Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Benito Leiro Conde | Autor de “Julio Camba. Un nudista en Vilanova”
Benito Leiro Conde Autor de "Julio Camba. Un nudista en Vilanova"

“A sutil ironía de Camba xa non se ve, o columnista tipo actual é máis de sarcasmo”

“Sempre amosou moito cariño pola súa vila natal, Vilanova de Arousa, á que citou en ducias de artigos”

Benito Leiro na escultura adicada a Camba no parque de Vilamaior de Vilanova. Iñaki Abella

Cronista oficial de Vilanova desde o ano 2020, Benito Leiro exerceu a profesión de xornalista durante máis de trinta anos, unha profesión que o levou a admirar e a investigar sobre a vida de Julio Camba, nacido no mesmo barrio de Vilanova que el, o de Vilamaior. Acaba de sacar do prelo o libro “Julio Camba. Un nudista en Vilanova”, o froito de trinta anos de investigacións sobre o coñecido columnista.

–Cómo descobre Benito Leiro a Julio Camba

–Descubrino na biblioteca do meu pai, con doce ou trece anos. Foi nese momento cando tiven as primeiras nocións sobre a súa figura, e despois enteraríame que era de Vilanova. Lembro que o primeiro libro que lin foi “Playas, ciudades y montañas”, no que falaba da comarca.

–Que significaba Vilanova para Julio Camba?

–Sempre amosou un cariño moi grande polo seu pobo natal, porque el, ao longo da súa traxectoria profesional lembraba a súa vila, falaba en ducias de artigos dela, das súas xentes, das festas, das obras que ían logrando definir un urbanismo novo, sobre todo a que enlazou a estrada comarcal coa vila e despois dou orixe ás obras do porto, a principios do séciulo XX. Tamén falaba das anécdotas que lle pasaron de pequeno.

–E como vía Vilanova a un home tan peculiar como era Camba?

–A xente tíñao en moi alta estima, porque era afable e sinxelo, non era un home que gardara distancias ou que fose distante por terse ido a Madrid. Hai reseñas en hemerotecas onde se conta que acudía a moitos eventos sociais, como enterros ou festas. Tamén acudía a Vilanova os veráns e tiña moitas amizades no casino, cos fomentadores, salazoneros e fabricantes.Tamén se levaba moi ben cos mariñeiros, entre eles o barqueiro que o levaba a á praia do Terrón, onde practicaba o nudismo.

–Foi sinxelo recuperar toda a información que sae no libro?

–Foi complicado porque eu non sabía se existía documentación sobre el. Existía a partida de bautismo como xa publicara Socorro Girón nos anos 80, e un especie de pequeno pasquín que publicara o Concello de Vilanova con motivo do seu pasamento, pero non moito máis. Eu tiven a sorte de contactar coa familia Pombo, amigos dos Camba. Eles gardaban moita documentación que hoxe forma parte do corpo fundamental do libro. Os fondos proceden dese legado dos Camba que custodiaron as irmáns Pombo durante sesenta anos. Carmela, Margarita e Lourdes Pombo contáronme anécdotas de Camba e ensináronme documentos que me deixaron asombrado. Lourdes abreume o cofre dos papeis íntimos de Camba no ano 2007. Ese foi o momento crucial, porque nese vin que tiña unha biografía apaixonante por diante. Toda esa documentación foiu donada pola familia Pombo ao Concello para o proxecto de musealización da casa dos Irmáns Camba.

As irmáns Pombo foron clave para que este libro puidese saír do prelo

decoration

–Non era demasiado avanzado para o seu tempo Camba?

–Era un home que vivíu sempre á súa maneira. Existía un estilo Camba na escrita e no modo de vida. Era moi avanzado no tema do nudismo nun momento no que non había bañistas nin turistas. Tamén o foi nas novas tecnoloxías.A primeira radio que houbo en Vilanova tróuxoa el de Londres e deixoulla aos Pombo porque como sempre estaba de viaxe non podía utilizala. Cando estaba en Vilanova e quería enterarse das noticias, acudía á casa dos Pombo.

–Esa forma de ser chegoulle a causar problemas políticos?

