Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

"Antes puto que gallego"

Pedro Fernández de Castro e Portugal, conde de Lemos e autor de "El búho gallego..."

A semana pasada viamos no Fondo dos Espellos como Chad Leahy (Villanova University) relacionaba audazmente o episodio das eguas galegas no Quixote (I,15) coa constitución na literatura clásica castelá (que chamaremos en diante, "española" como queren as elites académicas) dun prototipo de muller forte, íntegra e galega. Pódese ver unha imaxe tópica do galego humilde e primitivo cantando como "pastor" os vilancetes ou panxoliñas catedralicias de Galicia, Portugal e Castela dos séculos XVII e XVIII, tema do cal hoxe non trataremos. Trataremos, si, da forte presenza que achamos do Século de Ouro español dunha literatura que demostra odio e desprezo por Galicia e polos galegos e galegas. Indignaban a Castelao estes textos xenófobos. Nin os xudeus, nin os mouros nin os xitanos foron tan constante e cruamente insultados nas letras imperiais españolas. A Terra e as persoas galegas reciben un trato no que Chad advirte unha motivación ideolóxica: o noso pobo resístese a ser asimilado e as elites culturais proceden a desfiguralo para o destruir simbolicamente. A inmundicia dos caracteres, dos corpos, das paisaxes, das habitacións dos galegos en xeral aparecen pintanse con trazos grotescos. As mulleres serán brutalmente caracterizadas por algúns dos grandes poetas españois do Século de Ouro.

Como explica Chad Leahy, aparecen nas letras españois mulleres galegas dotadas de nobreza e carácter. Aínda que moitos dos escritores clásicos casteláns caíron na galegofobia, hai casos de aproximación máis ou menos simpática á nosas xentes. Así, Lope de Vega é autor dunha comedia titulada Don Juan de Castro (1604-5) na que o protagonista e o seu criado son galegos. Ouvamos o seguinte diálogo no cal ambos se despiden de Galicia cun toque evidentemente humorístico no que se percibe o desexo de agradar ao VII Conde de Lemos a quen tanto lle debía o autor da comedia:

"DON JUAN.- ¡Adiós España, adiós Galicia amada! ROBERTO.- ¡Adiós Galicia, hasta que vuelva, demos! DJ.- ¡Adiós Monforte, Sarria, Andrada y Lemos! R.- ¡Adiós magosto de castaña asada".

Como non enxergar eiquí, de lonxe, o tema da despedida da Patria que había de inmortalizar Rosalía de Castro? Do mesmo Lope, a comedia Más vale Antona que la corte toda (1620-23) sorpréndenos coa mención de mares e praias galegas que, vagamente, nos fai acordantes dos relatos irlandeses das navegacións atlánticas.

En todo caso, nas letras clásicas españolas predomina unha visión desprezativa de Galicia e dos galegos e galegas. Certo que o libro do citado Pedro Fernández de Castro e Portugal (1556-1622), conde de Lemos, titulado El buho gallego€ representa toda unha defensa prenacionalista de Galicia, pero este foi axiña seguido dun libelo titulado El tordo vizcaíno no que o asañamento co noso Reino é feroz e pode suxerir, mesmo, unha inimizade co señor de Monforte de que falamos, poderoso personaxe, que lle deu moito a gañar a Lope e tamén favoreceu a Góngora. Este, por agradecemento, escribiu uns insulsos versos quen comezan así: "Llegué a este Montefuerte", Góngora aínda deixou pasar ás súas esencias das Soledades un átimo de nebulosa galeguidade, cousa de que se ocupou Filgueira. Comer e recibir viaticos de Lemos, non lle empexa ao xenio nocturnal de Góngora aqueles dicterios que destilan soberbia e mesquindade: "Pálido sol en cielo encapotado,/ mozas rollizas de amplios culiseos,/ tetas de vacas, piernas de correos€", alén dunha suite de cinco décimas de insultos a Galicia non tan feroces como infelices. Cábelle a Góngora o mérito de ser o iniciador do cliché da inmundicia das pousadas galegas, estereotipo que pasará ao século XVIII e mesmo aos diarios do presidente norteamericano Adams e, de alí, oh necidade pertinaz do patrón fixo, nada menos que ao Canto LXV de Ezra Pound, no frontispicio do "modernism" da poesía inglesa. E, por outra banda, felizmente que o inxenio sen medida e mestura delirante de jácara e cultismo ocasiona que algúns versos galegófobos debidos a Quevedo (tamén foi favorecido por don Pedro) non poidan ser ben comprendidos nos nosos días nin sequera nos máis esixentes círculos filolóxicos do chamado hispanismo.

Logo están os que non se atreveron a asinar os improperios. Lembremos aquel anónimo que di de Galicia: "Reino infeliz, país desventurado,/ de España muladar, rincón del mundo/ entre niebla siempre sepultado". E, parodiando a verba do exorcista, remata o autor abscondito cunha parodia satanista na que lle pregunta a Galicia. "si eres en realidad el propio Infierno/ o si eres retrato del Abismo". Tamén protexido polo anonimato, o autor do Estebanillo González (1646), quen se finxe natural de Salvaterra de Miño, presenta a Galicia como "rabo de Castilla, servidumbre de Asturias y albañar de Portugal". Nota: albañar, "cloaca", "cagarrón", "ludre". En palabras de Chad Leahy, Galicia aparece nas letras casteláns como un país proscripto, marxinalizado e subalterno.

Sempre insistiremos en que o odio a Galicia se atempera, máis ou menos, na medida en que o autor se aproxima ao conde de Lemos ou a algún outro posíbel señor galego do que o pedichón poida esperar dádivas. Inda no caso máis favorábel, como é o das mulleres galegas decentes e relacionadas coa indómita raza das "facas galicianas" de Cervantes, todo o mundo galego aparece nas letras españolas do Século de Ouro como algo inferior, alleo e distinto, en todo caso resistente á asimilación imperial e contrarreformista.

Castelao, en Sempre en Galiza, escribiu sobre este tema. Hoxe resulta de amena e instructiva lectura o libro de J.L. Pensado Tomé titulado El Gallego y los gallegos€, 1985. Pola súa banda, X. Caramés Martínez fai unha exposición moi completa das incidencias galegófobas da literatura española (1993). E Germán Conde Tarrío, en Cadernos de Fraseoloxía (2004) pasa revista, desde o interese galego, ás coleccións de paremias compiladas por Correas e Hernán Núñez que reflicten moi ben a idea que de Galicia ten o pobo anónimo castelán do Século ou Séculos de Ouro.

Un dos refrás referidos a nós é aquel famoso que reza así: "antes puto que gallego".

CAIXA POSTAL

  • "Sr. Ferrín,Veu na prensa que onte día 5 foi celebrado na Coruña o Día Internacional da Lingua Romaní ou sexa da lingua dos xitanos do mundo. Eu teño relación con xitanos e doime moito que só se fale deles cando se trata de acontecementos desagradables, como é o caso dos conflictos entre mercadores ambulantes. Que me di?"Áurea Cebei RomaCarballoNo ano 1958, ou así, Eugenio Montes, político de Falange e escritor nado en Vigo e relacionado con Bande e Ourense, publicou no Abc un artigo racista titulado "Contra los gitanos". Entre outras brillantes simplezas, Montes escribía: "los gitanos hablan un sánscrito en harapos". En realidade, os xitanos de todo o mundo chámanse asi mesmos Rom (que significa varón e membro da nación) e a lingua é Romaní, Kaló "negro" é a penas o nome que reciben os xitanos e a lingua (ou restos da lingua) dos Rom da Península Ibérica e Occitania. A expresión "sánscrito en harapos" constitúe un insulto, como sería o decer que o castelán imperial ou o italiano do Renacemento é un "latín en harapoas". A verdade é que os Rom son un pobo sen territorio que procede da India e que, a partir do século XII ou XIII, comezou a se mover en dirección a Occidente. Sábese que a Cataluña comezaron a chegar os Rom no século XIV, e viñan mandados por príncipes e condes. Traían cartas falsas do Emperador de Bizancio. Tivéronos por exipcios. Felizmente, restos moi importantes da súa lingua, Romanó se a nomeamos en masculino ou Romaní se o facemos en feminino, consérvanse por toda Europa e tamén en América e África. Con moito gusto esta sección se suma ás celebracións do Día Internacional da Lingua Romaní.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoRúa García Barbón, 87Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats