Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

De sal e area

Fantástica realidade

De sal e area

O recuperado Premio Illa Nova de Narrativa da Editorial Galaxia recaeu nesta primeira edición da nova xeira en Vanesa Santiago e na súa obra A vida sinxela de Marcelo Firmamento, unha ficción dacabalo da delgada liña que separa a realidade e a fantasía e que gusta de beber continuamente dela. Quizais, ademais do potente e atraente nome do seu protagonista, un dos primeiros elementos que chama a atención da obra é a coidada escrita da autora, unha narradora que xa demostrara a súa pericia coa novela Ninguén lembra (2013, Urco Editora) e que semella que terá moito máis que dicir nos vindeiros anos, pois é evidente que posúe un estilo e unha linguaxe que lle son propias.

Ambientada nunha primeira parte en Sada, e máis concretamente no barrio mariñeiro de Fontán, lugar do que é orixinario Marcelo, a escritora consegue asentar o lectorado no plano do real a través de diferentes estratexias que pasan por recorrer ao emprego da toponimia e da microtoponimia, por realizar unha precisa ambientación na vila que unha vez foi, ou por reelaborar certas anécdotas ou personaxes locais que realmente existiron. A vía do fantástico trabállase, fundamentalmente, a través do plano do lendario, grazas á recorrencia a personaxes míticos e lugares propios da nosa tradición oral -como poden ser as sereas ou as entradas a mundos submariños-, e grazas á creación de seres que poderían pertencer a ela, mais que son produto do enxeño autorial, coma as enigmáticas e fermosas anamouras. Isto acompáñase de moitos momentos nos que a maxia atopa un oco na realidade e os dous planos acaban por fundirse nun só -inesquecible é ese fermoso momento en que a nai de Marcelo atopa ao abrir un sargo pescado polo fillo, o medallón que lle dera ao pai deste, desaparecido doce anos atrás. Nesta peculiar combinación, semella claro que a autora non é allea á influencia da obra de Álvaro Cunqueiro e dese seu real marabilloso, pero tampouco á de Paco Martín, outro creador que, seguindo a liña do primeiro, empregou esa fantasía que penetra na realidade para desvelar a través da retranca a sociedade na que vivimos en Das cousas de Ramón Lamote.

Santiago vén arrequecer agora esta liña da nosa tradición literaria, aínda que o fío condutor da novela se centre, coma ben indica o título, en perseguir as vivencias de Marcelo ata que o círculo da súa existencia se complete. A obra semella seguir o tópico da vida coma camiño e da viaxe coma motivo, un avanzar sorprendente que, porén, en ocasións pode trocarse máis lineal. É aí precisamente onde se acubilla o punto máis delicado da ficción: se gustamos dese camiñar, gozaremos co protagonista; se ese ritmo nos desconcerta, está o risco de sentir que a anécdota concatenada -só cinguida polo fío condutor do personaxe principal- ocupa demasiado peso na narración. Por sorte, Marcelo non está só e o acompañan unha chea de caracteres que teñen vida de seu e que merecerían un spin-off propio: Rederrota, ese mariñeiro muradán que é unha sorte de gardián da tradición mariñeira e popular, pero tamén unha especie de pai para o protagonista; a sorprende e arrichada Ellaine, que soña con ser astronauta e ata Lolo, esa figura paterna ausente da que o lectorado descubrirá que se pode vivir preto das persoas amadas sen poder apenas tocalas.

A atmosfera elaborada por Santiago é tan potente que nos envolve, que sentimos nas costas unha anamoura e ao noso carón ladrar a Taramanco, e que ata agardamos que, nesta realidade gris en que nos movemos, entre a maxia coma vento mareiro e nos revolva. A vida sinxela de Marcelo Firmamento é unha novela que deixa sal e area nas mans. Cóllana e gocen.

SANTIAGO, Vanesa, A vida sinxela de Marcelo Firmamento, Ed. Galaxia, Vigo, 2017, PVP. 16 ?

Compartir el artículo

stats