Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Rehabilitación do vello profesor

Cumpridas todas as condenas derivadas dos expedientes de responsabilidades políticas instruídos polo rexime franquista, regresa de Londres en 1956, recuperando a súa habilitación e traballando como profesor de lingua inglesa no Instituto Laboral de Vilagarcía, onde varias xeracións de arousáns serán alumnos seus, sen calquera coñecemento do seu pasado de compromiso político ou cultural; moi apreciado polo alumnado, caracterizado polo seu carácter apacible e os seus avanzados métodos de aprendizaxe do inglés con gravacións en soporte disco ou magnéticas, e os seus apuntamentos e exercicios divulgados en papel multicopiado en ciclostil. Foi comisionado polo Ministerio de Educación para representar ao profesorado do Estado español na Conferencia Europea de Educación, celebrada en Viena, en 1964, dedicada ao "ensino dos idiomas modernos" o que significou un enorme recoñecemento das súas altas capacidades para a didáctica de idiomas non propios.

Con residencia familiar en Cambados, e posto laboral en Vilagarcía, Plácido Castro implícase, a falta de actividade política posible, no deseño e desenvolvemento de proxectos de romaxes de carácter popular como a Festa Viquinga, a do Albariño ou o Camiño Xacobeo. Organízase no grupo de tendencia culturalista que se xunta en Vigo e Coruxo arredor dos Álvarez Blázquez, Xaime Illa, Cunqueiro e Fernández del Riego. Inicia nos primeiros meses da 1960 as súas colaboracións en medios como o Diario de Pontevedra, El Pueblo Gallego e sobre todo no FARO DE VIGO, diario no que expresa as súas opinións sobre o turismo, o patrimonio natural e o medio ambiente.

Compartir el artículo

stats