Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Noticia de La Era

Crónica da prensa histórica do Condado (I)

Cabeceira de La Era.

Corría o ano 1911, nos prolegómenos da I Guerra Mundial. En Perú descrubríase a cidade de Machu Pichu e no concello das Neves fundábase o periódico La Era, con sede no nº 15 da rúa Constitución. O seu primeiro número levaba como subtítulo "Primer periódico nevense. Publicación mensual". Pouco despois a súa periodicidade cambiou: "Saldrá a recorrer el mundo con artículos literarios y de agricultura y en defensa de los intereses morales y materiales del distrito los días 1º y 15 de cada mes". O sacerdote Cesáreo García Álvarez foi o seu fundador e director, ademais de crear e dirixir tamén o periódico tudense La Integridad, segundo Clodio González Pérez. O último número do que se ten referencia foi o de febreiro de 1915, cando o seu director era Emilio Veiga Valenzano e o redactor-xefe Manuel García Durán, irmán de Leopoldo García Durán, avogado e deputado conservador nevense (1914-1923) e presidente da Federación Española de Fútbol (1931-1936).

Nas súas páxinas, escritas maioritariamente en castelán, aínda que con presenza residual do galego e do portugués, teñen cabida textos de xornalistas e colaboradores de ideoloxía conservadora e bugallalista en defensa da españolidade de Xibraltar, do labor do alcalde nevense Manuel García Golmar (pai do redactor-xefe), ou aplaudindo o labor de Gabino Bugallal, a quen en 1915 se lle pretendía dedicar unha estatua en Ponteareas, unha iniciativa do párroco mondarizán Cosme Cordovés aplaudida desde La Era polo xornalista conservador Jaime Solá, director da afamada revista Vida Gallega. Pero non todo era conservadorismo en La Era. Desde as súas páxinas defendeuse tamén o progreso material das Neves e a súa comarca: a construción da estrada a Arbo, do tranvía Mondariz-Vigo ou mesmo a erección en Santiago de Compostela da estatua a Rosalía de Castro en 1913.

A finalidade principal de La Era non era outro que influír na política local, por iso incorpora seccións de crítica política directa como os Dingolongazos, nos que se refire aos conservadores nevenses como "Nosotros que tenemos la fortuna de conocernos, que sabemos nuestra ignorancia y poquedad que, igual, conocemos nuestra honradez, nuestra hidalguía, nuestra nobleza". En contraposición a eles sitúan aos periódicos da oposición ideolóxica local e comarcal, tanto ao "socialista liberal" E l Azote, como ao agrarista El Tea, ambos nas antípodas da súa ideoloxía. Pensando no primeiro dirixen os seus dardos contra os seus opositores, nos que ven "diáfana e inconfundible una intención grosera, dañina, torpe; intención que solo un corazón mezquino puede anidar, intención que únicamente puede dimanar de una odiosidad sin límites, de una envidia bajuna y grande". A publicación non esquece recensionar a actualidade do partido conservador na bisbarra: visitas e defuncións de cadros políticos, visitas de párrocos doutros distritos, vida relixiosa, etc...

Nesta publicación quincenal tamén ten cabida a crónica social: "Una afección a la garganta retiene en casa á la angelical rubia Marujita Argüelles. Que enseguida, enseguida se ponga bien es nuestro deseo"; ou esta outra: "Han empezado á descender con visible rapidez las enfurecidas aguas del vertiginoso Miño, dando ocasión á que los redadores se muestren satisfechos por el acopio que aun pueden hacer de pesca".

Aquela década de 1910 era un tempo de forte emigración galega. No concello das Neves estimábase en 450 as "almas naturales del distrito" que vivían en Argentina, de tal forma que "si se calcula que cada una envía á su país anualmente un promedio de 100 pesetas, tenemos que el distrito recibe un total de 45.000 (...) y tan es así que existen pueblos donde el comercio cerraría sus puertas el día mismo en que esta corriente de recursos le faltara". Asina o artigo en 1914 un emigrado das Neves en Buenos Aires, pero non é infrecuente atopar novas sobre a actualidade das sociedades galegas de Madrid ou Lisboa, por exemplo.

Outro dos asuntos que inclúe La Era é a formación, con artigos divulgativos de interese para o público especializado no sector primario, todos eles centrados na agricultura e a viticultura. La Era tiña correspondentes non profesionais en concellos como Salvaterra, Mondariz, Pontevedra, Ponteareas, Covelo ou Tui, pero tamén en cidades como Lisboa, Río de Xaneiro, Buenos Aires e incluso Manaos e Pará e establecía "canjes" con outros periódicos locais de Galicia.

Aos nosos ollos chama a atención a publicación en toda a prensa da época, non só en La Era, de acedos artigos e coplas satíricas baixo pseudónimo, as máis das veces para censurar os comportamentos e ideas políticas do adversario. A este estilo xornalístico responden nomes como Escalpelo, Berduguín, ou Pepe de Eirol, estes últimos da parroquia de Taboexa. Ignoramos o nome real dos primeiros, pero o do último non é outro que o empresario asentado en Lisboa Ramiro Vidal Carrera, que publicaba no periódico agrarista El Tea unha columna titulada "Desde o meu Eido" con duras críticas ao bugallalismo caciquil.

Rexistro Civil

  • Cando menos desde o ano 1912 La Era incorpora un resumo da actividade do Rexistro Civil, onde destacan, ao noso xuízo, dous elementos: o crecemento vexetativo da poboación e o elevado número de fillos de solteira (3 dos 10 natalicios rexistrados en febreiro de 2012). Así os rexistradores dan fe, por exemplo, do nacemento de J.G.G, filla de "incógnito" e de Rosa das Neves, o que evidencia un elevado grao de violencia física e/ou moral contra a muller. O periódico fixo súa tamén unha sección denominada "Estafeta", a través da que establecía correspondencia pública e sincera coas persoas que se dirixían á publicación. Así, podemos ler notas de agradecemento como a que o periódico dirixe a V.S. de Pontevedra: "Para el próximo número confiamos publicar el artículo. Por exceso de original no lo hemos hecho antes"; ou esta outra a A.S.M. de Redondela "Una de sus composiciones se publicará; las otras no nos gustan". Na derradeira das súas catro páxinas aparecen sempre os patrocinadores da publicación, os comerciantes da vila (xastres, comercios de ultramarinos, aseguradores, perruqueiros, cafés, termas, etc...), aínda que tampouco faltan os nevenses que teñen os seus negocios fóra dela, en cidades como Vigo ou Río de Xaneiro.

Compartir el artículo

stats