Coa preamar en marcha, máis de vinte embarcaciones tradicionais comezaron onte na praia de Vilarello, en Valga, unha das travesías máis emotivas do calendario, a coñecida como “Inchadiña branca vela” unha particular homenaxe que os mariñeiros rinden á figura de Rosalía de Castro. Entre os tripulantes desta travesía atopábase a presidenta da Deputación, Carmela Silva, converténdose na primeira responsable dunha administración que participa neste evento.
A travesía foi lenta, aproveitando o vento e a marea para irse achegando ata o río Sar, por onde se desviaron as dornas e as embarcacións que poden pasar por debaixo das pontes que hai antes de chegar a Padrón. A flota encarou a chegada ao parque do Espolón, onde se atopa un busto da escritora, desembarcando todos os tripulantes para facer un desfile cos remos en alto para lembrar unha das figuras máis senlleiras da literatura e da cultura galega. A maior parte da flota regresou á praia de Vilarello, aínda que algunhas das embarcacións fixeron noite no Espolón.
Dornas, bucetas, galeóns e volanteiros desembarcan no Espolón de Padrón para lembrar a figura da escritora
Esta actividade leva celebrándose desde o ano 2013 no que as boas relacións que existen entre a asociación cultural Dorna da Illa e a Fundación rosalía de Castro acabaron cristalizando nesta homenaxe. Ese ano cumpríanse 150 anos da publicación de Cantares Gallegos, a obra que marca o Rexurdimento da literatura galega. Desde entón, converteuse nunha cita ineludible que, cada ano, suma máis embarcacións, non só da ría de Arousa, senón tamén doutros puntos de Galicia. Tan só o ano pasado a participación no evento foi mínima debido ás restriccións fixadas pola COVID-19. Ese ano tan só participaron un par de dornas e “O Piueiro”, un volanteiro da Guarda que loce desde a súa recuperación unha vela coa cara de Rosalía e o lema “Eu son libre”.