Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

De Gales a Padrón

No poema de Moore, Rosalía sitúase fóra da historia política dos estados e imperios europeos. Non hai nel ningunha mención da España topicamente heroica da Guerra Peninsular

Sir John Moore.

Nalgúns dos Fisterras Atlánticos, coma Escocia, Gales, Cornoalla, deixouse sentir con forza a Revolución Industrial, mesmo a primeira. Na Bretaña Continental e en Galicia, non tanto. Pero non porque sobreviñase o maquinismo deixaron de circular as correntes feitas de azar e de misterio que nos unen aos veciños das debrocas do Mar Céltico desde a noite dos tempos.

No ecuador do século XIX, un patriota italiano foi parar a Gales para non cair preso, coma Silvio Pellico, e salvarse das gadoupas da policía vaticana ou da austríaca ou da borbónica de Nápoles. Chamábase Camillo Bertorini e coido que era inxeñeiro. En Gales empregouse nalgunha compañía mineira ou manufactureira. Camillo casou cunha nativa do País de Gales, de seu nome de solteira Mary Margaret Jones. Mary, naturalmente, recibiu, ao casar, o apelido Bertorini do seu esposo. Despois, Camillo Bertorini foi enviado pola súa compañía a Galicia. Polo tanto, o matrimonio cruzou o Mar Céltico. Veu dar a Padrón. Instalouse nunha casa de agradabeis proporcións, que aínda existe en Iria e non lonxe da vía do tren; ribeiras do Sar. Nesa casa había de nacer, andando o tempo, Camilo José Cela Trulock. Por razóns de economía narrativa, imos deixar fóra, momentaneamente, o autor de Madera de boj.

Camillo perdeu por inutle (así escribía ás veces Novoneyra) o ele xeminado do seu nome e Mary Margaret pasou a ser, simplemente, María: Camilo e María Bertorini, pois. Ela ocupábase da casa e da crianza dos meniños, e el dirixía os traballos de construción do primeiro camiño de ferros de Galicia, que faría a liña do Carril á aldea conxeira de Cornes. En realidade, o tren corría entre Compostela e o Mar Céltico. Foi inaugurado ese camiño de ferro no ano 1873. O nome da sociedade para a cal traballaba Camilo Bertorini era "The West Galicia Railway".

Por aqueles días Rosalía de Castro e María Bertorini ligaron unha boa relación de amizade. A escritora, na cabeceira do poema seu titulado "Na tomba do xeneral inglés Sir John Moore", puxo a seguinte adicatoria: "Á miña amiga María Bertorini,nativa do País de Gales. Coruña 1871". O poema figura en Follas Novas, 1880.

En realidade Moore non era inglés senón escocés. Nacera en Glasgow en 1761, e, como precisa Rosalía, foi morrer na Coruña, na chamada batalla de Elviña, en 1809. Tivo tanta repercusión política no seu tempo a morte de John Moore e o combate no que caeu, que no Arco de L´Ètoile de París, en letras itálicas de grande formato, pódese ler LA COROGNE a carón dos nomes das grandes batallas que gañou o exército napoleónico. Se John Moore era escocés de Glasgow, tampoco o xeneral en xefe a quen servía, Sir Arthur Wellesley (antes Wesley), era inglés. Neste caso é ben certo que Wellesley primeiro duque de Wellington, naceu en Dublín e pasou as máis felices horas da súa nenez no castelo irlandés de Dangan (en gaélico coido que é Daingean). O vento do Mar Céltico segue a soplar neste relato de grandes e pequenos sucesos.

No poema de Moore, Rosalía sitúase fóra da historia política dos estados e imperios europeos. Non hai nel ningunha mención da España topicamente heroica da Guerra Peninsular. Nas antípodas ideolóxicas de Manuel José Quintana, só percibimos neste poema en hendecasílabos brancos e bensoantes compaixón e un punto de nostalxia das terras ao Norte do Mar Céltico que tal vez poida ser explicada pola proximidade daquela amiga "nativa do País de Gales". Persiste hoxe o xardín do baluarte coruñés de San Carlos e alí a está, a tomba de Sir John Moore, nun escenario romántico no que felizmente non faltan os versos de Rosalía, epicratados. Así evoca Rosalía de Castro a casa de Moore, no campo escocés, á que nunca voltará:

"I o gran sillón, a colgadura inmóbil/ do para sempre abandonado leito,/ a cinza fría do fogar sin lume,/ a branda alfombra que leal conserva/ do pé morto unha sinal visibre,/ o can que agarda polo dono ausente/ i o busca errante por camiños ermos€"

Rosalía, que amaba os cans ("€el mastín que helado tiembla"), represéntanos a ausencia definitiva de Moore, fugazmente, desde a fidelidade poética do animal que Elizabeth Barrett Browning inmortalizaría en verso encantador. Neste, e noutros pasos do poema a Moore, a nosa autora entrevé a moorland, a gándara escocesa, e case sentimos o cheiro a ozono dos illós e un algo, se cadra mínimo, das paisaxes ermas de Wuthering Heights de Emily Brontë, quen era nativa da illa de Irlanda. E neste poema asistimos a unha aparición fantasmal na que se concentra o sentimento da perda de xeito tan indelébel coma a pegada da bota do xeneral morto que non se dá borrado, que non se vai borrar nunca da "branda alfombra" da súa casa porque, sinxelamente, Rosalía de Castro nola fixo ver no grande poema elexíaco.

