A loita do rural vilagarcián na Transición

O historiador caldense Javier Frieiro fala das asociacións veciñais locais que xurdiron nos anos 70 como “verdadeiras escolas de democracia”

O historiador Javier Frieiro, diante do edificio Ribainsa construido en 1968 en Carril, froito das políticas "desarrollistas" do Réxime.

O historiador Javier Frieiro, diante do edificio Ribainsa construido en 1968 en Carril, froito das políticas "desarrollistas" do Réxime. / Iñaki Abella

María López

María López

Entre 1976 e 1979 xurdiron en Vilagarcía nove asociacións veciñais, o que supón practicamente a metade das vinte –regularizadas– que foron creadas entre ambas marxes da ría de Arousa naquela época, xusto despois da morte de Franco. Foron a de Vilaxoán (xuño de 1976), Bamio (xuño de 1976), Trabanca Sardiñeira (agosto de 1976), Santa María de Rubiáns (febreiro de 1978), Zona Xunqueira (xaneiro de 1979), Nosa Señora da Xunqueira (febreiro de 1979), San Miguel de Trabanca Badiña (marzo de 1979), Golpilleira da Torre (abril de 1979) e Santiago Apóstolo de Carril (xuño de 1979). Un importante activismo veciñal no rural de Vilagarcía no que afonda o caldense Javier Frieiro Santaya en “Ribainsa uno. Movemento veciñal e mobilización democrática nos anos da Transición en Vilagarcía de Arousa”, un dos capítulos que conforman o libro “Pasado arrincado. Lugares de memoria democrática en Galicia” que vén de publicar Galaxia. A investigación será presentada no Faiado da Memoria o próximo mes de abril, coincidindo coa efeméride da Segunda República.

Industrialización e turismo

No traballo, Frieiro fai fincapé no espertar cívico da sociedade arousá dende o movemento veciñal a raíz do descontento co Réxime, que coas súas políticas desarrollistas pretendía propiciar en Vilagarcía un modelo de crecemento económico sustentado exclusivamente na industrialización (co Iberpuerto de almacenamento de petróleo e grandes sólidos coa siderurxia a el ligada que finalmente quedou en nada) e no turismo de sol e praia, convertendo a vila nun punto de atracción de veraneantes cunha gran ansia por construcións de grande altura, se ben “ninguna das dúas vías acabou por ter os agardados bos resultados”, polo que o “milagro villagarciano”, unha sorte de paralelo a menor escala do “milagro económico español”, esfumouse de contado.

Ribainsa: 40 metros de altura ao pé da praia

En 1968 comezouse a levantar ao pé da praia Compostela o edificio Ribainsa, “un dos máis característicos exemplos daquela febre por construír alto”, un baluarte turístico da cidade, “Perla de Arosa”. Conta o historiador que o inmoble naceu como “un enorme complexo destinado ao turismo eloxiado repetidamente polas autoridades e que cos seus doce andares de altura [e casi 40 metros] viñera a privar a unha parte dos veciños da vista ao mar”.

Javier Frieiro escribiu un capítulo sobre o activismo veciñal en Vilagarcía no libro "Pasado arrincado. Lugares de memoria en Galicia".

Javier Frieiro escribiu un capítulo sobre o activismo veciñal en Vilagarcía no libro "Pasado arrincado. Lugares de memoria democrática en Galicia". / Iñaki Abella

Aínda que nun primeiro momento promovérase un edificio de catorce alturas –e noventa apartamentos dúplex– con garaxe, piscina, cafetaría, sala de festas, zona de tendas e restaurante, finalmente producíronse modificacións e foron doce as alturas construídas e non tan ambiciosos os seus usos.

O rural, desatendido

Javier Frieiro subliña que o desarrollismo dos anos setenta estaba caracterizado “por unha deficiente ou nula planificación urbana e unha insuficiente financiación”, con poboacións medrando “sen os máis mínimos criterios de racionalidade, calidade e boas dotacións”. Mentres que a administración local privilexiaba en atencións ao casco urbano, no rural escaseaban as redes de sumidoiros, asfaltado de vías, alumeado e servizos públicos como parques, escolas, recollida de lixo ou transporte.

