O cento de palabras agochadas na madeira dunha dorna

Rapaces de terceiro da Eso do IES A Illa recollen todo o léxico que rodea á navegación tradicional nun traballo de lingua galega

Dornas da Illa de Arousa durante unha das probas de navegación do verán.

Dornas da Illa de Arousa durante unha das probas de navegación do verán. / Iñaki Abella

A. G.

Embarcación máis común das rías galegas durante séculos, a dorna segue viva grazas ao empeño e a teima dos colectivos vencellados á navegación tradicional. Ese empeño non só salvou a embarcación propiamente dita, senón que tamén foi clave para evitar que desaparecese todo o léxico que a rodea, un léxico que se constata só coas más dun cento de palabras que se empregan para designar cada peza particular desta embarcación. No IES da Illa decatáronse de que todo ese léxico era practicamente descoñecido para os máis novos que, a pesares de ter persoas próximas que participaban nas probas de dorna, ou incluso, contar cunha dorna na casa, descoñecían termos habituais como escora, azafrán, cadeira.

Foi por iso que unha das súas mestras, Helena Domínguez, natural tamén da Illa, decidiu prantexarlle aos alumnos a recollida de todo ese léxico, reto que os rapaces asumiron con moito interese. Niso atopou a complicidade da concellería de Educación, dirixida por Elena Otero, e da Escola de Navegación Tradicional, ademáis de recurrir aos máis veteranos mariñeiros da Arousa para ir descubrindo que, practicamente cada caderna da dorna ten un nome particular que a identifica. “A nosa intención tiña dous obxectivos, por unha parte, amosarlle aos alumnos que navegar en dorna é case como aprender unha lingua nova, e por outra, a de darlles a coñecer o que significou para A Illa esta embarcación”, explica Domínguez.

Somerxerse nese mundo foi un gran descubrimento para os alumnos, que lles permitiu atoparse con que os antigos mariñeiros da Arousa non utilizaban as palabras “babor” ou “estribor”, senón “couso” e “meo”, que cando unha parella casaba na Arousa hai un século, se había posibilidades, o home aportaba ao matrimonio a dorna, como sinónimo de sustento, e a mullera cama e o seu enxoval, as dúas cousas básicas para comezar cunha familia, e que se lles agasallaba con elementos que puidesen complementar esas dúas cuestións.

Chegouse a falar cun dos últimos carpinteiros de ribeira que quedan na Arousa, un señor de 90 anos que se convertiu nunha referencia básica para completar o enorme léxico que rodea ás dornas. Os mozos tamén profundizaron nos nomes das dornas, todas elas bautizadas con nomes de mulleres, sobre todo de nais, esposas ou irmás, aínda que non faltan exemplos de propietarios que optaron por porlles nomes con especial sonoridade ou que lles soaban simpáticos. Descubrir a teoría de que esas dornas que algún familiar ten pola casa tamén poden ter un pasado vencellado aos drakkar vikingos foi todo un impacto para os rapaces que participaron nesta iniciativa impulsada desde o departamento de Lingua Galega.

Os 42 alumnos de 3º da ESO que participaron neste traballo de recopilación do léxico tamén acudiron ao Centro de Usos Náuticos do Bao, onde tiveron a ocasión de ver como se recuperan as dornas despois dunha tempada de navegación. Alí recibiron unha aula práctica dese léxico e outra de facer nós mariñeiros que os deixou impresionados. “Cremos que pode ser importante para acabar con esa fractura xeracional que estaba impedindo que os máis novos se acheguen ao mundo da navegación tradicional, porque a vían como algo de xente maior e non como algo que lles axuda a identificarse co seu pobo”, explica Domínguez. Insiste en que “non é que non soubesen exactamente o que é unha dorna, a gran maioría si a tiñan visto, pero esta embarcación que tanto significou para a Arousa atopábase moi lonxe dos seus intereses”.

Dígocho eu

O esforzo en recuperar palabras como “xemelgas”, “imbornais” ou “cadeira” entre moitos outros vai ter esta semana unha recompensa moi particular, participar na grabación dun dos programas do Dígocho eu, o programa da TVG que presenta a comunicadora Esther Álvarez. O traballo presentouse ao concurso que se organiza desde o programa, sendo un dos seis escollidos para participar na final. O mércores, a partires das 11.00 horas, Álvarez desembarcará na Arousa desde a cuberta dunha dorna da Escola de Navegación Tradicional da Illa. Alí será recibida por unha delegación de dez rapaces que a levarán nunha viaxe pola Arousa para descubrir todo ese léxico que inda se mantén como un dos legados máis ricos que garda o seu pequeno municipio.

Suscríbete para seguir leyendo