Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

"Eu tamén navegar": a aventura oceánica de Isabel Barreto

As poboacións melanesias das Salomón amosáronse hostís e Isabel debeu de sentir horror daquela paisaxe de seestros hórreos nos que os nativos acumulaban os seus mortos e ordenou retirada

Vista das Illas Salomon, descubertas por Álvaro de Mendaña.

Lemos as moi interesantes Historias de galegos extraordinarios e aparécesenos, no Fondo dos Espellos, Isabel Barreto ergueita sobre a proa dunha galeaza. A muller almirante leva solto e ao vento o seu cabelo preto. Nótolle parecido con Louise Labbé.

Segue Salvador a Eloisa Gómez Lucena, quen asegura que Isabel Barreto naceu en Pontevedra e que foi batizada na igrexa mareante de Santa María, en 1565. Sendo meniña, Isabel marchou cos seus pais, porventura portugueses, á cidade virreinal de Lima. Por Lima andaba daquela Álvaro de Mendaña e Neira, que, segundo as crónicas inéditas do P. La Llave que consultou Amor Meilán, era natural de Compostela. Hoxe hai quen defende que o berce nativo de Mendaña foi Arzúa.

Mendaña, mareante, descobrira en 1567 as illas Salomón, que hoxe constitúen un estado independente, situadas onda Papúa Nova Guiné e non lonxe da Australia coa que soñaban as cúpulas dirixentes de Lima. Acompañaba a Mendaña naquela marea o máis culto e competente dos mariños do seu tempo: o galego Sarmiendo de Gamboa. Mais tarde, Mendaña logrou que o virrei García Hurtado de Mendoza, casado coa dona da casa de Lemos, lle promovese e apoiase unha segunda expedición ás Salomón, que gardaban, según se dicía, inmensas riquezas. E levou áncoras Álvaro de Mendaña e puxo rumbo ás illas Salomón non sen antes casar con Isabel Barreto.

Isabel dicidiu algo que coincide con palabras dun poema que Xohana Torres ía escribir catrocentos anos máis tarde: "Eu tamén navegar". E sumouse á expedición, que formaban tres barcos, con 375 persoas a bordo, número no cal se incluían outras mulleres. Durante a aventura morrería moita xente e nacerían meniños. Saíron de El Callao e sucaron o Pacífico, endereitados á Polinesia, o 16 de xuño de 1595.

Acompañaban a Isabel Barreto tres irmáns seus. No decurse da expedición, Álvaro de Mendaña e os seus subordinados convertéronse nos primeiros europeos que pisaron e recoñeceron as illas de Santa Cruz e o archipiélago das Marquesas, hoxe posesión ultramariña de Francia. Novelas esquencidas de Herman Melville e pintura de Gauguin son expresión artística da beleza das Marquesas e das súas xentes. Álvaro de Mendaña e Neira é, naturalmente, o descobridor europeo das Salomón, douscentos anos antes de alí chegar o capitán James Cook.

Os expedicionarios foron atacados pola malaria e, a causa desta doenza, morreu o almirante e "adelantado" Álvaro de Mendaña e Neira, e tamén o seu lugartenente Lourenzo Barreto, irmán maior de Isabel. Enterraron don Álvaro na illa de Nendö, se cadra aquela que o navegante galego batizara como Sisarga. Foi entón cando Isabel Barreto asumiu o mando supremo e se proclamou a ela mesma "adelantada", almirante e capitana xeral, coa asistencia dos dous irmáns que lle restaban.

As poboacións melanesias das Salomón amosáronse hostís e Isabel debeu de sentir horror daquela paisaxe de seestros hórreos nos que os nativos acumulaban os seus mortos e das facianas pretas e os cabelos irtos e pintados de ocre dos guerreiros. Ordenou Isabel retirada e regreso, pero non a El Callao e ao Perú, senón a Manila ou sexa ás Filipinas por algunha razón que ignoramos completamente.

A viaxe foi penosa e Isabel Barreto exerceu o mando con eficiencia. Hai noticias de que o piloto Pedro Fernandes de Quirós ofreceu a Isabel Barreto unha sorte de resistencia encovada e ruín, o que Salvador Rodríguez glosa con talento. Finalmente, só unha nau, a almirante, arribou, o 11 de febreiro de 1596, a Manila, onde a expedición foi recibida con honores. Inmediatamente, Isabel Barreto casa co capitán xeneral Fernando de Castro Ribadeneira, da familia dos Lemos á que pertencía a muller do virrei do Perú, e sobriño de Gómez Pérez das Mariñas. Dado que ao tempo escribía poesía en galego Isabel de Castro e Andrade, curmá do segundo esposo de Isabel Barreto, é posible que esta, muller letrada e curiosa, entretivese os seus leceres de Manila lendo poemas coma o aportuguesado que comeza así: "Araucana naçaon, mais venturosa€" A poeta Isabel de Castro, autora do texto, casara cun Osorio de Moscoso, da casa de Altamira, moi implicado na colonización de Chile. Co cal pretendemos anotar a presenza de redes aristocráticas galegas na dominación da América e tamén nas navegacións e descobertas polinésicas no tempo de Filipe II. Parece ser que Isabel Barreto e Fernando de Castro pasaron a México. E é aí onde deixamos de ter noticias deles.

CAIXA POSTAL

  • "Póñome en contacto con vostede despois de ler o Fondo dos Espellos do pasado sábado 22/04/17 para comentarlle que na comarca do Ribeiro tamén temos unha entidade local menor. Trátase de Berán, no concello de Leiro. A miña familia é desta parroquia ou freguesía, coñecida na súa contorna polo seu balneario, que, segundo teño entendido, foi o motivo polo que se lle concedeu esta excepcionalidade.Reciba un cordial saúdo".Mateo Bastos GonzálezVigoCertamente, ao nós citarmos no Fondo dos Espellos a lista das entidades locais menores de Galicia, fuxiunos do tinteiro Berán, do concello de Leiro. Pedimos perdón polo esquencemento.É moi posible, como di o amigo Bastos González, que o feito de Berán gozar do privilexio de ter augas curativas contribuíse a que fixeran unha entidade local menor da parroquia. Ora si, noutras localidades balnearias ese feito non se produciu, que eu saiba. Non sendo Mondariz-Balneario, que fixeron municipio.As leis españolas do pasado e do presente prevén a posibilidade de existencia administrativa de entidades submunicipais. De feito, grandes cidades, coma Madrid, e municipios máis pequenos coma Ponferrada e os outros do Bierzo crearon entidades locais menores en forma de Xuntas que funcionan perfectamente ben.En Galicia, os partidos en presenza non están interesados en activar as freguesías administrativas. Nin sequera o están os partidos nacionalistas, que se consideran herdeiros de Castelao e das Irmandades da Fala. Aqueles nacionalistas, incluido o PG da República, consideraban un punto innegociábel do seu programa a efectivación administrativa da parroquia social e culturalmente existente.En todo caso, sería moi importante que alguén se aplicase a facer microhistoria e a pescudar por que as actuais entidades locais de Galicia, entre elas Berán, se fixeron efectivas e que forzas políticas e cales intereses moveron os seus axentes.Moitas grazas a Mateo Bastos González pola súa corrección.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats