Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Os dous casos de apropiación indebida

Perante tal situación, os piñeiristas de Realidade Galega decidiron servirse de Castelao para atenuaren os maus efectos producidos pola farsa. Repatriaron o corpo de Castelao entre protestas e tumultos promovidos por nacionalistas de esquerda e republicanos xenuínos

X.L. MÉNDEZ FERRÍN

Tiña Juan Carlos de Borbón dez aniños cando o pretendente á coroa española e proxenitor seu, don Juan, o mandou a Madrid para facer alí un paripé de exame de ingreso no Instituto. Era setembro de 1948. Daquela, Castelao, no seu estilo peculiar, publicou un editorial n´A Nosa Terra de Bos Aires, órgano oficioso do Consello de Galiza e da Irmandade Galega. Dicía o editorial de 1948:

"Agora Franco quer facer rei ao fillo de don Juan nun país que xa deixou de ser monárquico e que soio é apto para vivir en república. Claro está que non excluímos a posibilidade de ver realizada esta experiencia, porque os hespañois sempre están na cuarta dimensión, no reino do absurdo; pero non lle arrendo a ganancia a quen se sente no trono que deixou baleiro Afonso XIII, a non ser que a tiranía sexa eterna en Hespaña".

No ano seguinte, en xuño de 1949, Castelao dá a luz, sempre n´A Nosa Terra, un texto acedo e lúcido no que sentimos a dor física que o dirixente estaba a sofrer nas derradeiras da súa vida. Escribe Castelao nesta mensaxe que se amosa como testamento político:

"Falaría do convenio social-monárquico que non soio delata o impudor de certos xerifaltes do socialismo senón que vai complicando e corrompendo o esquerdismo histórico de Hespaña. Falaría, inclusive, do Comité Federal Español, que preside Madariaga, e do seu elenco de malos cómicos".

Daniel dispara contra os que queren implantar a monarquía como recambio do franquismo segundo o guión elaborado pola Gran Bretaña e, a seguir, polos EEUU. Demostra Castelao fidelidade á República ao tempo que se laia de que sectores de esquerda histórica (PCE: véxase a carta a Dolores Ibárruri) estean a se corromper tamén.

Desde a liberación europea de 1945, e desde a queda do goberno republicano español de Giral, Castelao non cesa de denunciar as manobras de conxunción republicano-monárquica. El acusa decontado a Gil Robles e a Indalecio Prieto como autores desta política liquidacionista, sen querer entrar nos intereses anglonorteamericanos cuxos servizos secretos son axentes responsabeis do movemento neomonárquico contra a legalidade republicana de España. Certa Castelao ao enfatizar o nome daquel Salvador de Madariaga que a historia vén situando inequivócamente como conspirador ao servizo do Consello para a Libertade da Cultura, organismo encoberto da CIA. Non sei de moitos homes políticos que, como Castelao, en 1948 fosen capaces de ventar que a intención de Franco era a de preparar Juan Carlos coma o seu sucesor "a título de rei".

Certo: a deriva monárquica era algo que podía corromper mesmo os comunistas españois, o cal deixou demostrado para sempre Carrillo. "O fillo de don Juan" foi rei, de vez, por graza de Franco. No proceso monarquista Castelao portouse coma un republicano e nacionalista (federalista) "inalterábel aos ácidos e infusíbel ao soplete". Pero, á morte de Franco, os EEUU, o clero, o exército, o grande capital, os monárquicos, os medios, os socialistas e mais aqueles que, ao tempo, xa se chamaban "eurocomunistas", terminaron por restaurar en España a casa de Borbón en forma de Estado das Autonomías. Nesta Transición ou Reforma colaboraron, moi tardiamente, aqueles galeguistas piñeiristas que se rebelaran contra a legalidade republicana e nacional do Consello de Galiza.

Pero antes, en xuño de 1962, xa a conspiración saíra á luz. O IV Congreso do Movemento Federal Europeo, influído por aquel Salvador de Madariaga co seu "elenco de malos cómicos", celebrouse en Munich. Ao seu abeiro xuntáronse españois do interior e do exilio; de todos os partidos, monárquicos e de extracción republicana, a excepción dos comunistas que aínda non deran madurecido o seu oportunismo e dos galeguistas de Ramón Piñeiro, ele por impericia e carencia de contactos políticos. Isto último contrasta co feito de apareceren moi visibeis en Munich os nacionalistas vascos e cataláns. A xuntanza de Munich inclinouse por unha restauración borbónica como alternativa ao fascismo de Franco. Reclamáronse libertades e consideración especial para as "comunidades naturais" (así mesmamente). Mais, como sabemos, houbo que agardar á morte de Franco para que fose realidade o proxecto de Munich. Toda a conspiración se fixo realidade, entón, con algunhas sorpresas que non eran inagardadas para os máis atentos. O PCE resultou legalizado, ao ofrecer tal partido garantías suficientes de complicidade na operación e o rei Borbón non se chamou Juan senón Juan Carlos.

Diciamos que os galeguistas de Piñeiro se incorporaron tarde, e confusamente, á Transición: fixéronno a través dun partido instrumental e volátil chamado Realidade Galega. Mentres o goberno de Euskadi e a Generalitat de Catalunya convertían en "lexítimos" os vellos estatutos da autonomía republicana, en Galicia, dado que o piñeirismo arrenegara estúpidamente da autoridade do Consello de Galiza, tiveron que improvisar. Despois de moitas propostas feitas a Adolfo Suárez, no seu despacho e tamén na Lanzada, quen tiña poder para nomear nomeou presidente da Xunta Preautonómica de Galicia a Antonio Rosón, falangista que foi seguido no mesmo cargo por José Quiroga, alcalde franquista de Petín. A esquerda nacionalista (PGP, Galicia Ceibe, PSG, ANPG, UPG) estivo fora das conspiracións e optou polas Bases Constitucionais e a Ruptura Democrática.

Perante tal situación, os piñeiristas de Realidade Galega decidiron servirse de Castelao para atenuaren os maus efectos producidos pola farsa. Repatriaron o corpo de Castelao entre protestas e tumultos promovidos por nacionalistas de esquerda e republicanos xenuínos, como pode verse na filmación do acontecemento feita por Alexandre Cribeiro á que diu voz Tareixa Navaza. Houbo cargas policiais e o corpo de Castelao entrou en Bonaval no medio dun continxente de policías armados e violentos. Foi entón cando os presentes, en grande número, fixeron memoria daqueles versos satíricos atribuídos a Celso Emilio Ferreiro: "Olla meu irmao honrado/ o que acontece con Daniel./ Os que o tiñan desterrado/ agora falan ben del". /O poema termina así: "Escoita, escriba sandeu/enxertado nun raposo,/Castelo nunca foi teu/ porque Castelao é noso./ E anque a ti che importe un pito/ saberás que é cousa sabida/ que estás incurso en delito/ de apropiación indebida".

Despois de Castelao ser soterrado, o carnaval voltou estoupar nas vexigas. O arcebispo de Compostela pleiteou contra as leis esclaustradoras de Mendizábal, gañou e apoderouse do Panteón de Galegos Ilustres de Bonaval. Veleiquí outro caso de apropiación indebida que sitúa, na actualidade, os restos de Castelao baixo xurisdición eclesiástica e non pública.

CAIXA POSTAL

  • R.G.H. escríbeme para preguntar polo combate que aparece no documento de Odoíno de Tombo de Celanova entre Gundisalvo Méndez, fillo de Mumadona Díaz, señora, entre outras propiedades, de Guimarães, e Rodrigo Viasconiz. Rubén García Alvarez interpreta o texto como unha guerra intestina. Ver no acontecemento unha guerra entre "galegos" e "portugueses" sería anacronismo. Ao noso xuízo, a que chamamos batalla de Aquiluntrias, ou da Auga das Londras, ou de Aguioncha, librouse nunha chan moi adecuada que se pode hoxe visitar en Randín, ao pe do monte pinacular da Aguioncha. Para min, trataríase ben dunha ordalía, ou xuízo de Deus que se dirime coas armas, ou ben dunhas xustas de carácter esportivo e cabaleiresco. Como R.G.H. quer saber onde é que Vicente Risco trata da Aguioncha, direille que o fai na súa Historia de Galicia (Galaxia Vigo, 1952). Traduzo: "Nunha escritura de Celanova, fálase dun combate que houbo entre os condes Rodrigo Viascóniz e Gundisalvo Méndez mediando un reto formal con carteis sinalando día e lugar do combate e condicionando os resultados deste". Non sei decerlle máis a R.G.H.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoRúa García Barbón, 87Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats