Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

"Nova Maruxa": A dorna que parou as motoserras

A súa destrución levou á administración a abrir a posibilidade de ceder as embarcacións con contido patrimonial a asociacións sen ánimo de lucro

A “Nova Maruxa” permanece no peirao do Cabodeiro á espera de volver navegar pola ría de Arousa. Iñaki Abella

Era xullo de 2003 e na Illa celebrábanse os VI Encontros de Embarcacións Tradicionais, un evento que comezaba a ser un referente na costa galega, non só pola gran cantidade de actividades que acollía, senón tamén por conseguir espertar o letargo no que vivía a preservación da espectacular riqueza de tipoloxías que ocultaban as costas galegas. Nunha das exposicións que se celebraban ao abeiro dos Encontros nace a historia da “Nova Maruxa”, unha dorna de tope, dapoucas que xa ían quedando daquela, de case seis metros de eslora. Esa dorna foi recollida polos organizadores dos Encontros para expola totalmente desguazada, porque fora nun desguace onde a recolleran porque ao seu propietario obrigáralle a lei a facelo para poder construir outro barco, e impedíndolle cedela a varias asociacións que estaban interesadas en rehabilitala e recuperala.

Con esa imaxe, a organización pretendía amosar o que estaba a ocorrer co patrimonio marítimo, condeado a desaparecer por culpa dunha lei que non amosaba o máis mínimo interese pola tradición. Ese obxectivo abofé que se conseguíu, porque foi a partires dese momento cando a administración comezou a darse conta do que se atopaba no camiño de desaparecer e abríu as portas a que os propietarios de embarcacións que quixesen desfacerse delas puidesen cederllas a entidades sen ánimo de lucro, adicadas á preservación da cultura marítima, sempre e cando, existise un compromiso en firme para a súa recuperación.

Salvador Allo, presidente de asociación cultural e deportiva Dorna e responsable da área de Navegación Tradicional, lembra como “decidimos expola na lonxa, entre outros barcos, pero coa motoserra pasada por tres puntos vitais para que a xente se dese conta do que lle podía pasar a unha riqueza propia que tan só uns tolos comezáramos a tentar preservar uns anos antes”. Esa imaxe foi moi importante, nun momento no que en Europa estaba en auxe a recuperación deste tipo de barcos

A historia de embarcación, pese as feridas case mortais que sufreu naquel momento, continuou. A asociación Dorna decidíu recuperala coa colaboración dun carpinteiro de ribeira. Aquilo non resultou sinxelo xa que levou moito tempo reparar as fendas e curar as feridas. Sen embargo, moi poucos anos despois, xa estaba navegando pola ría de Arousa.

Esa situación durou un par de anos, ata que, no regreso de Vilaxoán, onde se acostumaba a gardar gran parte da flota tradicional da Illa durante o inverno, quedou aparcada nunha nave do Naval.

Alí foi pouco a pouco esmorecendo, cos integrantes de Dorna facéndolle as tarefas de mantemento necesarias pero, ao tratarse dunha embarcación moi pesada, sen saír a navegar. Sen embargo, esa situación rematou. Despois dunha reparación en profundidade, a “Nova Maruxa” volverá a navegar, recibindo o seu rebautizo de mar o vindeiro martes, Día das Letras Galegas.

“Metémoslle un madeiro no codastre e algunhas reparacións menores, pero o que verdadeiramente necesitaba a Nova Maruxa era auga de mar; a madeira respostou perfectamente porque tiña enriba moito traballo e moito cariño e iso é algo que os barcos agradecen moito”, sinala Allo. Que o vindeiro martes volva a navegar é “un éxito dun bo feixe de persoas que se emperraro nen que volvese a ser así, para que se destine ao que sempre quixemos a navegar. Con capacidade para catro ou cinco tripulantes, a “Nova Maruxa” pode converterse nunha embarcación que sirva para ese primeiro contacto co mar ao lombo dun barco tradicional, espertando o interese pola navegación a vela.

A “Nova Maruxa” agarda por ese rebautizo que se vai celebrar no Xufre, sempre e cando as condicións meteorolóxicas o permitan, empapándose de auga de mar no entorno do peirao do Cabodeiro, onde permanece rodeada de moitas outras embarcacións ás que ela lles evitou probar os dentes da motoserra ou que as lapas do lume acabasen por deboralas.

Compartir el artículo

stats