Van e veñen as memorias de Norte a Sul e de Sul a Norte, por riba das ondas. Rosalía de Castro sabe deste mar que nos une e nos arreda aos fisterráns. Fálalle a John, morto e sepulto en Galicia: "€i os que te amaron e recordan aínda,/ mirando as ondas do velado océano,/ doridos din desde as nativas praias€/ -Aló está el, tras deste mar bravío;/ alí quedou quisais, quisais por sempre,/ tomba onde naide var chorar, cobexa/ amadas cinzas do que nós perdemos€!"

Pero a historia familiar de María Bertorini, a amiga de Rosalía que nacera no País de Gales, e do seu home Camilo aínda vai continuar porque na descendencia seguen a tenderse liñas entre os países irmáns que temos alén mar e a Galicia que Stephen Reckert chegou a definir como "Sul da Celtia". Moitas grazas a Cristina Trulock e a Anxo Angueira por me axudaren a coñecer mellor as historias verídicas e poéticas que andamos a escascar.

CAIXA POSTAL

Os celtas e nós

  • "Distinguido señor, podemos decir que as raíces de Galicia son tan celtas coma as de Escocia ou Irlanda? Gustaríame saber o que Vde. pensa dado que nesa sección do Fondo dos Espellos está a tratar das relacións do noso País cos países célticos. Moitas grazas".María Puga Roderiguez Arteixo-A BaiucaOs celtas, tamén chamados galos, coa súa lingua indoeuropea, non só son propios das actuais Illas Británicas. Até a expansión de Roma, ocuparon a Galia (actual Francia e Bélxica), a Galia Cisalpina (N. de Italia) e aínda estaban en Asia Menor (Galatia). Estes galos ou celtas continentais foron romanizados e a súa lingua desapareceu. Quedaron os celtas insulares cuxas linguas chegan (cuase) até os nosos días, aínda que máis ou menos minorizadas. Dunha parte está o irlandés ou gaélico, que se extendeu ao W de Escocia e que é próximo do manx, da illa de Man (practicamente extinguido). Escocia non foi celta até que os irlandeses colonizaron unha parte dela, xa que alí os indíxenas eran os pictos de cuxa lingua e procedencia non sabemos nada. Coa invasión dos anglos, dos saxóns e outros pobos xermánicos, foron aniquilados eses pictos de Escocia e borrada do mapa a lingua céltica de Britannia, que pasou a chamarse Inglaterra. Só sobreviviron as linguas celtas británicas en Gales e en Cornoalla, onde se extinguiu a finais do século XVIII. Continxentes de británicos celtofalantes fuxiron e colonizaron e deron nome á Bretaña continental, hoxe francesa, e alí seguen a falar a súa lingua.En canto á Península Ibérica, na que se encontra Galicia, diremos que, antes dos romanos, había nela un amplo territorio que chamamos Celtiberia, que ocupaba o centro, e no que se falaba unha lingua celta continental. Coñecemos suficientemente a lingua da Lusitania, que é con certeza indoeuropea, pero que, para ser celta, os máis dos lingüistas pensan que lles falla o risco constitutivo que representa a perda do P-. Houbo outras linguas non indoeuropeas na Península Ibérica prehistórica, pero centrámonos en Galicia.Os autores clásicos coñecen desde antes de Cristo a existencia dunha unidade xeográfica, étnica, identitaria, cultural chamada en grego Kallaikía e en latín Callaecia ou Gallaecia. De aí vimos nós directamente. Que lingua falaban os Kallaikói ou Gallaici? Ao non conservarmos instrucións que non estean en latín non podemos xulgar con certeza. Coñecemos a cultura material dos galáicos con exactitude, pero non a lingua que falaban. Polas palabras prerromanas conservadas en galego e pola toponimia arcaica deducimos que eran un pobo vello que sofreu varias aculturacións e mestizaxes, en cuxa lingua predominarían os elementos estructurais indoeuropeos, entre os cales se encontran con certeza os celtismos. O que estamos seguros é que a lingua dos Gallaici non podía ser a mesma ca dos celtíberos e dos celtoides lusitanos. A cultura material dos nosos antepasados da Gallaecia era totalmente diferente a dos seus contemporáneos veciños, os lusitanos e os celtíberos.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats