Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os desafíos dunha vida

Con moitos acertos

Os desafíos dunha vida

María Reimóndez é unha escritora prolífica que frecuenta con igual grao de competencia todos os xéneros. Mais son salientables, sobre todo, as súas contribucións á narrativa para adultos especialmente co seu "Ciclo dos elementos", un proxecto creativo moi cobizoso e extenso formado por sete novelas. En vías de extinción e A música dos seres vivos que integran o elemento terra; Dende o conflito e As cousas que non queremos oír que forman parte do elemento lume: Outras tres novelas, aínda sen publicar, faríano nos elementos auga e aire. Un ciclo que se estea na idea básica da vida: se os seres vivos necesitan de todos estes catro elementos, as sete novelas de María Reimóndez precisan unhas das outras. Un proxecto con varias caras que crean un universo narrativo no que cada novela se pode ler de forma independente ou en relación coas outras xa que partillan fías narrativas comúns.

As cousas que non queremos oír é unha novela de alento longo e tamén de extenso percorrido que parte de incertezas e de anacos dolorosos da historia da autora. Con moitos actantes, mais un só protagonista: Aurora, unha moza de pais galegos, retornada a unha aldea preto de Vilalba, que volve a Barcelona para estudar xornalismo. Se algo sabe facer Aurora é correr. Correr en Vilalba, en Barcelona, en París, Turín ou Nova York. Corre ata para que as horas e as dores -tamén as sentimentais- pasen máis axiña. E como outras protagonistas das novelas da autora, Aura é unha nena e máis tarde unha muller que rompe coa submisión e co lenzo do heteropatriarcado. Se na novela hai un tema de fondo, este é a procura da propia identidade da protagonista, desfacer as marañas do seu interior, afrontando desafíos: os desafíos dunha vida e os da relacións cos outros, nomeadamente coas amigas: Saínza (amiga e ex amiga), Gaia, MK, Clara, Rosa? Os da loita contra o ambiente represivo no que medrara, contra a sumatoria de expectativas dos seus pais que non cumpre, contra a chantaxe emotiva da familia, o mundo das aparencias; contra o feito de ter unha parella protectora que a considera propiedade súa e coa que mantén unha relación convencional, repetitiva e absurda. Desafíos contra a negatividade e os prexuízos de ser muller, contra a angustia da conta corrente que mingua. E sobre todo, o reto de se enfrontar contra un cancro bilateral de peito con mutación, e a baixada aos infernos dos ciclos da quimioterapia; contra o seu propio corpo que a protagonista sempre concibiu como un lugar para o desafío. E ao final, a afouteza de apandar co gran segredo familiar co que se lle desfai o seu mundo coñecido e vese na obriga de vivir nunha seguridade ateigada de fisuras.

Son moitos os acertos desta novela: velaí o tratamento da amizade, esoutro das vivencias entre mulleres amigas; eis a claridade respectuosa coa que a autora expón a experiencia de estar enferma de cancro. Posiblemente é esta a peza narrativa da literatura galega que máis afonda no tema do cancro e da quimioterapia, baseándose nunha documentación rigorosa. A acuidade para nos achegar os acontecementos desde distintas perspectivas. Unha arquitectura compositiva apropiada e sen fisuras, se ben, ao meu ver, hai excesos e reiteracións nalgunhas secuencias secundarias. Son de agradecer as novelas coa medida xusta: breves e de significación moi intensa. A habilidade no emprego de varios rexistros: correspondencia epistolar, retallos de crónicas xornalísticas deportivas que son oportunas e non empecen o vigor narrativo da que, penso é a mellor novela da escritora.

REIMÓNDEZ, María, As cousas que non queremos oír, Edicións Xerais, Vigo, 2017, PVP. 21 ?

Compartir el artículo

stats