Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

A dura maxestade do Silencio: Xohana

A dura maxestade do Silencio: Xohana

Onte abrazamos a Andrea, a Rubén, a Dolores, e dixemos adeus para sempre a Xohana Torres. Na taberna cumprimentamo-lo rito de comensalidade Axeitos, Euloxio Ruibal, Paco F. Rei, Angueira, Manolo González. Connosco estaba, sempre coa memoria pronta, Ramón González Costas, que asinara no libro do velorio como membro de Organización Obreira. Foi cando recordei a chamada telefónica que Xohana me fixera consternada, en 1972. Eu estaba en libertade condicional. "Ferrol encóntrase en estado de sitio. Un destructor patrulla ao largo. Móvense helicópteros. Parece que morreu xente". Agora recordo a voz, acristalada, de Xohana Torres dándome conta do inicio do acontecemento de 1972.

Estaba este cronista no primeiro curso de Facultade, en Compostela. Alguén levou ao Español un xornal de Vigo. Se cadra un Faro se cadra a Folla do Luns. Unha moza chamada Xohana Torres acababa de conseguir o premio de poesía da Asociación da Prensa, Marqués de Valladares, porta con porta co consulado de Portugal. A moza explicábase moi ben na interviu. Dicía que ela era poeta só en galego e que o sería sempre. Houbo grande rebolicio e o nacionalismo recibiu os insultos mesmos que hoxe recibe. O Cadenas, ou sexa López Nogueira, coñecía a Xohana de Ferrol. Por fin conseguimos saudala en persoa. Xa non a veremos cos ollos da cara.

Levaba ela fular e pucha se cadra beige. Participaba no ciclo de Homenaxe á Poesía Galega, no Mercantil de Santiago. Aquelo constituiu un acontecemento xeracional do xénero dos que estuda Julius Petersen. O ciclo abriu a billa do uso público do noso idioma, e coido que era o ano 1956. Xohana, tras dun brillante introito, repasou a poesía galega do século XX nunha antoloxía persoal que revelaba o seu gusto avanzado e os seus coñecementos. Recitaba moi ben, Xohana. Ela e Laura facían un bon dúo alternante. Co tempo gravarían discos.

Prodúcese un apagón na memoria. Logo, faise unha luz gloriosa. Reaparece Xohana nun cambio de avións en Madrid, onde é recibida nos Mariscos. Lembro ver con ela a Cribeiro, a Patiño, a Ferreiro, a Carlos Martínez Barbeito, a César Arias, e tamén ao Ben-Cho-Shey. Falouse de pintura informalista e de Paul Eluard en termos de poesía da Libertade. Foi por aquel tempo cando Xohana se aproximou a Vieiros de México, o cal significaba moito para nosoutros os desadaptados.

Na década dos sesenta Xohana Torres e o seu home, José Ellacuría, escollen Vigo, onde el e ela habían morrer. Eiquí naceu Andrea. Sobre o 65 foi a emisión de Radio. Ofreceuse Radio Vigo, e La Voz de Vigo igualou a oferta. Tratábase de que a Asociación Cultural (ou sexa a UPG ampliada) promovese unha emisión de radio en galego. Non estou certo de cal das dúas estacións acolleu finalmente o programa, pero este desenvolvouse sen ningún tipo de censura. Xohana Torres foi a súa directora. O nome era este: RAIZ E TEMPO. Traballaron nel Nacho Sesto, Bernárdez, Pozo e outros e outras. O título do programa era moi parecido ao do órgano central da UPG, ou sexa Terra e Tempo. Isto espertou suspicacias na BPS. Mais adiante, foi Franco Grande quen se encargaría da dirección de Raís e Tempo. Xohana abría cada edición co son das Walkirias de Wagner.

O éxito da emisión de radio en Vigo e hinterland foi masivo. Non se entendería ben a historia da resistencia anifranquista e nacionalista en Vigo sen aquelas valentes voces, que, encabezadas pola voz intensa e cálida de Xohana Torres, lle ensinaban ao pobo que o seu idioma estaba vivo e servía para explicar todas as cousas. E que a Historia de Galicia non é a de España. Foise Xohana Torres sen ver representado o seu teatro. Existe unha distancia entre os promotores do teatro en galego e os escritores. Valle Inclán morreu sen ver representada máis ca unha súa obra teatral. Isto explica que o fenómeno non só é propio de Galicia. Está tan vivo o teatro Monnato de Xohana que podemos decer que inda estamos a tempo de correxer a falla e pór no escenario Un hotel de primeira sobre o río ou Da outra banda do Iberr. En canto á novela, eu son dos que pensan que Adeus, María é un ledo, precioso, sotil entramado que, combinando técnica narrativa audaz con perspicacia psicolóxica e social, nos ofrece a mellor visión literaria do Vigo labiríntico no que o urbanismo feroz dos anos sesenta se combina cos campos de cultivo e a cria do porco na casa. Pero non teman: o nome de Vigo non aparece na novela. O nome de Vigo xa aparecera na poesía de Manuel Antonio. Manuel Antonio que, en ben de aspectos, estaba feito do mesmo pau ca Xohana Torres.

Falarase, e moito, e ben, da poesía de Xohana Torres, que acadou cumes nos que só pode elentar o seu xenio. Ten sido estudada, a poesía de Xohana Torres. Pero haberá novas olladas sobre ela porque pertence, como todo e toda poeta grande, ao xénero dos que teñen palabras ocultas que se revelarán en tempos futuros. Cada xeración ten a súa Rosalía e o seu Manuel Antonio, do mesmo modo que mozas e mozos que aínda non existen descubrirán en días vindeiros formas poéticas que nin sospeitamos que estean na poesía de Xohana Torres.

Desapareceu do mundo dos vivos. Agora ela entra na súa Vida de Fama, que será perdurábel.

CAIXA POSTAL

Rulas

  • Naturalmente toda Galicia e Portugal chama rulas ou rolas ás aves de varias especies que o castelán di tórtolas. Pero agora, a prensa está a difundir, de forma crecente, unha nova acepción da palabra rula: "lugar onde se fai unha subasta ou poxa de peixe; acto de subastar unha marea de peixe nunha lonxa". Máis ou menos débe de ser así. Pregoutounos sobre esta acepción da palabra rula Maruxa Calleiro desde Pontevedra.Consultado Francisco Fernández Rei por esta acepción de rula, o máximo coñecedor científico do léxico marítimo galego, responde o xeito que nós resumimos a continuación.Rula, co significado de puxa do peixe, é a forma usual dos portos pesqueiros da costa Norte de Galicia, algúns tan importantes coma Burela, aínda que alí, un novo e notable edificio destinado a este uso, ostenta na súa palabra un letreiro no que se le "LONXA". Nos catro portos máis importantes de Asturias Occidental de lingua e cultura galega (As Figueiras, Porto de Viavélez, Ortigueira, Coaña) rula é a palabra usual. En toda a costa central e occidental de Asturias, que é de lingua asturiana ou asturleonesa, a palabra en uso sigue sendo rula.Segundo nos precisa Francisco Fernández Rei, o verbo correspondente a rula é rular, correntemente empregado. Tamén se escoita rulero, substantivo co que se nomea unha persoa experta en subastar mareas de peixe.A todo isto, no Fondo dos Espellos quédame unha dúbida. Nas partes das Rías Baixas que eu coñezo mellor, como é o caso de Vigo e Marín, a forma de subastar é cantando o vendedor as cantidades de maior a menor, até que alguén berra "por miña". É o que na Gran Bretaña chaman Dutch auction, ou subasta á holandesa. Ocorrera o mesmo no Norte? En todo caso, para nós segue a ser un enigma o étimo da palabra rula co significado de "subasta". Moitas grazas a Maruxa Calleiro por levantar a cuestión e a Francisco Fernández Rei por nos ilustrar sobre esta rula da que ignorabamos todo.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats