Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Nacemento do PSG

O acto fundacional do PSG tivo lugar na Coruña en agosto de 1963. Presidiuno Ramón Piñeiro, ainda que el preferiu non incorporarse á nova organización e dirixila, por persoas interpostas, desde fóra

Ramón Piñeiro.

A fundación do Partido Socialista Galego e as súas actividades iniciais na clandestinidade son inseparabeis do liderado político galeguista de Ramón Piñeiro. Este, en 1949 debeu de saír da cadea onde cumpriu condena por formar parte da ANFD (Alianza Nacional de Fuerzas Democráticas, de caracter español). De inmediato, o ex-preso asume a dirección do Partido Galeguista, do que fora investido anteriormente secretario técnico. Acto seguido, Piñeiro da por inútil e superado o PG, o que supón a liquidación deste. Converte o PG nun núcleo de acción exclusivamente cultural cuxa concreción orgánica é reducida á Editorial Galaxia. Este galeguismo cultural, desacata o Consello de Galiza e renuncia, ao tempo, á legalidade republicana que lle permitira a Galicia un Estatuto de Autonomía.

A partir de 1958, poñamos que coa creación do grupo Brais Pinto, amplios continxentes de persoas que non viviran a guerra civil, fóronse incorporando á rede de asociacións culturais galeguistas (O Facho, O Galo, Cultural de Vigo€) que xurdían en toda a xeografía galega. Entre aquel ano e 1963, neses sectores mozos foron aparecendo correntes que reclamaban organización política e a definición de Galicia como nación, que negaba o piñeirismo e que se manifestaban de esquerda. No ano 1963 tales tendencias decidiron sen o permiso de Ramón Piñeiro, dar un paso adiante e fundar unha organización política que, provisoriamente, chamaron Consello da Mocedade. Neste movemento comezábase a pór en dúbida o europeísmo, que era ideoloxema constitutivo do piñeirismo. Daquela, os acontecementos precipitáronse. No Consello, os membros afíns a Ramón Piñeiro purgaron aos que eles calificaron de comunistas, benbelistas, terceiromundistas e outras cousas máis, destituindo a Antón Moreda, que fora elexido segredario xeral. Piñeiro decidiu, al longo do proceso que acabamos de debuxar moi superficialmente, combater o fogo con outro fogo.

Difundía Piñeiro oralmente a idea de que o galeguismo coñecera unha etapa cultural exitosa e xa iniciara outra de investigación económico coa Revista de Economía de Galicia. Decía ser preciso crear dous partidos galegos, non nacionalistas. Un deles democristián e outro socialista, ambos ideoloxicamente anticomunistas como era de rigor no bando da Guerra Fría que o piñeirismo escollera. O partido democristián non chegou a se fundar nin sequera formalmente. O outro si que se concretou co nome de Partido Socialista Galego e ao mesmo tempo que a UPG da que xa falamos no Fondo destes nosos Espellos.

O PSG que estaba a deseñar Ramón Piñeiro non tiña nada que ver co PSOE do exilio que dirixía Rodolfo Llopis. Naquel tempo os servizos secretos norteamericanos estaban moi activos na política antifranquista e traballaban na fabricación dun socialismo máis sumiso aos seus intereses ca o que representaba Llopis. Nunha operación dirixida polo ex-trotskista Max Diamon, membro da CIA, crearon en España a Alianza Sindical Obrera (ASO) co fin de combater as CCOO comunistas e, ao mesmo tempo, a posibel resurección da UGT. Tamén apuntaban á creación de partidos socialistas nacionalitarios en Galicia, Euskadi e Países Cataláns, que constituirían unha Federación que substituíse o PSOE. Figura visibel da operación foi a avogada Josefina Arrillaga, ligada á Fundación Friedrich Erbert e ao sindicato do metal da RFA. Dado que o plan xa funcionaba ben en Cataluña, Valencia e Mallorca, Piñeiro optou por situar o seu PSG nesta corrente.

O acto fundacional do PSG tivo lugar na Coruña en agosto de 1963. Presidiuno Ramón Piñeiro, aínda que el preferiu non incorporarse como membro á nova organización e dirixila, por persoas interpostas, desde fóra. Algúns integrantes do Consello da Mocedade que estiveran activos no Consello da Mocedade entraron a formar parte do novo partido, xunto con veteranos militantes do galeguismo como Fernández del Riego. Alén dos presentes na Coruña, pódense considerar fundadores do PSG outros moitos. Xosé Manuel Beiras encontrábase entre os iniciadores do novo partido e, máis adiante, el habería de ser protagonista dunha nova orientación, dinámica, progresista e nacionalista do PSG.

Decontado apareceron as publicacións, naturalmente de distribución clandestina, do PSG. Cabe destacar o seu órgano central, Adiante. Todos os panfletos e pronunciamentos escritos do PSG levaban unha indicación de orixe: "Servicio de Prensa y Propaganda. 8 rue Rigaud, Perpignan". Nas revistas e material axitativo de ASO figuraba a mesma indicación e tal "Servicio de Prensa y Propaganda" ten sido considerado como unha base operacional encuberta da CIA.

"Non somos nacionalistas porque non somos reaccionarios", proclamaba o PSG inicial. O galeguismo do Adiante semellaba evidente aínda que incluise textos en castelán. Nas publicacións do novo partido eludíase a cuestión republicana e non se mencionaba o dereito de autodeterminación. Eran marcadamente europeístas. A ideoloxía do novo partido coincidía con exactitude coa do piñeirismo.

Certamente, o PSG non permaneceu dentro dos presupostos fundacionais, e disto iremos tratando en futuras entregas xa que gardamos algunha memoria da resistencia nacionalista e antifeixista galega no Fondo dos nosos Espellos.

CAIXA POSTAL

  • "Señor Méndez Ferrín: Tuven unha visita dun parente da Arxentina que me dixo que o Amadís de Gaula está escrito en castelán antigo e eu lle dixen que estaba en galegoportugués.Quería que, se pode, me sacase desta dúbida".Carlos Álvarez FuentesArcadeA novela Amadís de Gaula, tal e como a coñecemos, aparece impresa en Zaragoza no ano 1508. Figura como autor Garci Rodríguez de Montalvo na primeira edición e, nas reedicións, Garci-Ordoñez. Esta obra está escrita no castelán da época de Fernando de Aragón, chamado o Católico, e do cardeal Cisneros. Sábese dunha versión máis antiga da novela, seguramente do século XIV, tamén en castelán. Hai indicios de que existiu un Amadís primitivo escrito en galego. Algúns atribúen tal obra perdida a Vasco de Lobeira ou a alguén do seu apelido e familia. M. Rodrigues Lapa, historiador da literatura moi científico e serio, acreditaba na existencia dun Amadís galego ou galegoportugués. Uns versos de Lobeira ("Leonoreta /fin roseta/ bela sobre toda flor€) aparecen na novela de Ordoñez ou Rodríguez de Montalvo. Outro indicio da galeguidade do prototipo do Amadís de Gaula podería acharse no nome de Oriana, a amada do protagonista. En documentos medievais de Sobrado dos Monxes aparece o nome de Oureana. Sería Oriana unha castelanización de Oureana, nome novelesco relacionado co ouro, co brillo e coa beleza? Desgrazadamente non lle podo decer máis nada ao noso comunicante do Fondo da Ría de Vigo.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats