Os cabalos salvaxes da Serra da Groba e un elenco de bois de pura raza galega serán os animais protagonistas da vixésimo quinta edición da Festa da Arribada. Encherán o oco que en edicións anteriores ocupaban as exposicións de dromedarios, camelos, papagaios ou ocas cun dobre obxectivo: concienciar sobre o respecto ós animais e por en valor a cabana de equinos salvaxes da Groba, que está en vías de extinción.

Desta maneira, Baiona aposta polo produto autóctono e, para desfrutar del haberá un recuncho chamado "Establo Medieval" no Parque da Palma. Os exemplares do criadeiro de cabalos Finca Moreiras, de Oia, estará a cargo deste cortello, onde tamén haberá una mostra etnográfica dos apeiros de labranza e transporte empregados polo home na súa relación co cabalo ó longo da historia. Tampouco faltará unha forxa típica onde se amosará o oficio artesá de ferrar os cascos dos animais e un espazo chamado "Bautismo Hípico" no que os máis cativos poderán alimentar, peitear e subirse ós cabalos. En definitiva, unha programación novidosa que xira ó redor do equino para que os visitantes poidan coñecer de preto o animal que xa habitaba a Serra da Groba moito antes de que Martín Alonso Pinzón desembarcase en Baiona coa nova do descubrimento de América.

No que ós bois se refire, haberá un "Alpendre dos Bois" no que se amosará a vida do boi en Galicia. Un pequeno espazo onde atopar carros, arados, apeiros de labranza e instrumentos agrícolas de diversa índole. E, para completar esta mostra: tres bois de raza maronesa, dous bois de raza alistanos-sanabreses, un boi de raza barrosa e dos becerros de raza cachena acamparán nun recito adaptado no Parque da Palma.