Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

México Novocinema

Fotogramas ao sur do río Bravo

Mario Moreno "Cantinflas" (1911-1993).

Adoitamos pensar que o paradoxo é un artificio creado por homes de letras que pretenden retorcer a realidade para explicar un pensamento. Porén, moitas veces acontece que esa realidade xa vén retorcida de fábrica e son os propios acontecementos os que se encadean a partir dunha aparente contradición. Hai algo máis dun século, un grupo de produtores estadounidenses afincados nas cidades do leste buscaron refuxio fronte ao trust cinematográfico comandado por Thomas Edison, que exixía un canon por metro de película utilizado na rodaxe de calquera filme. Este grupo cruzou todo o país para achegarse a Los Angeles, que ademais de procurar sol durante case todo o ano -condición óptima para a rodaxe en exteriores- ofrecía a proximidade da fronteira con México, o que deparaba unha excelente protección fronte os camorristas de Edison que, tanto en Chicago como en Nova York, non tiñan reparo en interromper pistola en man as rodaxes de filmes non adscritos ao trust. Grazas a esa flexividade da fronteira, creouse unha das industrias máis influíntes do planeta. Cen anos despois, o actual presidente de Estados Unidos cimenta boa parte do seu programa político no fortalecemento desa fronteira cun muro que, segundo el asegura, será infranqueable, pero, igualmente cen anos despois, un grupo de cineastas mexicanos semella recordarlle a Donald Trump que o país que el preside non sería o mesmo sen a aportación dos inmigrantes, moi presentes tamén na industria cinematográfica.

Outra etapa de vínculos fortes entre México e Hollywood tivo lugar na década dos anos 40, a época dourada do cine mexicano, motivada, en parte, polo contexto político internacional. México aliouse con Estados Unidos na Segunda Guerra Mundial, o que lle concedeu un status de nación favorecida fronte ás dúas potencias de cine de fala hispana, Arxentina e España, que se arrimaran ás forzas nazi-fascistas. Ao cinema mexicano non lle faltou subministro básico, diñeiro e infraestruturas, a cambio de contratos de distribución con empresas norteamericanas polos países de Latinoamérica. Deste contexto favorecéronse, entre outros cineastas, Emilio Fernández -autor da adaptación de La perla (1945) de John Steinbeck-, Fernando de Fuentes, Julio Bracho e Roberto Gavaldón, así como tamén Mario Mortino Alfonso Moreno Reyes "Cantinflas", o cómico máis popular de América Latina.

México foi destino, tamén, de dous dos directores máis relevantes da historia: Sergei M. Eisenstein, que firmou o documental inconcluso ¡Que viva México! (1930), e o español Luis Buñuel, quen proxectou sobre a sociedade mexicana a súa mirada externa e internacional.

Con todo, os últimos anos o cine mexicano está a vivir unha explosión mediática nunca antes acadada, como ben ilustran os catro Oscars á mellor dirección que Alfonso Cuarón ( Gravity,), Alejandro González Iñárritu ( Birdman e El renacido) e Guillermo del Toro ( La forma del agua) lograron nas cinco últimas edicións. Moitos dirán, non sen unha dose de razón, que as longametraxes premiadas achéganse máis ao cine estadounidense que ao mexicano. Sen embargo é incuestionable que se trata dun cine que aporta a frescura dunha mirada externa -como a que Luis Buñuel levou a México-, pouco compracente e nada narcisista. Os seus filmes nada teñen que ver con ese "Mirade que ben vivimos en Estados Unidos", con esa formulación que converteu Hollywood nun cabalo de Troia que inoculou o way of life americano na mentalidade colectiva europea -houbo quen declarou con acerto que Hollywood equivalía a douscentos desembarcos de Normandía-, e que ademais favoreceu unha narrativa hexemónica na arte cinematográfica.

Tres nomes propios

  • Cando no ano 2000 Amores perros, a ópera prima de Alejandro González Iñárritu, foi nominada ao Oscar á mellor película de fala non inglesa, o cine mexicano levaba máis de vinte e cinco anos sen acadar ese recoñecemento. Aínda que non gañaría o galardón, Tigre e dragón de Ang Lee sería a vencedora, Hollywood xa non afastaría a mirada do seu país veciño. Un ano despois, Alfonso Cuarón, despois de rodar en Estados Unidos varios títulos comerciais, regresaba á terra natal para recuperar sensacións propias e filmar Y tú mamá también. Cando en 2001 a produtora de Pedro Almodóvar, El Deseo, poñía en pé El espinazo del diablo, Guillermo del Toro xa contaba unha filmografía que, desde entón, non deixaría de crecer. A medida que as súas carreiras foron ascendendo, os tres cineastas que vimos de citar acabaron por facerse amigos e incluso chegaron a traballar conxuntamente. Os tres comparten unha posta en forma que se resiste a conformarse como simple envoltorio das historias, ben a través da complexidade da estrutura (Amores perros e Babel), os planos secuencias ( Hijos de los hombres e Birdman) ou a invisibilización da fronteira que separa a realidade da imaxinación ( El laberinto del Fauno e La forma del agua), todo ben disposto grazas a unha factura técnica excelente.

Compartir el artículo

stats