Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

O mundo Rom en "panchedeke" (15) glosas

(Continuación)

Muller e nena arranxando a imaxe de Santa Sarah Kalí, que veneran en Santas Marías do Mar, Comarga, Delta do Ródano, os Rom de diversos países.

GACHÉ.- Segundo a morfoloxía Rom, gachó masculino, gachí femenino, gaché plural de masculino e de feminino. Así lles din os Rom aos humanos que non somos Rom. Parece palabra que usan, co mesmo significado, todos os Rom do mundo. Os Kaiet sustituíronna, en parte, polo galeguismo paio debido a que moitos campesiños da nosa Terra usaban este nome como propio cando as clases urbanas o desprezaban. O que revela que gaché acumula no seu significado a idea de "campesiño ignorante e susceptíbel de ser enganado". Usoz, en 1837, recolle no Kaló español a forma paíllo.

GRAS- Ou gra, e outras variantes, é "cabalo". Este animal está no centro da cultura dos Rom, seguido, na escada valorativa, polos burros, múas e burreños. O pobo Rom sempre traficou con estes animais, e en boa parte dos refráns Rom aparecen cabalos, burros e machos. Na actualidade os Rom son apaixonados dos automobeis e, non hai moito, había, en toda Alemaña, Rom dedicados ao negocio dos coches de segunda man. No Fondo dos Espellos está sempre François Borja, un Kaló marsellés especializado no comercio internacional de automobeis roubados.

INDIA.- Os Rom descoñecen a súa orixe. Son ágrafos e ahistóricos. Proceden do Norte de a India e, desde esta patria ancestral, fóronse extendendo cara o Occidente a partir da alta Idade Media. Demoraron en Persia e no Imperio Bizantino. Aseguran certos autores que unha póla dos Rom progrediu polo N. de África e pasou á Península Ibérica, e estes serían os chamados Kalé ou Zinkalé. Nos séculos XIV e XV distribuíronse por toda Europa. Moitos dixeron ser procedentes de Exipto, de aí os xentilicios Gypsies, Gitanos, Ciganos. Outros dicían vir de Bohemia e de Flandes, por iso lles chamaron Bohemiens, ou Flamencos. Non é seguro que no Norte da India permanecesen grupos de Rom.

KALÉ.- Forma plural do masculino kaló e do feminino kalí. O adxectivo significa "megro, preto" e del viría tamén Zinkalé. Hoxe chámanse Kalé aos Rom máis propios da Iberia e de Occitania. Castelán e portugués son as linguas con que se mesturou o Romanó neste caso, por iso lle chaman Kaló ao idioma. Gitanos, xitanos, Ciganos, Gitans, Calé, Caloré, Calorros, son chamados habitualmente os individuos deste grupo por outros Rom e por gaché. Cada ano peregrinan Rom de toda Europa ás Santas Marías do Mar (Camarga, Provenza, lugar mistraliano): vanlle cantar e tocar á imaxe de Santa Sara a Kalí, imaxe relixiosa que é negra como o seu nome indica e identifican cunha deusa da India.

MENGUE.- Nas crenzas difusas dos Rom encóntranse os mengues. Trátase de seres inmateriais, beneficiosos ou molestos. Gardan semellanza con espíritos que o P. Feixóo ridiculizou con moito xeito.

MOINANTES.- Eles desígnanse a si mesmos como Ambulantes e non queren ser identificos cos Kalé para nada. Varían de asentacións cada tres ou catro xeracións. Tiveron kel ou casa de inverno en Leres, Pontevedra. Hoxe paran máis ben por Carballo e Coristanco, e tamén na mesma Coruña. Son de pel e cabelo máis claros ca os Kalé. Falan correntemente galego. Definímolos coma Rom porque falan Romanó se queren, cantan flamenco de xeito moito natural e practican o matrimonio por rapto ritual, entre outras moitas cousas. Aseméllanse aos chamados Manouches en Francia, Piemontesi en Italia, Mercheros e Quinquis en España e Sinti en diversos territorios de Europa.

Moitos Moinantes, igual que outros Rom, teñen como modo de vida a explotación de casetas e atraccións nas festas. Teño ouvido decer que José Silvent, o creador do teatriño de borreaos do Barriga Verde que triunfou en todos os nosos arraiais festeiros, estaba relacionado familiarmente con Moinantes. O Barriga Verde era un espectáculo de guiñol moi aplaudido na década de 1950 (tal vez máis) e nas grandes festas populares de Galicia. O idioma utilizado pr Silvent no seu retábulo era o galego. Manuel María emulou e fíxolle homenaxe a Barriga Verde.

FIN

CAIXA POSTAL

  • Paulo de Souza é un procurador coruñés de rarezas insignes. Coñecino nas proximidades de Punta Herminia e do monumento aos asasinados do Campo da Rata non lonxe do que lle erixiu a Coruña ao Pai Breogán. Por internet, mar nunca por min navegado, anda Souza desvelando persoas solitarias, ou non, que coleccionan nas súas moradas obras de arte e decoración das que non entran nos museos nin forman parte das instalacións da academia contemporánea. Animais en cerámica con barcos en Arteixo, as pezas maravillosas de Asunción Antelo en Coristanco. Tamén baixou ás marxes do Arnoia para comentar e fotografar o ámbito onírico no que viviu Antón cando deixou de vender libros de Álvarez Blázquez no furgón e montou un sanatorio máxico en Santa Baia de Anfeoz e Outomuro, a tiro de pedra de Vilanova dos Infantes. E cousas así. Eu recomendeille a Souza visitar unha especie de base de naves espaciais que vin no santuario de Pastoriza da Coruña, que é reminiscencia prehistórica. Aprezo moito que Paulo de Souza practique e defenda as falas chamadas Koruño, e sobre todo que recoñeza nelas a forte pegada do Kaló. Máis lle agradezo que saque á luz o grupo fascista MRA ("Movemento de Resistencia Aria" "ou Ariana")-Galiza. Eles odian Che Guevara e adoran a Murguía. En realidade son reintegracionistas, coma o derradeiro Carvalho Calero. Eles serán independentista galegos nazis? Non. Eles son españolistas e o seu lema é "Gallaecia nunha Hispania étnica Nacional-socialista". Vexan: paulodesouza.com. "Sitio distinto",Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats