Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Culturmar rende homenaxe ao sueco que mellor coñecía os barcos tradicionais galegos

A Copa Staffan Mörling contará con cinco eventos de navegación a vela en Portonovo, Cambados, O Grove, A Illa e Combarro

Unha proba de dornas na ría de Arousa INAKI ABELLA DIEGUEZ

Naceu en Suecia, pero quedou namorado da riqueza que Galicia posúe en embarcacións tradicionais. Staffan Mörling escribiu a que pode considerarse a biblia da navegación tradicional galega, onde están catalogados todas e cada unha das tipoloxías que navegaron durante séculos o litoral galego.

Falecido en maio de 2020, a Federación Galega pola Cultura Marítima (Culturmar) tiña unha débeda pendente coa súa figura que vai tratar de saldar coa creación da que será a Copa Mörling, un evento que nace, explicaban este fin de semana desde a entidade, como mostra de agradecemento a toda a labor realizada en prol da salvagarda das embarcacións tradicionais galegas polo etnólogo e antropólogo sueco.

Entre os meses de xullo e agosto, as vilas de Portonovo (18 de xuño), Cambados (2 de xullo), O Grove (30 de xullo), A Illa de Arousa (6 de agosto) e Combarro (27 de agosto) serán escenario das cinco regatas desta primeira edición da ‘Copa Mórling’. Serán competicións de, aproximadamente, dúas horas de duración e que terán lugar os sábados pola tarde, excepto a de Combarro, que será pola mañá.

As regatas de dornas a vela, son de lonxe unha demostración de saberes tradicionais que forman parte do rico patrimonio inmaterial que supón a navegación tradicional con vela de relinga. Co obxectivo de promover e estimular a participación neste tipo de eventos, Culturmar conseguiu unificar catro regatas de dornas a vela que xa existían en Galicia, como son a do Sepelo (Portonovo), Salnés (Cambados), dos Faros (O Grove), Triángulo do Cantiño (A Illa), e engadir unha nova, a da Reiboa en Combarro. Os colectivos de Culturmar que organizan as regatas son a Asociación A Torre de Cambados, A Reiboa de Combarro, a Asociación Amigos da Dorna de Portonovo, a Asociación Cultural e Deportiva Dorna da Illa de Arousa e a Dorna Meca do Grove.

Os colectivos de Culturmar que organizan as regatas son a Asociación A Torre de Cambados, A Reiboa de Combarro, a Asociación Amigos da Dorna de Portonovo, a Asociación Cultural e Deportiva Dorna da Illa de Arousa e a Dorna Meca do Grove.

decoration

A presentación da Copa Mörling tivo lugar en Bueu, onde o presidente de Culturmar, Xosé Luis Sacau, destacou na presentación deste circuito de regatas que, aínda que existe un aspecto competitivo, “a finalidade última é a convivencia e a cooperación entre embarcacións e colectivos de diferentes partes de Galicia”. Deste xeito, a ‘Copa Mörling’ servirá para afianzar os lazos de unión e xerar impacto turístico nas vilas costeiras onde se celebra cada unha das xornadas. “Queremos barcos vivos no mar, non mortos nas rotondas”, rematou Sacau.

Uxío Allo, da Asociación Cultural Dorna da Illa da Arousa, un dos colectivos máis veteranos de Culturmar, fixo un chamamento á participación do máximo número de embarcacións e entidades para axudar a medrar esta competición e “espallar a cultura mariñeira das dornas”. Pola súa banda, Iago Otero, da asociación A Torre de Cambados, falou da importancia de “mimar e coidar as embarcacións” para manter a tradición. “A xente máis nova que nos gusta este mundo debemos buscar embarcacións que están desfeitas para darlles unha nova vida”, engadiu.

As cinco regatas previstas ao longo do verán serán de tipo triangular e preto das radas de cada vila para, deste xeito, mellorar a visibilidade para o público desde terra. A ‘Copa Mörling’ terá un sistema de puntuación para estimular a participación das dornas. Ao final desta competición, haberá un trofeo para as embarcacións que queden nas tres primeiras posicións no cómputo xeral. No caso de empate, as dornas farían un largo barlovento-sotavento para desempatar. Ao finalizar cada regata, haberá unha xornada de convivencia entre as persoas participantes.

Compartir el artículo

stats