Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Ortega "ab ovo"

Un "Sócrates", anónimo e inventado, sitúa o suxeito literario no mirador dun xardín burgués, instalado sobre a ría de Vigo no crepúsculo. E velaí que o Espectador por excelencia mira as Cíes, o mar, mesmo identifica lapas de viñas e milleirais

José Ortega y Gasset, á dereita, nunha foto de familia en 1901, un ano antes do seu texto en FARO. // FdV

José Ortega y Gasset quixo ser, e foi, un escritor destinado a influír sobre os seus contemporáneos. Mellor dito: a influír nas elites destinadas a influír sobre as elites da contemporaneidade. Un instinto contra-progresista e contra-democrático foi causa de que Ortega, ao fin alumno dos Xesuítas e non da Instituto Escola, acochase graves diferencias a respecto da Institución Libre de Enseñanza. E de que se arredase do conflicto español de 1936-1939 do mesmo modo que outros camaradas-discípulos da súa xínea.

O primeiro texto de Ortega saiu á luz no FARO DE VIGO do xoves, 28 de agosto de 1902. Ortega y Gasset era entón un mociño. Así e todo, na publicación obsérvanse riscos retóricos elementais e estratexias enunciativas que o Ortega adulto engrandecería e, mesmamente, convertería en estilemas característicos da súa prosa. Prosa dominante para os seus contemporáneos seducidos por el.

O artigo, que mereceu a primeira plana do FARO, titúlase "Glosa" e leva unha dedicatoria a Ramón del Valle-Inclán, quen na altura da 1902 aínda non se convertera no autor xenial e completo que nós hoxe coñecemos. Valle-Inclán, en 1902, era un rexionalista (un "galeguista") e un autor impregnado das estéticas decadentes inglesas e francesas que libara con delectación na biblioteca, pinacoteca e colección plástica de Xesús Muruais, Pontevedra. Ao renderlle homenaxe a Valle, o xove Ortega estallo a render a Galicia, intencionadamente. Anos máis tarde, cando mudou ideolóxica e esteticamente Valle-Inclán, Ortega y Gasset considerou a obra madura deste con distancia e desafecto. Xa non se trataba, por suposto, da belísima Galicia sumida no atraso e obxecto de culto estético que o sol ordenaba, soberbio, sobre as Cíes.

No artigo do FARO, Ortega cita, sen nomealo, a Goethe, e, esplicitamente, Spinoza, Racine, Virxilio. Unha constante da obra orteguiana é a súa pertinaz preferencia polas referencias maiúsculas. Ningún escritor pequeno é citado, nin en favor nin en contra, nos seus textos. Por veces, si, nomes fundamentais, e ben coñecidos por Ortega, son silenciados con astucia. Os que amosan o funciño, coma a vella toupeira, inclúense sempre no catálogo dos canonizados. Esta táctica orteguiana foi inaugurada no modesto artigo co que se estrena, no mundo da chamada daquela "letra de molde", a sinatura de José Ortega y Gasset.

A chamada Xeración (española) do 98 fixo a súa peculiar descoberta da paisaxe. O método de Azorín, e o de Unamuno, e o de Antonio Machado, consistía en describir, de xeito impresionista, con notas aparentemente inconexas pero concomitantes, os elementos básicos dunha fracción de natureza, intervida xeralmente polo Humano. As palabras usadas polos noventayochistas soían ser as dun "supercastelán" entre arcaico e populista que os situaba en espacios opostos aos "describidores" realistas do século XIX: Galdós, Pardo Bazán, Pereda. Así fai o xove Ortega neste artigo no que nos presenta a caída do sol entre Cíes e Cabo de Home.

Un "Sócrates", anónimo e inventado, sitúa o suxeito literario no mirador dun xardín burgués, instalado sobre a ría de Vigo no crepúsculo vespertino. E velaí que o Espectador por excelencia, en estado cachorro, mira as Cíes, o mar, mesmo identifica lapas de viñas e milleirais. Como se ventasa no futuro as plásticas da vangarda, o xove Ortega pinta os pendóns do millo transmutándoos en cabeleiras de indios americanos. Utiliza, na súa descripción da ría de Vigo, unha gama de cores tenra e levemente distante.

Azorín, Unamuno, Machado, usaban da paisaxe (con fervor, a de Castela) como trampolín para faceren un chouto espectacular: analizar a "alma de España" deixándose levar pola chamada da paisaxe. Ortega, neste artigo xuvenil, utiliza o método para negar que a pobreza de Galicia sexa incompatíbel co seu encanto vital. Cita Mignon, ou mellor sería Mignonne, que Noé Massó explica como personaxe secundario do Wilhelm Meister de Goethe. A nena moinante, ou xitana, libre e pobre até o límite, que é capaz de cantar de xeito xenial e conmovente cando a súa libertade íntima llo aconsella e só para aqueles aos que ela desexa fervorosamente. Galicia ("de dulzura evangélica", con "la moneda antigua que viste el mar") alén de aparecer aquí interpretada no tono máis arcaico e previo do Valle-Inclán modernista, ou cousa sí, preséntase como probe, pero é belísima vista desde o mirador do xardín burgués e coa fontana artificiosa a latricar nas costas do Espectador.

CAIXA POSTAL

  • Recibimos nesta sección unha forte reprimenda. Alguén, de forma anónima, critícanos por escribir que a nai de José Ortega y Gasset era "Dolores Ortega Chinchilla". No Fondo dos Espellos non somos especialistas na biografía nin tampouco na historia familiar de Ortega y Gasset, pero entendemos que o que saiu publicado é unha gralla formidábel. Por excepción facémonos eco dun escrito anónimo e aínda llo agradecemos ben ao seu autor que nolo transmitise en termos francamente corteses. A nai de José Ortega y Gasset tiña que ser Dolores (Lola) Gasset Chinchilla, esposa de José Ortega Munilla.Outra carta, esta asinada por Rafael Morúa Puig, coméntanos, moi breve e incisivamente, que os historiadores e os memorialistas teñen falado moito de Pontevedra como residencia de verán de grandes personaxes do sistema da Restauración que, na Boa Vila, tiñan as súas residencias estivais. Así será o caso da espectacular mansión e vastas propiedades, nas que se incluía o hotel de invitados dos Praceres e a Illa de Tambo enteiriña, de Eugenio Montero Ríos, avogado e político. Ou dos Riestra asentados na Caeira, ou os Bugallal na posesión e falso pazo da Parda. Para o noso comunicante, Vigo era un centro tan importante como Pontevedra nas vacacións estivais dos políticos bipartidistas da Restauración. E menciona, con razón, Elduayen e os Gasset. Os investigadores da historia contemporánea de Vigo, entre os que non nos encontramos, seguramente teñan algo que decer sobre este asunto. O que sospeito é que na España dos caciques turnantes debeu de haber varias capitais de verán (La Granja, Santander, San Sebastián) nas que gozaban e se distraían políticos da I Restauración Borbónica. Non sabemos se Mondariz podería incluirse no grupo citado.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats