Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Patria e morte: Fidel Castro

No poema de Moore, Rosalía sitúase fóra da historia política dos estados e imperios europeos. Non hai nel ningunha mención da España topicamente heroica da Guerra Peninsular

Fidel Castro e os seus guerrilleiros na Habana (xaneiro, 1959).

Cando (en 1926) veu ao mundo Fidel Castro, a república de Cuba tiña 28 anos de idade. Naquel ano había no mundo uns 65 países independentes. Á hora de escribir este artigo, dolorido polo pasamento de Fidel Castro, gozan de independencia no Planeta 195 estados ou así. Estou seguro de que Fidel Castro contribuiu decisivamente a fomentar esta tendencia soberanista irresistíbel e mais a que as Nacións Unidas se pronunciasen a favor do dereito á autodeterminación das nacións.

A independencia cubana de 1898 era puramente formal e agochaba a subsmisión máis completa a aqueles EEUU que humillaran España na Grande Antilla e máis en Filipinas. Puerto Rico e Guam foi o postre. Aquilo, para Fidel, non era a soberanía que soñara José Martí. Con outros compañeiros e compañeiras mozos Fidel achegouse ao Partido Ortodoxo (Auténtico) de Eduardo Chibás. Este era ético, intransixente coa corrupción, demócrata e martiano. Morto Chibás, Fidel decidiu que había que actuar e apropiarse do poder mediante a vía armada. Intentárono, fracasaron. Volvérono intentar e venceron. A partir de entón, Fidel e os seus lograron a victoria en todas as grandes empresas nas que se comprometeron. Chamándose Movimiento 26 de Julio, entraron na Habana no xaneiro de 1959, e nós celebrámolo no Nevy Bar de Manuel Antonio, Vigo, selando con Fidel Castro e os seus unha alianza cordial e política que nin sequera a morte do Comandante saberá disolver.

Ou sexa que, no poder, Fidel confirmou a súa sospeita de que o inimigo da verdadeira emancipación nacional era o imperialismo dos EEUU. Estes convertirán Cuba, dito sexa en verbas de Curros, nun mostrador de baixa "mercería". Concluiu Fidel, cos seus, que non hai independencia. Liberados do imperio español era preciso crebar o xugo do imperio norteamericano. En pouco tempo os do 26 de Julio agrupáronse con outras organizacións nas ORI e elas constituíronse en Partido Comunista. Estableceuse unha relación indispensábel coa URSS, e esta non estivo exenta de intrigas. Era tan independentista a intención e a práctica do novo PCC, que tiveron que isolar os prosoviéticos sectarios e funcionariais e mandar pra Checoslovaquia a Aníbal Escalante e o seu círculo de conspiradores. Caiu a URSS, pero non caiu o socialismo en Cuba. E non caiu porque a pulsión central de Fidel e do seu partido era patriótica e independentista. "Patria o Muerte", proclamaban e seguen a proclamar os revolucionarios cubanos. Asentada para sempre a idea de Patria en Cuba, Fidel tratou de extendela ao mundo nunha práctica internacionalista tan ousada como victoriosa.

Viet Nam (así se escribe en Cuba) viuse apoiado por Fidel e os seus, que admiraron a emoción nacional popular dos heroicos irmáns orientais. Angola e o MPLA recibiron tropas (e médicos) cubanos, que derrotaron o mellor exército do Continente, que era o da Unión Sudafricana fascista e racista. Fixeron posíbel Namibia. En realidade, os de Fidel acabaron co aparheid e sacaron en libertade a Nelson Mandela. Cando o V Centenario do descobremento da América, Fidel falou no mesmo ton marxista e brillante que adoptara na II Declaración da Habana. Chamou a atención do mundo sobre o xenocidio exercido contra os pobos orixinarios americanos, e hoxe Bolivia, a Bolivia na que asesinaron o Che, é unha república plurinacional presidida por un indio aymara.

Os discípulos de Fidel gañan electoralmente en repúblicas nas que o modelo "foquista", nacido en Cuba, fracasara. Venezuela, Nicaragua, Ecuador, Bolivia, recoñecen a Fidel como prócer e referencia principal dos seus movementos liberadores. Como pensou Fidel un día, neses países e noutros de América enténdese hoxe que estamos na hora da Segunda Liberación. José Martí escribiu "es la hora de los hornos, y que no se vea más que el resplandor". Agora quero ter unha memoria da invasión da infeliz e minúscula Grenada, tamén castrista. A multitudinaria descendencia política de Fidel en Cuba e en Latinoamérica (extinta para sempre a Hispanidad) reclámase do patriotismo e sabe que este só é verdade unido ao internacionalismo e ao socialismo. Sería unha obviedade escribir aquí que Fidel Castro é o primeiro responsábel de que en Cuba funcione a mellor sanidade e a mellor industria farmacéutica, así como o mellor ensino do mundo, e que estes son de todo o pobo ou sexa públicos. Agora só se trata de enfatizar que o amor á Patria era a paixón dominante, xunto co desexo de xustiza e igualdade, desde Fidel Castro que seguirá vivindo no Fondo dos Espellos.

CAIXA POSTAL

Saudade do lobo cerval

  • "€traballando en Vigo, un compañeiro cazador, nativo dunha aldea de Soutomaior ou Pazos de Borbén, non me lembro ben, chamada Cortella falábame de que vira o lince no monte. "Si, ho, si, farteime de velo" - dicía. Eu atendíao todo serio, pero non cría nada. Supoñía que había de tratarse do gato montés ou gato do monte, do cal tamén ouvín falar por aquí. Tamén ocurriu que unha viciña casou cun home de Soutomaior, cazador igualmente, e tamén el me dixo que había lince: "Vino ben veces!". Este home anda polos 70 anos e xa hai tempo que deixou a caza. Inda mo repetiu hai pouco, cando lle preguntei se coñecía a laberca. Di tamén que era de menor tamaño que o lince "de Doñana". Eu dubido, porque pola televisión non podes ter unha idea do tamaño. Seguín pensando no gato montés€"Félix Gil AlfonsoA CAÑIZAAgradecemos moito unha carta que, desde A Caniza (con ene), nos envía ao Fondo dos Espellos Félix Gil Alfonso, acompañada dun recorte de xornal cun artigo moi interesante de Eduardo Rolland sobre o que un equipo de científicos entende que foi a subespecie de lince que habitou ou€ habita en Galicia. Desde que eu son neno teño ouvido falar do lince nas nosas montañas, tanto para afirmar a súa presenza como para negala. Coñezo xente que andou moitos anos atrás de pegadas e probas de que aquí hai lince. En todo caso, Sarmiento fala do lince en Galicia, e tamén Víctor López Seoane, quen, no comén da segunda metade do século XIX, asegura que hai linces nas nosas fragas. Sarmiento informa de que o nome usual en galego é tigre, e o doutor López Seoane, pai da zooloxía científica galega e seica correspondal de Darwin, que é moi coidadoso na consignación dos nomes vulgares galegos das especies que descrebe, dinos que os compatriotas do seu tempo coñecían o lince como "lobo cerval". Como o noso país está perdendo a agricultura e o bosque primixenio estase recuperando, ao mesmo tempo que o piñeiral e o eucaliptal se incrementan en extensión a pesar dos incendios, é posíbel que nesta época se recupere ou volva ocupar Galicia o lince. Desde logo o corzo e o xabarín multiplícanse diante dos nosos ollos a medida en que se retiran os humanos galegos.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats