Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Valle metamórfico

Retrato de Ramón del Valle-Inclán, realizado por por V. García Martí.

Durante a súa vida, Valle-Inclán sempre sentiu a necesidade de anovar os asuntos, as técnicas e o estilo literario. Entre Femeninas (1895) e Tirano Banderas (1927) Valle Inclán semella ansioso, disconforme coa literatura que produce, o que o leva á metamorfose permanente. Escribe aos fragmentos e, por veces, vai publicando textos en entregas ocasionais que, con posterioridade, poden acomodarse nun ou en varios libros ao tempo que se recompón a redacción. Naturalmente, isto converte a bibliografía de Valle-Inclán nunha especie de labirinto. Hai escritores, mesmo importantes escritores, que unha vez que acadan unha fórmula da que se sinten satisfeitos, facturan o resto das suás obras sen modificaren o formato. Valle, non. Por iso os críticos falan de diversos estilos e épocas do autor de Vilanova. Pero existe un eixo de titanio que une todos os Valle-Inclán tan duramente que podemos sentir con forza a sensación de que, el é sempre e únicamente un.

Baixo a magnolia de Muruais, en Pontevedra, máis que ler literatura finisecular Valle folleou libros e impregnouse da plástica do tempo, especialmente de deseño e da ilustración de pre-raphaelista inglesa cuxa alma neorromántica trasladou aos primeiros escritos. Poe, filtrado por Baudelaire, fixo en Valle o seu traballo, o mesmo que o autor de Les Diaboliques. Deseguida, Valle necesita brutalidade e esta proporciónalla o Cura Santa Cruz e maila inocencia animalesca dos guerrilleiros navarros en Los Cruzados de la Causa (1908). Finalmente, todo se seca e se endurece no estilo de Valle-Inclán. Son cadros de guerra suxa e primitiva. Na metamorfose valleinclanesca, La Guerra Carlista é a crisálida que, en estado de quietude, prepara o salto a unha madurez singular.

Coa publicación de Luces de Bohemia, (1920) Valle estiliza en negativo, fai caricatura degradante e elabora unha linguaxe plástica fundamentada na deformación hilarante á que chama Esperpento. Se só fose iso, trataríase apenas dun xoguete cómico semellante á contemporánea astracanada de Muñoz Seca. Pero a técnica dos espellos da ferretería vella da Calle de Juan Alvarez Gato é moito máis. É unha actitude que se acompaña de vontade de análise e intervención histórica e política desde a esquerda que nega para a Revolución. E por parte, o Esperpento é un imán que semella atraer tamén transformacións radicais no discurso literario global. O soño, para algúns imposíbel, de unir a vangarda revolucionaria e as vangardas literarias e plásticas cúmprese, coma en ningún outro escritor do mundo, en Valle-Inclán.

Así, ao tempo que Aldous Huxley e John Dos Passos, Valle inventa a novela de protagonista colectivo en El Ruedo Ibérico, aplica a análisis de clase aos días finais da Primeira Destitución Borbónica. Nos derradeiros microdramas e en Tirano Banderas (1927), a súa obra cumial, deixa Valle entrar no texto a linguaxe cinematográfica, menciona por primeira vez (en xogo de planos e secuencias) na literatura castelá a marihuana e foca o relato dun morfinómano no acto de se administrar inxección. O que vai unido a unha perfecta disección da sociedade neocolonial e dependente dunha república hispanoamericana sometida a feroz caudillaxe. E, ao tempo que todo isto se manifesta, a plástica de Valle cita o cubismo na descripción do Circo Harris, pero na realidade pinto estampas construtivistas ao estilo soviético de Popova ou Malevich. Tirano Banderas tamén é novela colectiva e componse aos cadriños, coma un comic. Unha radicalidade anti-española pon en Tirano Banderas a Valle nas antípodas da Xeración do 98, incluíndo nesta don Antonio Machado.

E inda vai máis alá, como quería o Manoel Antonio que un día falara mal de Valle modernista como era obriga dun mozo rianxeiro de vangarda. Certo que o teatro de Valle é irma do de Ghelderode, se ben resulta máis radical o de Vilanova. Non se ten dito, que eu saiba, que o "Stream concioushess" e monólogo interior de James Joyce aparece romance Tirano Banderas de forma autónoma e soberana:

"Luego, por rápidos toboganes de sombra descendía a un remanso de la conciencia donde gustaba la sensación refinada y tediosa del aislamiento. En aquella sima, números de una gramática rota y llena de ángulos volvían a inscribir los poliedros del pensamiento, volvían las cláusulas encadenadas por ocultos nexos €" Os interiores da conciencia dun embaixador da España repulsiva amosan a súa vulgaridade sacados á superficie do relato pola man mestra de Valle-Inclán.

CAIXA POSTAL

Casto Sampedro

  • Recibimos carta de Gdansk, cidade que na nosa infancia aínda era alemá e levaba o nome de Danzig. Escribenos desde alí o pensador e historiador galego Angel Núñez Sobrino para invitarnos a nos sumar á campaña en favor de que Pontevedra coloque unha placa na casa onde estivo o despacho de Castro Sampedro.Era corrente no noso século XIX, e aínda no XX, que determinadas reboticas e algúns despachos de abogado fosen espazos de tertulia e discusión erudita, tanto como de rexoube local e parolada humorística. E mais de actividade política caciquil. A imaxe do despacho de Casto Sampedro e Folgar (1848-1937) (impresionante a súa bela e pomposa ebanistería estilo "español-compostelano") foi perpetuada pola fotografía, arte que Sampedro, entre outras, impulsou. Aínda que redondelán, Casto Sampedro radicou en Pontevedra e exerceu de mestre de varias xeracións con grandes poderes e influencia cultural. Sendo abogado, dedicou os seus esforzos, ou sexa unha parte deles, á música e literatura popular e tradicional, axiña seguido, nesta e noutras tarefas, por discípulos informais da estatura de Víctor Said Armesto. Epigrafista, heraldista, explorador de arquivos documentais, Sampedro e Folgar puxo todas as súas habilidades ao servizo da investigación histórica de Pontevedra e de Galicia. Fundador e alma da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, a el lle debemos a instalación da valiosísima colección das arruínas de Santo Domingo e a grade de ferro que as protexía. Esta, infelizmente, foi retirada contra a opinión de moitos pontevedreses. Impulsou o deseño arqueolóxico creando unha escola na que vemos nomes ilustres da familia Sobrino e inclusivamente o de Castelao. Sen Sampedro e a Arqueolóxica nunca habería As Cruces de pedra na Galiza.A Arqueolóxica cumpriu o seu ciclo na Ditadura de Primo de Rivera e, por iniciativa de Filgueira, co apoio do sector mais vivo intelectualmente da vila, apareceu o Museo, do cal sería presidente de honor Casto Sampedro até a morte. Naturalmente, No Fondo dos Espellos facemos votos porque o concello de Pontevedra coloque unha placa conmemorativa na casa onde estivo o despacho de Casto Sampedro e Folgar.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats