Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ramón Caride | Escritor

“Como non miramos aos lados, un día vén a realidade é pásanos por enriba”

Ramón Caride Ogando, co seu libro, onte na Alameda de Vilagarcía. | // IÑAKI ABELLA

Ramón Caride Ogando (Cea, 1957) vén de publicar no selo Edicións Embora un libro de relatos titulado “A velocidade crítica”. Un volume que consta de 35 historias de corte realista nas que hai espazo para o humor e a denuncia das contradicións da sociedade actual. Caride presenta o libro esta tarde en Vilagarcía.

–Empezando polo principio, a portada semella toda unha declaración de intencións, cunha enorme man negra e o lema “futuro de merda”. ¿Anticipa un libro amargo, pesimista?

–Esa imaxe de Emma Castañeiras estaba antes que o libro, e ten unha doble lectura. O libro en si é traxicómico, porque en 35 relatos hai de todo. Pero o que sempre está presente é unha certa distancia, unha compaixón; por moi patético que sexa o personaxe, o autor sempre empatiza con el.

–Afirma que son relatos moi realistas, pero aos personaxes ocórrenlles en ocasións feitos estraños, insólitos.

–O feito de que aceptemos a realidade débese a que non nos paramos a mirala. Parece que miramos moitas cousas, pero en realidade non as vemos. A maior parte das veces movémonos como marionetas e se nos parásemos a pensar veríamos que facemos cousas disparatadas.

"Non creo que aprendamos nada da pandemia, e haberá máis"

decoration

–¿Ten que ver esa falta de reflexión coa velocidade crítica á que alude no título do libro?

–Como andamos pola vida tan lanzados, non nos paramos a mirar a realidade. E como non miramos aos lados, vén un día a realidade e pásanos por enriba.

–O sector cultural viuse moi castigado pola pandemia, sobre todo o vinculado á música e as artes escénicas. ¿Como lle afectou á industria literaria e aos escritores?

–Aos escritores afectounos no sentido en que nos illou, nos privou do contacto social que supuñan os congresos e feiras do libro. Pero por outra parte, semella que a xente empezou a ler un pouco máis.

"Esta civilización tamén caerá, como caeron as anteriores"

decoration

–¿Tentouno nalgunha ocasión a idea de escribir sobre esta crise sanitaria mundial?

–Eu necesito sempre unha certa distancia. Non son de escribir en quente. Non sei o que farei no futuro, pero neste momento hai unha sobresaturación de textos sobre a pandemia. Si creo que deberiamos aprender un pouco de todo isto que pasou.

–¿Sacará algunha lección a humanidade?

–Non creo que aprendamos nada, e volverá a pasar. Pandemias como esta hóuboas na Idade Media, no século XX, agora... e volverá a habelas.

–¿Amosou o coronavirus que a humanidade é un xigante cos pés de barro?

–Si, pero así foi sempre. Esta civilización tamén caerá, como caeron as anteriores. O problema é que nos falta perspectiva. Poucas cousas das que pasan agora non pasaron antes nalgún momento. Por exemplo, agora fálase da globalización, pero se vas ao Museo de Pontevedra e atopas uns restos de cerámica antiga grega decátaste de que xa daquela o mundo era globalizado.

Compartir el artículo

stats