Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

...E o home creou a Deus

Do Predicador ao Mesías

...E o home creou a Deus

O peso da tradición e as crenzas baseadas en relatos mitolóxicos e relixiosos establecen como certo que os deuses crearon o mundo, a vida e os homes e as mulleres. Non obstante, temos a certeza de que a realidade é ben distinta: fomos os humanos e as humanas quen, nun momento determinado da historia, logo da revolución neolítica -por suposto-, creamos ou inventamos aos deuses e as deusas, dotados e dotadas duns poderes e atributos sobrenaturais, polo que axiña comezaron a ser adorados e reverenciados, adoradas e reverenciadas, polos humanos e as humanas.

Ningunha relixión escapa a ese feito inaugural: a invención humana. Neste sentido, o cristianismo tamén é froito dun acto creador. Neste sentido, o cristianismo xorde como unha seita do xudaísmo que se dirixía aos xentís, ás xentes desprezadas polos xudeus (mulleres, enfermos, escravos, marxinados?) cunha mensaxe tamén de liberación -polo que o proxecto de Xesús tamén tiña vocación política, xa que o seu triunfo implicaría a transformacións das estruturas sociais, económicas e políticas de Israel.

Obviamente non se trata de inventar a figura de Xesús, unha figura histórica da que hoxe ninguén dubida, senón de inventar un mito, un mito baseado na vida do home real: un home que naceu probablemente en Nazaret no ano 6 a. C., pero non o 25 de decembro, xa que esa é a data do solsticio de inverno, na que o Sol comeza a vencer ás tebras e que por iso era o día en que se celebraba o nacemento de Mitra, un deus moi aprezado polos lexionarios romanos. Un home que medra no seo dunha familia tradicional xudia, coa que manterá momentos de tensión e distanciamento, no mundo rural da baixa Galilea. Un home que sen máis formación que de artesán -carpinteiro-, sentiuse atraído polo movemento de Xoán o Bautista, quen iniciara o maxisterio alá polo ano 27 d. C. no val do río Xordán, chegou a converterse en predicador no ano 28 d. C. na rexión de Galilea, que tan ben coñecía, aínda que evitando polo xeral o mundo urbano. Un home que só nun momento da súa vida, quizais animado polos seus máis directos seguidores, comeza a verse a si mesmo como Mesías e non só como predicador dunha interpretación particular do xudaísmo. Un home que logo de predicar durante dous anos e algúns meses por Galilea decide acudir a Xerusalén, a cidade do Templo, a predicar a instauración do novo Reino de Deus no ano 30 d. C. Un home que asume que tralo público enfrontamento coas autoridades do Templo a súa vida corre perigo, polo que se despide dos seus discípulos nunha derradeira cea antes de ser arrestado en Xetsemaní, de onde foi conducido, priemiro ao Templo, onde foi xulgado polos membros do Sanedrín, que o poñen a disposición do procurador romano para que confirme a sentenza de morte que eles decidiran para o falso Mesías. Morto o 7 de abril do ano 30 d. C. arredor das tres da tarde, o seu círculo de seguidores e seguidoras máis achegado comezou axiña a construción do Deus, do Fillo de Deus, do enviado á Terra para salvarnos.

Da man do escritor Xulio López Valcárcel, ao longo das páxinas d' A invención dun Deus: Xesús de Nazaret (Laiovento, 2017), descubrimos como trala morte de Xesús se foi construíndo a figura dun Deus que non sempre é unha fiel imaxe do que el predicou durante a súa vida; neste sentido, o autor resalta dous feitos complementarios nesta estratexia: sacralizar a súa vida (vinculalo por nacemento aos reis de Israel?) e eliminar aspectos demasiado radicais do seu discurso (a dignificación do papel da muller?).

LÓPEZ VALCÁRCEL, X., A invención dun Deus. Xesús de Nazaret, Ed. Laiovento, Santiago, 2017, PVP.19, 90 ?

Compartir el artículo

stats