Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O Faro de Budiño

Un coloso defensivo no Val da Louriña

O Faro contemplado desde o barrio de Vitureira.

"Xa comenzado abril, nunha noite serena que estaba diante da fiestra, Amaro viu ó lonxe un lume que lle pareceu ser almenara polo modo que tiña de intermitir os seus fulgores". Con estas palabras, tiradas da novela Morte de Rei (1996), Darío Xoán Cabana narra un episodio no que aparece un faro terrestre incendiado que quizais consiga perturbar o sono do rei Don García de Galicia (1065-1071).

Na transición entre a Antigüidade e a alta Idade Media (séculos V-VIII d.C) ten lugar na vella Gallaecia un panorama de certa desestruturación social e violencia que explica a proliferación de arcaicos castelos roqueiros para protexerse do clima de inseguridade, provocada, fundamentalmente, polo colapso do Imperio romano e a chegada dos pobos xermánicos. Neste contexto aparecen novas formas de control do territorio, caso das grandes fortalezas-refuxio situadas en outeiros de difícil acceso (Quirós Castillo&Tejado Sebastián; 2011), que buscarían protexer a poboación ante invasións suevas e visigodas, e quizais tamén das razzias normandas e árabes.

Exemplos deste tipo de fortalezas serían as que balizan o Val da Louriña, entre elas o monumental Faro de Budiño (San Salvador de Budiño, O Porriño), unha xigantesca mole granítica situada a 380 metros de altura. O primeiro estudoso desta posible fortificación foi o arquitecto vigués Xaime Garrido (1987), quen se decatou de que esta elevación era o centro dunha cadea defensiva situada ao longo da Serra do Galleiro, co castelo medieval de Mirabel (O Porriño) ao norte e o coetáneo de Entenza (Salceda de Caselas) ao sur. Do outro lado do val da Louriña, ao oeste do Galleiro, erguíanse outras dúas fortalezas probablemente contemporáneas ao Faro de Budiño que tamén dominaban e protexían o paso definido pola raia húmida do Louro: o Monte Aloia (Tui) e o Castelo do Galiñeiro (Gondomar).

O coloso granítico do Faro de Budiño, tamén coñecido como Monte do Faro, sitúase no corazón da Terra de Turonio (un territorio altomedieval que existiu entre os séculos V e XV), e adopta a forma dun castelo roqueiro natural que permite un amplísimo control visual e estratéxico de todo o val do Louro, Portugal, parte da conca do Miño e mesmo a súa desembocadura, co Monte Tegra como vixía. O seu papel puido ser tamén o de luminaria terrestre (do grego pháros) que formaría parte dunha rede de comunicación visual de longa distancia desde a que dar aviso a outras cidadelas, mediante almenaras ou fachos, da chegada de ameazas militares a través da Depresión Meridiana, a principal vía de acceso a Galicia desde o sur. A fortaleza sería construída tamén coa intención de servir de abeiro permanente das elites militares galaicas ou xermánicas.

En atención á monumentalidade deste xigante granítico, Ramón Otero Pedrayo describiu o Faro de Budiño, o principal accidente natural da bisbarra do Louro, como "unha especie de xeomórfica tristura heroica". En Galicia teñen unha función semellante ao Faro de Budiño outros faros de terra adentro: O Monte do Faro (Cambre), O Monte do Facho (Cotobade), Monte Faro (Foz e Ares), Os Faros (Lousame) ou O Coto do Faro (Brión), por citar algúns exemplos.

Na explanada previa a este cumio de Budiño recoñécense restos de tres liñas de muralla, tal e como evidenciou a intervención arqueolóxica que vén de dirixir Mario Fernández Pereiro, estudoso deste tipo de xacementos (2014). O equipo de arqueólogos realizou, ademais, unha sondaxe na meseta do xacemento que deixou á vista estruturas que se corresponden con dúas fases de ocupación. A máis antiga correspóndense cun muro de cimentación de cachotaría recto e con dirección Norte-Sur, rebocado en morteiro de cal que vai ser datado en breve. A fase máis moderna "está asociada estruturalmente aos restos dun grande edificio de 900 m2 aproximadamente" no que se documentou vidro (un artigo de luxo), abondosa cerámica común e de construción e un nivel de queimado evidenciado pola aparición de múltiples carbóns, o que faría patente un final violento para este asentamento.

Xa que logo o Faro de Budiño puido estar ocupado entre o século V e o VIII d.C, coincidindo coa transición entre a dominación xermánica e a creación do Reino de Galicia. Precisamente a esa etapa pertencen as laudas sepulcrais de Modesa (atopada en Rebordáns -Tui-, datada entre os séculos V-VI) e Ermengon (Tomeza -Pontevedra- datada no s. VII) coincidindo co asentamento dos cuado-suevos na zona meridional da Gallaecia, os mesmos que acuñaron moeda en Tui e Turonio. Neste contexto cobra sentido a grande cantidade de tégula atopada na campaña arqueolóxica que vén de rematar, un material cerámico destinado á construción de cubertas que se utilizou entre a romanización e o s. VIII da nosa Era.

O ouro do Monte do Faro

  • Pero o Faro de Budiño ou Monte do Faro non só é un xacemento arqueolóxico, senón tamén unha referencia etnográfica de máximo interese (AAVV; 1996); "dicían os vellos que había ouro e tesouros escondidos, pero ningún experto foi alí a mirar o que había. Tamén había unha pedra que lle chamaban O Catapún, que tiña catro metros de altura. Cando a movía o aire, a pedra facía un ruído que se incluso se oía en Tui, por iso a policía de alí veu un día e rompeuna. Agora só queda unha pedra pequena". As avoas din que os mouros enterraron os seus tesouros no Monte do Faro, "pero ninguén sabe diso. O que si hai é como unhas esculturas de dous cabalos con dúas persoas montadas que se coñecen co nome dos Cabaliños dos Mouros. Tamén hai, ou dicían que había, unha cova que chegaba á Raia da Louriña e que unha vez unha vella meteuse nela e xa non foi capaz de saír. Outros, que tamén probaron a meterse, deron volta para atrás dicindo que viran cobras e bichos raros que non os deixaban continuar. No Faro tamén había un pozo moi fondo coñecido como O Buraco da Herba Seca que estaba moi arrimadiño ás penas e onde a xente tiraba unha pedra ata que a oía caer nun fondo de auga, aínda que os vellos non chegaran a mirar iso e a xente ten medo e non se mete alí para ver aquelas cousas".

Compartir el artículo

stats