–Moitos. O máis grave foi en Buenos Aires, a onde el chegou como polisón con 17 anos. Nun primeiro momento, tivo certo contacto co galeguismo, pero despois xuntouse aos círculos anarquistas onde fixo carreira e comezou a colaborar cos xornais. Despois de montar unha folga xeral, na que el participou activamente, foi expulsado en 1901 por revolucionario. Tamén sería expulsado de Alemaña, Francia e de Suíza, porque non lles facía graza o seu humor Outro problema grave tívoo en Madrid. El fundara unha publicación anarquista, El Rebelde, e na voda de Alfonso XIII, cedeulle a súa acreditación a Mateo Morral. Ainda que non tiña nada que ver co atentado que perpetrou Morral, acabou sendo xulgado. Tampouco faltaron problemas na época republicana e coa censura franquista.

–No xornalismo polarizado estatal, quedan xornalistas que se poidan comparar con Camba?

–Ninguén é capaz de utilizar o humor ou a ironía como o facía el. O que máis se pode achegar é Ánxel Vence, que practica unha ironía moi aguda e divertida. O columnista tipo actual é moi belixerante e non ten moito sentido do humor, utilízase máis o sarcasmo que a ironía, por iso penso que Camba é inimitable porque nunca houbo un articulista que fose capaz de arrincarche un sorriso ou unha gargallada en cada artigo. Iso non é nada fácil. Curiosamente, a maior parte dos articulistas, e reflíctoo no libro, decláranse admiradores de Camba, como é o caso de Manuel Jabois, Arcadi Espada ou Manuel Vincent, e incluso o consideran un mestre.

–Existen artigos de Camba en lingua galega?

–Nos seus inicios escribiu varios poemas en gaslego en publicacións como La Idea Moderna de Lugo, o Diario de Pontevedra ou en Revista Gallega de A Coruña. Tivo relación con xente do galeguismo, e os seus poemas estaban influenciados por Murguía ou Cabanillas. Duroulle ata que chegou a Buenos Aires e contactou cos círculos anarquistas, deixando de prestarlle atención ao galeguismo. Ao longo da súa vida chegou a ser moi crítico co nacionalismo galego, mantendo unha aceda polémica na prensa con Vicente Risco.

Benito Leiro en Vilanova Noe Parga

“ A Valle gustáballe a rebeldía de Camba e o seu vencello cos círculos anarquistas”


Cal era a relación que mantiña con Valle-Inclán?

–A relación con Valle tivo altibaixos. Cando Camba era máis novo, Valle non lle caía moi alá porque o vía moi maior. Non lle gustaba o seu estilo literario, porque era demasiado barroco e recargado. Tiñan caracteres diferentes. De todas formas, a medida que comezaron a coincidir nas tertulias, comezou a aparecer o aprecio. A Valle gustáballe a rebeldía de Camba e os seus vencellos co anarquismo. Co paso dos anos, chegaron a levarse ben e Camba chegou a escribir un artigo onde pedía un pazo galego para Don Ramón nunha campaña impulsada por intelectuais nun momento no que Valle non se atopaba ben.

–Pode que a figura de Valle tape á de Camba en Vilanova?

–A nivel literario, seguramente si, porque Valle é un titán e a súa obra dalle aos críticos para escribir sobre ela durante séculos. Pero creo que se trata de dous escritores que non competían entre si. Camba nunca tivo a ambición de ser alguén importante. El non aceptaba que lle chamasen escritor, considerábase, como moito, columnista e non entraría nunca nese tipo de competencias.

–Ten máis proxectos en mente relacionados con Camba?

–Agora que rematei o libro, están aparecendo novos datos e nova documentación que localizou José Guillermo Pombo. Foi unha pena, pero iso vai ter que quedar para un artigo a publicar en Cuadrante ou nos medios de comunicación. Son datos moi interesantes que non puideron chegar a tempo para o libro e que penso que deben ser coñecidos. En canto a outros proxectos, gustaríame facer unha biblioteca de autores vilanoveses, creo que sería interesante. Vilanova é unha vila literaria e non se para en Valle-Inclán e nos irmáns Camba. Hai outros escritores que non alcanzan ese nivel, pero que debería ser recoñecidos e figurar nesa biblioteca. Non é algo complicado e co tempo ha de poder facerse.

Compartir el artículo

stats