Un lenzo chamado “Uxía”

A Escola de Navegación Tradicional cede unha dorna ao colexio Torre-Illa para traballar con ela de cara ao Día das Letras Galegas e para que os pequenos poidan coñecela

Uns 150 alumnos do Colexio Torre-Illa recibiron á dorna “Uxía” no patio do centro.

Uns 150 alumnos do Colexio Torre-Illa recibiron á dorna “Uxía” no patio do centro. / A . G.

A . G.

Foi recibida por 150 rapaces no patio do colexio onde permanecerá ata preto do Día das Letras Galegas. A dorna “Uxía” vaise converter nun gran lenzo que os pequenos poderán decorar e pintar ao seu gusto mentres aprenden a identificar un elemento que significou moito na vida dos seus antergos. Ata o patio do colexio levaron a dorna varios membros da ENT que lle explicaron aos 150 nenos de varios cursos o que era esta embarcación, como estaba feita e para que servía. Será a partires de agora cando os pequenos poderán pintala e utilizala como referencia para diferentes traballos relacionados coas Letras Galegas, que se celebrarán o vindeiro 17 de Maio.

Ese día, a dorna incorporarase a outras da ENT para ser botada no peirao do Xufre xunto a aquelas que reciben o bautismo de mar. “Uxía” foi unha dorna que se puxo á venta e un socio da ENT decidiu adquirila, porlle o nome da súa filla, e cedela á Escola para que puidese ser coidada e axudase a espallar a tradición mariñeira da Illa.

Héctor Suárez, director da entidade, recoñece que os traballos que poidan facer os nenos acabarán convertíndose no cartel do Día das Letras Galegas, unha xornada moi importante para a navegación tradicional na Illa, xa que se retoma a actividade todos os anos. Tamén se utilizarán para anunciar as diferentes regatas que se celebren. Suárez recoñece que estas actividades son un acerto “porque nos topabamos co problema de que os adolescentes apenas sabían o que era unha dorna, por iso queremos traballar desde a base, ofrecendo a posibilidade de darlles a coñecer un elemento tan importante para a súa vila”. A proposta foi moi ben acollida polos profesores, cos que se contactou a través de concellería de Educación, dirixida por Elena Otero, iniciándose unha colaboración que, desde a ENT, agardan que non se quede nesta actividade.

Suscríbete para seguir leyendo