Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Historia que ler

Unha achega precisa e agradable

Historia que ler

Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte onstitúe o título que Xurxo Martínez González (Vigo, 1984) e Xosé Ínsua López (Viveiro, 1967) deron á obra que hoxe queremos comentar, e que vén ser a derradeira publicada por Xerais na serie "Crónica", nada co gallo de conmemorar o centenario das Irmandades da Fala. Estamos, entón diante da primeira biografía completa e conxunta de un e ambos irmáns, de senlleira impronta no devir de Galicia no século XX. Nese completo percorrido vital, que comprende cada un dos variados aspectos en que se desenvolveron as vidas dos Villar Ponte, son os autores precisos e rigorosos. Para eles, é obriga contarmos cunha biografía canónica das máis salientables figuras do país, e entre elas están os dous, citados, irmáns Antón e Ramón (indo quedando xa case fixadas as de Castelao, Rosalía, Manuel Antonio, etc.).

Este traballo vén de lonxe, abrolla do interese que ambos autores -Martínez González e Insua- tiveron desde xa hai tempo polos dous irmáns Villar Ponte, e ten a súa raíz nos estudos cos que Emilio gañara o premio de ensaio do Centro Ramón Piñeiro, publicados baixo o título de Unha irmandade alén do sangue. É dicir, a crónica non se axeita a partir dun interese repentino, senón que vén madurecendo longamente a través de constantes investigacións, e tratados sempre os dous Villar Ponte conxuntamente porque, a dicir dos estudosos, Antón e Ramón formaron un verdadero tándem e eran imposibles de explicar o un sen o outro, indistintamente, e así mesmo porque resultaba de xustiza salientar a figura de Ramón, quen merecía unha restitución igualatoria que o puxese á altura do seu irmán -ao cabo, nunca fora obxecto dunha análise concreta malia que, con tempo para dedicarse a ler e estudar, deviu máis intelectual, máis erudito e de pensamento máis profundo, aínda que de menos transcendencia pública- o cal veu ser máis cpaz de tomar o pulso ao día a día, de atender a actualidade, sen tempo para reflexionar de vagar, aínda que cunha enorme capacidade arreo para ver as tendencias ou as proxeccións de futuro. Neste sentido, o libro é do máis completo, e cada lector terá a oportunidade de valorar cada feito, porque pouco máis poderá quedar por engadir, pois compróbase a fe a cantidade de documentos inéditos ou descoñecidos utilizados tamén para dar a coñecer os realistas retratos dos dous irmáns, membros destacados da Xeración de 1916; non obstante, si que se bota un poco de menos -cousa que tal vez fose intencionada, ou que se cadra deba ser outro labor ou outro novo traballo- un poco máis de reflexión contextualizada. Polo demais, trátase dun labor impecable, mesmo no ámbito dos documentos gráficos, incluída a fotografía: retratos fieis dunha época, por veces farto evocadora (para min, deume que pensar a da merenda no campo, todos a res do chan, que non podía faltar).

Divídese a obra en seis partes, comprendendo cada unha, sucesivamente, de 1881 a 1916, de1916 a 1922, de 1923 a 1925, de 1926 a 1931, de 1931 a 1936, e de 1936 a 1953. Todas elas, como dixemos, xorden ben documentadas e estruturadas, e ben nostálxicas; unhas máis alegres e outras máis tristes; unhas máis individuais, outras máis colectivas?, pero todas por igual de interesantes desde distintos puntos de vista, desde as estadías en Cuba ata as Irmandades da Fala, a xeira de A Nosa Terra, El Correo Gallego, Céltiga, o Semninario de Estudos Galegos, a proclamación da Segunda República, a alcaldía de Viveiro, o Estatuto, a Real Academia Galega, a Guerra, a Fronte Popular, a morte? Historia que ler, e feitos sobre os que pensar e reflexionar. En definitiva, unha lectura precisa e agradable que non debe deixarse pasar

ÍNSUA, E.X. e MARTÍNEZ GONZÁLEZ, X., Común temos a patria, Ed. Xerais, Vigo, 2018, PVP. 25 ?

Compartir el artículo

stats