O Concello de Nigrán acollerá o "I Certame Internacional de Música Coral Ars Canendi: As voces do Camiño", converténdose no primeiro concurso internacional de Galicia e o segundo de España , ao existir o de Tolosa, das mesmas características. Será o 27 de xuño no Templo Votivo do Mar, en Panxón.

Poderán participar un máximo de cinco agrupacións. As bases do certame están publicadas na páxina web do Concello e os interesados teñen ata o 20 de abril para inscribirse. Será o Concello quen seleccione, segundo criterios técnico-musicais, aos participantes.

O obxectivo é congregar anualmente nesta cita ás mellores formacións do país e do estranxeiro xa que precisamente o sur das Rías Baixas reúne o maior número de coros de toda Galicia e, ao mesmo tempo, no Val Miñor xurdiron nos últimos anos formacións distinguidas con premios nacionais e que xa sitúan á música coral da comunidade como referente en España.

O certame repartirá 6.500 euros en premios.