-¿Cómo están as posibilidades laborais en Praga respecto a España? ¿E as condicións salariais?

-A día de hoxe a Chequia e en particular Praga é o lugar coa taxa de desemprego máis baixa da UE. Pola contra temos que o Estado español está entre os que teñen os maiores niveis de desemprego. Galiza, por desgraza, non é dos territorios que mellor están, polo que estamos a comparar dúas realidades moi diferentes. Aquí as empresas incluso teñen dificultades para cubrir as vacantes, é un mercado laboral bastante dinámico. No tema dos salarios hai que ter en conta varias cousas, non é un país cuns salarios moi altos como Dinamarca ou Suíza, pero o custo da vida é menor, polo que unha cousa compensa a outra. No meu sector hai moita demanda de profesionais, polo que as condicións son bastante boas.

-Suponse que nunha cidade tan turística como Praga tocaríalle máis dunha vez facer de anfitrión de amigos.

-Pois si varias veces, aínda que como non hai unha ruta directa é un destino que á moita xente se lle fai complicado, especialmente para visitas curtas.

- Na súa rutina diaria quédalle tempo tras o traballo para...

-Praga é unha cidade que ten moitas opcións para que non exista unha "rutina diaria" se non queres... pero sempre hai tempo para ir tomar algo cos amigos ou compañeiros despois do traballo, ir a un concerto ou visitar algún dos mercados de Nadal que nesta época ocupan as prazas da cidade.

- En cuestión de idioma, ¿como vai a súa evolución?

-Deféndome relativamente ben e úsoo a diario, pero aínda me queda moito que aprender. É un idioma complexo, cunha estrutura moi diferente ao galego ou calquera idioma latino, polo que aprendelo ben custa, sobre todo porque non é o idioma que uso no traballo

-¿Custou moito tomar a decisión de marchar de Vilagarcía? ¿Gustaríalle voltar ou non hai morriña no seu caso?

-No meu caso non foi unha decisión que tomei da noite para a mañá, foi máis ben un proceso, polo que non custou moito. Retornar sempre está aí no aire, pero agora mesmo penso que non é o momento. Vou a casa sempre que podo, Praga está lonxe, pero tampouco é Australia, a non ser que o traballo non o permita, non me perdo ningunha celebración.