Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Padrón en clave mítica

X.L. MÉNDEZ FERRÍN

En Padrón, vila literaria, o pobo conserva un corpo nutridísimo de relatos relacionados cos seus autores e autoras. Algúns contos remóntanse aos tempos nos que se forxou a trapisonda xacobea, na que Padrón ocupa un lugar céntrico. Como foi vila fabril e comercial notabel, a Revolución Industrial foi o pano de fondo no que se debuxaron interesantes tradicións novelescas.

Eu ouvín contar unha destas nunha cociña de lareira alta do bairro da Ponte, conforme imos contra o Espolón a man esquerda. Falaba dun vello do cal non vou dar o nome, moi culto e moi pobre, que traballara durante moitos anos na Cerámica Celta como modelista e iluminador. Era un home en arruínas, cuase fantasmal, que usaba dun verbo preciso. Decían del ser fillo bravo de Xosé Hermida, o famoso señorito do pazo da Durmida, en Lestrobe. Na lareira ardía un bon lume e cocíase un pote de pasas. O vello que non nomeo tiña nas cinsas unha xerra de viño, a quecer; cal ao lle botara ben de azucre. Cada pouco tentaba a xerra e ofrecíame a min, que refusaba.

Un xove patriota italiano, do Norde, cuxo apelido era Bertorini, e levaba o nome de de pía de Camillo, conspirou contra os austríacos e foi preso, xunto con Silvio Pellico, en 1820 ou cousa así. Silvio botou dez anos nas cadeas dos Pombos e de Spielberg, pero Camillo conseguiu fugarse ao pouco de ser preso e foi buscar refuxio na Gran Bretaña. Terminou no País de Gales, que daquela ofrecía moitas oportunidades. Camillo Bertorini, que tiña coñecementos de inxeñería, e instrucción xeral, tivo emprego nos camiños de ferro destinados a transportar o carbón das minas que se abría por toda parte naqueles anos.

Bertorini e a filla dun dos seus principais, de nome Mary (Margaret Jones), namoráronse e casaron. Ela perdeu o apelido de solteira, como é natural costume británico, e adoptou o seu esposo. Mary Bertorini, pois, foi unha muller de moitas lecturas, que sabía tocar laúde e que gostaba de pintar paisaxes mariños ideais naquelas terras brutalizadas pola minaría.

E veleiquí que a compañía na que Bertorini traballaba en Gales estaba a pór en funcionamento, mediante a razón social, The West Galicia Railway, un camiño de ferro que unía o Carril con Compostela pasando por Padrón. Bertorini foi designado director do novo camiño de ferro e veu vivir a Galicia, coa súa esposa Mary; seguramente en Iria. Así que Camilo e María Bertorini quedaron a vivir neste País o ersto dos seus días.

Unha muller das prendas de María Bertorini estaba destinada a facer amizade con Rosalía de Castro. Nalgún período da vida de ambas, se cadra durante moitos anos, frecuentáronse e intimaron. Disque ambas participaban das veladas ou seráns da Hermida, xa que os Castro perderan xa a propiedade do seu pazo "da aldea", ou sexa Arretén ou Retén. E así foi como Rosalía lle dedicou a María Bertorini, nacida no País de Gales, o seu poema poderoso á morte de Sir John Moore. A cidade da Coruña tivo o bon acerto de gravar para sempre versos deste canto cabo do sartego do xeneral, no que inda é hoxe espazo romántico e heroico do Xardín de San Marcos.

Unha filla dos Bertorini, de nome Nina segundo me indica A. Angueira, casou cun mozo que exercía como inxenieiro ou directivo tamén na West Galicia. Este chamábase John Trulock, e viñera do País de Cornoalla ou Cornwall, en cuxa capital, Truro, nacera. Procedía do universo das minas córnicas que a televisión fixo famoso coa serie do capitán Poldark. John, coñecido por don Juan, e a súa muller Nina, tiveron varios fillos e fillas, viviron longo tempo sempre en Iria, non lonxe da estación do tren. Unha das fillas dos Trulock foi Carmela Emanuela Trulock Bertorini, que se fixo noiva dun vista de aduanas destinado en Vilagarcía procedente de Tui e chamado Camilo Cela Fernández.

A continuación é doada de predecir. Camila e Camilo tiveron un fillo ao que chamaron Camilo e que naceu en Padrón, parroquia, e antiga sede episcopal, de Iria. El foi Camilo José Cela Trulock, que quixo ser enterrado no cemiterio que cantara Rosalía, a amiga da devanceira, e que mesmo montou un museo do ferrocarril na casa dos cónegos da antiga colexiata en homenaxe ao modo de vida do seu avó e do seu bisvó.

Eu non sei até que punto é veraz a historia dos antepasados de Camilo José Cela que me contou aquel vello artista da Cerámica Celta nunha casa, con patín, hoxe esborada, do bairro da Ponte, en Padrón. En todo caso ten andado nos beizos de moitas persoas desta vila, que tamén ten unha notábel dimensión industrial.

CAIXA POSTAL

  • "Somos un fato de rapaces amigos das embarcacións tradicionais de Galicia aínda que non estamos nas asociacións. Temos visto e oído, e mesmo votado, o nome da nova coalición política En Marea. Nas nosas familias somos informados de que o nome en galego non é marea, senón maré. Como vostede foi candidato nas eleccións, pedímoslle que nos aclare o asunto".Arturo Ardán Rosales e varias sinaturas máis. BueuO nome para designar o feito de o mar subir ou encher e baixar ou devalar, aparece nos diccionarios galegos preferentemente como marea. En galego usual na ría de Vigo da miña mocedade a palabra marea significaba un período de tempo no que un barco andaba a pescar. Marea tamén significaba a carga de peixe dun barco, que se vendía no porto. A parte diso, maré era a acción do mar que enchía ou devalaba.Esta palabra maré provén do francés e seguramente se introduciu no galego no século XVI. Por algunha razón que eu ignoro, os lexicógrafos fan desaparecer dos seus diccionarios maré, co cal empobrecen o noso idioma. Existe en portugués.Eu son partidario de planificar un traballo en favor da recuperación da nosa maré do mesmo modo que resgatamos arga e couso que estaban a punto de desaparecer desprazadas polas novas palabras, vía mariña de guerra española, estribor e babor. Tan importantes como as embarcacións tradicionais son as palabras mariñeiras de noso.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoRúa García Barbón, 87Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats