite de prazas que é a capacidade dos barcos. Dispoñen de dous, un de 10 e outro de 7 ocupantes.

En ambos casos a ruta pódese complementar cunha visita á unha depuradora de mariscos, pois alí, ademais de ver todo o proceso de depuración teñen a posibilidade de adquirir o produto fresco, xa que ao contrario que na pesca de choco ou sardiña, na que ao finalizar a visita pódeselle mercarlle o peixe ao mariñeiro, no caso dos bivalvos non, porque por lei deben pasar antes pola depuradora. A pé capturan tanto ameixa como longueirón e a flote só ameixa.

CHOCO DE REDONDELA

Outra das posibilidades que ofrece Amarturmar é ir pescar o afamado choco de Redondela. Nesta ruta que se fai na época autorizada de captura deste molusco, de febreiro a xuño, explícase como se elaborou o bosque mariño para a obtención de proxenitores e experiméntase como se cala ou iza as distintas artes de pesca, que neste caso son tres as empregadas: trasmallos, nasas ou bou de man. Ao igual que no marisqueo a flote, ao precisar dunha embarcación, as prazas son limitadas.

Para rematar asisten á comercialización do choco a través da poxa na lonxa de Cesantes, que soe celebrarse a última hora do día, sobre as 8, de aí que a ruta se faga ou ben en horario de mañá, entre as 09.00 e as 14.00 horas ou de tarde, de 16.00 a 20.00 horas, de luns a sábado. Previa á poxa, entre as 7 e ás 8, calquera particular pode mercar na lonxa o choco.

sardiña e xoubA

Rematada a tempada do choco, da que xa só queda un par de semanas, e coincidindo co San Xoán, comeza a da sardiña e xouba. Así, especialmente nos meses de verán (xullo, agosto e setembro) os mariñeiros saen na captura deste peixe en horario nocturno. A ruta chámase a do xeito, nome que ven das redes, as redes de xeito, que son as empregadas para pescar. Denominación que, á súa vez, ven do xeito, maña e destreza coa que hai que sacar os peixes da rede, pois estes quedan ancorados pola cabeza e para que non se desfiguren débense retirar con moito coidado.

Son dúas horas de ruta, íntegras no barco, dende ás 22.00 e ata medianoite. Neste caso incluso se pode levar algo para cear, como tamén o fan os pescadores profesionais, e comer mentres corre o tempo logo de estender a rede e esperar a que caian as sardiñas e xoubas, as mesmas que, ao finalizar a ruta, o visitante pode mercar xa ao mariñeiro.

porto de cesantes

Outra das visitas que se ofrecen ao longo de todo o ano e a do porto de Cesantes, na cal se explican os distintos tipos de embarcación e artes de pesca empregadas, así como as especies que se capturan. Ademais afondan no xeito de comercialización de cada produto, no funcionamento da lonxa e no papel dunha confraría de pescadores.

En fase de estudio están outras dúas rutas, unha delas, a ruta do mar ao campo, xa se ven facendo ás veces, cando as mariscadoras dedican parte da súa xornada a limpar as algas para que non lles morra o produto. A outra sería a ruta do mexillón na Enseada de San Simón, para o cal dispoñen xa do contacto con dous bateeiros; con todo, cando realizan a ruta do choco o guía ofrece xa unha explicación do que son as bateas e todo o traballo que supón.

O prezo das rutas varían entre os 8 euros, a do marisqueo a pé e a visita ao porto de Cesantes, os 15 euros da saída en barco para a pesca de bivalvos e chocos e os 20 euros da ruta do xeito. Para reservar praza ou obter maior información ao respecto poden chamar ao 621 020 775 ou enviar un correo electrónico a info@turismomarinero.org.

O principal obxectivo destas doce persoas amantes do mar é promover un turismo mariñeiro sostible na zona de Cesantes e Redondela, que manteña un equilibrio saudable entre pesca, turismo e medio ambiente.

O desenvolvemento do sector pesqueiro artesán está directamente unido á dinamización das comunidades pescadoras que sustentan a actividade, en tanto que Amarturmar aposta pola necesidade de dar promoción socio-cultural das comunidades de pescadores, mediante a integración sinérxica das accións e programas de sustentabilidade aplicados a diferentes aspectos da realidade social do pescador (económicos, sociais, ambientais, biolóxicos e culturais) para conseguir unha pesca responsable, sostible e asegurar un futuro de benestar económico e dignidade social da profesión dos mariñeiros.

"Coa aposta en valor do turismo mariñeiro conséguese unha maior consideración social da profesión e coa participación activa do mariñeiro e do visitante mellorará a formación. Desta forma crearase un novo escenario máis propicio para afrontar outros proxectos de desenvolvemento pesqueiro con maiores garantías de éxito", aseguran dende Amarturmar.