Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Dunha poesía hermética

Chus Pato, académica de noso

A poeta e membro da RAG, Chus Pato (Ourense, 1955). // Faro

Toda poesía se debate entre tres impulsos: a maxia ou vivencia íntima e radical; a experimentación coa linguaxe, coa lingua e a comunicación ou comunicabilidade da mensaxe poética. A recente "canonización" da poesía de Chus Pato, coa súa entrada na Real Academia Galega, motiva estas reflexións que seguen. O poderoso río da poesía de Pato ten uns presupostos estéticos moi marcados, mantidos de modo coherente, que privilexian os dous primeiros impulsos citados sobre o terceiro, e é unha poética que ten triunfado na escrita galega dos últimos vinte anos (por vía de antoloxías, concursos literarios, recitais, proxección exterior...), estendendo os seus prosupostos entre a comunidade de lectores e lectoras de poesía galega, e case (diría eu) esmagando outras posibles poéticas, outras posibles estéticas, por dicilo brevemente, "clasicistas". Neste artigo, saudando a boa noticia da entrada desta poeta na Academia, queremos analizar a xenealoxía e algunhas características desta escrita, así como a súa influencia na comunidade de lectores/as e creadores/as de poesía galega nos últimos vinte anos.

A escrita poética de Chus Pato parte da renovación do discurso poético realizada por Xosé Luis Méndez Ferrín en dúas obras clave, C on pólvora e magnolias e O fin dun canto. A ruptura formal co clasicismo, a experimentación coa linguaxe, e sobre todo a inserción dun verdadeiro río de referencias culturais á poesía e á arte universal (facendo o que fixeran para a poesía en lingua inglesa a comezos do século XX Pound, Joyce e Elliot) son rasgos clave que Chus Pato asume dende o principio de modo moi exacto, seguindo con moita fidelidade o maxisterio ferriniano.

Outro rasgo da escrita de Chus Pato é a disociación entre a voz lírica que fala en cada poema, a "voz autoral" (é dicir, a voz que escribe e publica o conxunto de poemas) e a figura real e biográfica da autora. Isto ten moito que ver co tipo de experiencia que se pretende vehicular no poema, que moitas veces é unha experiencia de tipo (digamos) místico ou máxico, semellante (por citar un dos máis coñecidos poemas de Chus Pato) á experiencia do iniciado nos Misterios de Eleusis, na Grecia Antiga. Como acontece tamén na poesía mística de raíz cristiá, musulmá ou xudía, así como nas cantilenas, cantigas ou conxuros máxicos das tribos animistas africanas, a persoa que pronuncia ou canta o texto queda anulada e convértese só en medium dunha presencia máxica, textual e polo tanto material pero tamén divina.

A estética de Chus Pato (e, nisto, procede directamente de Ezra Pound) é a valoración do texto poético como fragmento. O poema perde o seu carácter orgánico clasicista, e o que se presenta é un fragmento, coma se fose un anaco de poesía grega arrincada da destrución dun papiro de Pompeia. O carácter fragmentario do texto potencia a súa multiplicidade de sentidos, en dúas direccións. Unha é a conciencia de fraxilidade do discurso literario. A outra é a invitación ao lector ou lectora a completar o sentido, ou a asumir a imposibilidade de darlle un sentido coherente segundo o canon do clasicismo literario.

A concepción da escrita como unha actividade mística ou máxica, como un camiño a unha Revelación, diríxese a unha selecta comunidade lectora, quedando esta en algo moi parecido a unha secta alquímica. A liberación formal que implica esta poética, a forte tensión anímica que trae consigo, como a participación nunha cerimonia relixiosa, conduce ao momento máxico da entheosis, da inspiración que os clásicos atribuían ás Musas.

Lingua e Historia

  • A poesía de Chus Pato é hermética nos dous sentidos da palabra: é unha poesía "pechada", para iniciados; pero tamén ten a capacidade de converter o chumbo en ouro, que era o que procuraban os alquimistas de Hermes Trimexistos. Aspecto aparte, finalmente, é o que enlaza a poesía de Chus Pato coa Lingua e coa Historia. A relación coa lingua é brillante e debémoslle un rico traballo de liberación de ritmo e sintaxe na expresión do verso, e de creación dos seus propios esquemas formais. Canto á relación coa Historia, é de destacar a visión tráxica,e que comparte con otra das fontes da súa escrita, Paul Celan. Certamente, Chus Pato consegue introducir ecos universais en vivencias persoalísimas, con diversos efectos e intensidade. A influencia da súa escrita é esmagadora: desde Xavier Cordal a Gonzalo Hermo e Olga Novo. Algúns dos mellores libros da máis recente poesía galega, como Afasia, Celebración ou Cráter parten de presupostos estéticos compartidos con (máis que aprendidos de) Chus Pato. Só hai que lamentar que aquelas críticas e críticos, profesoras e profesores e mesmo lectoras e lectores que tanto a aprecian no teñan sido capaces ata agora de reflexionar, dende o ensaio, sobre a súa poesía, e facela chegar a un público máis amplo, explicando ben os seus presupostos estéticos. Iris Cochón, María Xesús Noriega, Helena González e outros débennos, á parte de antoloxías, a explicación crítica detallada da poesía de Chus Pato. Porque mesmo unha poesía hermética pode ser comunicada, e non só gozada. En todo caso, parabéns, desde Ourense e cara a Urania

Compartir el artículo

stats