Pero “ningún dos problemas fixo correr máis tinta na prensa rexional que o contencioso polos foros de Bamio” –recolle o libro–, no que 166 familias da parroquia estaban obrigadas a aboar centos de miles de pesetas (incluido o embargo das súas propiedades) en diversos conceptos por negarse a pagar desde había máis de corenta anos os foros vencellados ás terras que traballaban.

“A memoria democrática non se reduce ás foxas da Guerra Civil”

Javier Frieiro Santaya (Carracedo, Caldas de Reis, 1998) é licenciado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), na que tamén fixo dous másteres (un sobre historia contemporánea e outro de profesorado). Na actualidade continúa vencellado ao mundo académico elaborando a tese de doutoramento e colaborando no grupo Hispona (Historia Política e dos Nacionalismos), que dende 2021 publicou dous proxectos e creou a web www.memoriasvivas.es.

“Intentamos compilar todos aqueles lugares en Galicia relacionados con feitos e persoas que sufriron a violencia da ditadura e loitaron pola democracia”, explica Javier Frieiro, tamén membro da Iniciativa Cidadá pola Memoria Histórica de Vilagarcía. “Trátase de procurar referencias históricas na nosa sociedade que foron silenciadas, ocultas e esquecidas durante o século XX pero que existiron”, engade o autor.

Quere deixar ben claro que “a memoria democrática non se reduce só ás foxas da Guerra Civil, senón que tamén están o movemento feminista, universitario ou veciñal”.

Na súa opinión, “a sociedade en xeral ten un grande descoñecemento sobre a ditadura e a Transición porque segue estando vixente ese relato tradicional de que a Transición foi un pacto entre elites mediado por un monarca moi xeneroso no que a sociedade civil asumiu un rol pasivo, pero non foi así. Investigacións como esta poden axudar a divulgar o papel que tivo a sociedade civil nese cambio político”.

Conclúe que “o movemento veciñal moitas veces asociámolo ás grandes cidades como Madrid, Barcelona ou Bilbao, mesmo en Galicia con A Coruña ou Vigo, pero en poboacións non tan grandes como é o caso de Vilagarcía tamén se desenvolveu este movemento veciñal, e con máis intensidade nas parroquias do rural, que eran as máis desatendidas”.

Aquelas políticas desarrollistas atoparon “focos de resistencia a comezos dos setenta por parte dunha poboación que vía como se poñía en perigo a riqueza marisqueira da que o seu modo de vida dependía”. Convocáronse as primeiras manifestacións de activismo obreiro dende as conserveiras, a ensinanza, o metal e o marisqueo e naceu un importante movemento veciñal que nas autoridades locais non atopou máis que silencio ou pasividade ás súas reivindicacións, polo que optouse por “autosolucións” e tamén accións máis directas como publicacións na prensa e mobilizacións. No 1976 naceu a Asamblea Democrática de Arousa (ADA).

Desmobilización tralas primeiras eleccións

“O movemento veciñal non ficou en dinamizar lugares, parroquias e barrios e resolver as súas graves carencias materiais. O seu significado e alcance foi máis profundo”, reflexiona Javier Frieiro, quen asegura que as asociacións veciñais, cunha concepción horizontal, inclusiva e participativa, “funcionaron como verdadeiras escolas de democracia nun momento no que esta, logo de catro décadas de ditadura, se había de reconstruír dende a base”.

Curiosamente as primeiras eleccións democráticas no 79 supuxeron a desmobilización do asociacionismo veciñal. “De xeito paradoxal, a consecución da democracia, que se acabara convertendo en obxectivo último daquel movemento, levou á súa xeral desactivación”, asevera o autor.

Suscríbete para seguir leyendo