Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cos proletarios do rock´n´roll

Social e latexante: Roberto Sobrado

Roberto Sobrado e a Banda.

A primeira vez que vin a Roberto Sobrado foi nun local da vella Compostela chamado Fonte Sequelo no que adoitaban programar moito daquelo que se chama "canción de autor." Hai moitos anos diso, e alí vino coa súa guitarra e fortemente apegado a unhas evidentes influencias do xénero das que el, ademais, sempre se mostraba moi devoto. Despois perdinlle a pista un tempo até que alguén, nunha conversa de taberna, me comentou que andaba por Liverpool e que se deixaba ver con moita frecuencia pola icónica The Cavern: si, o mítico local berce dos Beatles e da súa incrible historia musical. Alí seica tocou versións dos seus adorados cantautores de cabeceira pero tamén moitas pezas daquelas que Roberto escribía para botar fóra os seus demos. Sempre foi de palabra rápida e versátil, bo conversador e de áxil caneo tanto enriba como abaixo do palco, mais eu sempre o vin máis rockeiro que cantautor, incluso cando se defendía, ou defende, tan só detrás da guitarra. O caso é que anos despois volvín cadrar con el aquí, no país, en varios lugares, salas e festivais e xa daquela me contara que andaba a darlle forma a unha banda de rock para ofertar máis empaque a esas cancións tan de seu e tan cheas de retranca e mala bicha. Que coa banda estaba máis cómodo e que se vía máis armado e convencido para mostrar ese repertorio que co paso dos anos deixou varios discos e moitas postas en escena. Tamén o vin ao lado de Reixa nesa volta dos Resentidos na que el era peza fundamental da engranaxe e da enerxía que facía que "a roda Resentida voltara dar voltas", segundo palabras do propio Reixa.

E agora chega o seu quinto disco cun título que xa deixa ben as claras como vai o asunto a día de hoxe pola cabeza de Roberto Sobrado e Banda: Proletarios do rock´n´roll.

O disco camiña pola liña que divide en dúas metades a produción de ideas propias de Sobrado e a parte de versións de clásicos adaptadas á lírica e retranca do cantautor do Carballiño debullando, iso si, unha ristra de pezas con toda a forza do seu imaxinario persoal. Son máis de vinte anos de historia, de andaina e táboas e todo iso respírase perfectamente neste Proletarios do rock´n´roll nun minimalismo rockeiro remexido na experiencia de moitos kilómetros de furgoneta de ensaios e de garaxe .

Social e latexante, galego e punzante e tamén tirando do humor para xogar a dicir verdades grandes pero difíciles de encaixar moitas veces sen a intelixencia dun bo interlocutor diante. Sobrado sabe contar esas cousas tan ben que, de seu, o mérito xa é para botarlle enriba un bo monllo de flores ben merecidas. "Toponimia Fundamental" é a canción que mellor describe ese xeito de facer que algo que doe tanto nos saque un sorriso e nos encha o depósito de esperanza para saber a ciencia ben certa que hai cousas que sempre cambiarán para mellor ou, polo menos, que xa non poden ir a peor. "Polonia", "Zombie Anano," "Este Venres", "Lingua B", "A Caldeira do Sar" ? Sobrado sempre soa auténtico e verdadeiro falando da súa visión da vida desde o córner no que pon o balón en xogo. Que gran nova que vinte anos despois continúe en tan boa forma.

Samarúas

  • Cando dicimos que a escena musical galega é un viveiro inesgotable de propostas e calidade, alguén que ande de costas a estes asuntos igual pensa que esaxeramos o conto ou que pecamos desa militancia cultural que, abofé, temos pero que, desde logo, non nos fai perder a obxectividade de ver a realidade tal cal é. Hoxe traémosvos un traballo que descubrin recentemente e que me ten de novo enleado e alucinado cos outeiros tan vizosos que acada decote a música do país. Chámanse Samarúas, levan tocando desde o 2013 e a principios deste 2018 presentáronlle ao mundo a súa primeira achega discográfica baixo o título de Prólogo. Comeza o disco coa voz daquel inesquecible Man de Camelle reflexionando sobre como ser e sentirse humano nun mundo que non sempre o pondo doado. Despois desenvólvese un exercicio musical sólido e perfectamente fiado con temas que abranguen unha diversa paleta de cores e expresión que te levan de viaxe emocional polos carreiros diso que se podería dar en chamar músicas do mundo. "Man", "Dansa", "Non", "Punto Nemo", "Adral", "Socorro" e "Alento" apuntalan o traballo, precisando de escoitas varias para facerse con todos os seus encantos e segredos. Medrando a cada compás nesas sete cancións, tres delas cantadas e con argumentos da Longa noite de pedra de Celso Emilio e da Transfusión oceánica de Xosé Iglesias, propoñen un exercicio de busca de novos carreiros polos que un comungue co latexo e o ideario músical da banda, dos músicos que tocan e por suposto que do impulso humano de quen se deixe arrolar por eles e o seu talento. Folk de complicada etiquetaxe e de factura absolutamente certeira, acústica e intensa. Así soa este Prólogo de Samarúas, un disco que alimenta a alma e enche de solaz un tempo de escoita que se fai fermoso e altamente aditivo. "Quero un mundo propio, quero pensar coma min e vivir coma min". Palabra de Man. Este Prólogo abofé que che vai axudar a acadar tal propósito.

Compartir el artículo

stats