Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Pedro Feijoo: "Ás veces sinto que xa é hora de chamar por unha nova Historia de Vigo"

Pedro Feijoo - ESCRITOR

O escritor vigués Pedro Feijoo. FOTO: YAGO RAY

- Unha novela que comeza cun atentado contra o alcalde de Vigo, xa chama a atención por si soa. Deulle moitas voltas antes de decidir este inicio ou tíñao claro xa cando principiou a artellar a trama de Os fillos do lume ?

- Tíñao moi claro. Nas miñas novelas sempre tento enganchar o lector desde o primeiro momento. Busco chamar a súa atención e mantela ao longo de toda a trama ata a última palabra da última páxina. E para esta ocasión, onde imos acompañar, entre outras, á figura dun alcalde determinante para comprender a historia da cidade, como foi Vázquez Varela, que mellor maneira de impactar na atención do lector que asasinando o "mediático alcalde" César Escudeiro?

- Nesta obra recupera a personaxes de Os fillos do mar. Eran de todo o punto fundamentais para contar a historia ou moveuno un pouco a nostalxia?

-Nesta novela imos asistir ao desenvolvemento dun episodio fundamental para comprender a historia, non só de Vigo senón mesmo de Galiza, o momento en que o país entra na súa contemporaneidade, véndose na disxuntiva de ter que escoller entre progreso ou absolutismo. Entre as moitas posibilidades que o tema ofrecía, eu preferín facelo desde a perspectiva da miña cidade, que á fin e ao cabo é a que mellor coñezo, de maneira que, cando chegou o momento de construír a trama, vin que, en realidade, xa tiña a sorte de poder contar con dúas voces perfectamente válidas para mergullar nesa parte da nosa historia. Esa foi a razón de que volvese chamar á porta de Simón e Mariña. E, por fortuna, ese día estaban na casa...

- Por que elixiu os feitos históricos relacionados coa Reconquista da cidade aos franceses. É este, para Vde., o acontecemento histórico máis importante da historia de Vigo?

-Porque, postos a falar sobre Vigo, este é o seu momento fundacional en tanto que cidade. Por se alguén non o sabe, Vigo gaña ese título con base nos "méritos" demostrados durante a loita contra os franceses, e iso é algo que hoxe nós seguimos a celebrar desde o maior dos orgullos cada primeiro domingo logo do 28 de marzo, na festa da Reconquista. Pero sucede que, a pouco que un rasque, deseguida descobre que o asunto non foi exactamente como hoxe nolo contan. Non hai constancia real de ningún Carolo botando abaixo ningunha porta da muralla; Morillo non tivo ningún tipo de comportamento heroico que o fixese merecedor de seguir aínda hoxe no alto de ningún pedestal (máis ben todo o contrario!); e Aurora... Quen raio era esa tal Aurora da que tanto se fala ultimamente? E, por se isto fose pouco, resulta que os que si existiron foron toda unha serie de persoas e actos ben máis merecedores de seren contados que, curiosamente, non aparecen recollidos por ningures. A verdadeira historia da Reconquista daría ela soa para mil novelas.

-Descartados os que cita, entón cal é Para Vde. o personaxe histórico real máis atractivo dos que protagonizaron a Reconquista?

-Difícil quedar só con un xa que, como digo, a pouco que un investigue deseguida aparecen os matices que separan a persoa real do personaxe representado: Chalot estaba moi lonxe de ser o pelandrán que hoxe nos queren vender, Morillo tiña máis de miserable que de heroe e, falando de heroes, resulta que a astucia de Vázquez Varela foi determinante para comprender o éxito da batalla: os paisanos xamais terían derrotado os franceses da praza sen o traballo de desgaste realizado previamente polo alcalde. Pero, se tivese que quedar cun único nome, ese sería sen lugar a dúbidas o dun home que, precisamente, nunca aparece representado na festa da Reconquista: Buenaventura Marcó del Pont, industrial catalán vinculado coas primeiras conserveiras viguesas, membro da Corporación municipal, alcalde da cidade logo da ocupación e, sobre todo, principal actante nun dos episodios máis importantes na nosa historia e, porén, menos coñecidos: o desenvolvemento do Vigo corsario. Marcó del Pont foi o maior armador en corso da vila, chegando a se converter nunha das primeiras fontes de riqueza para a cidade do seu tempo e unha verdadeira dor de cabeza para os ingleses. E, curiosamente, hoxe nin sequera hai unha rúa que leve o seu nome...

- Quixera que nos falara do proceso de documentación histórica que manexou para escribir Os fillos do lume .

- A documentación sempre é fundamental nas miñas novelas, ata tal punto que xamais comezo a escribir nin unha soa liña do texto que logo será parte do libro ata que non estou absolutamente certo do que vou contar. Nesta ocasión, ademais do longo proceso habitual (nesta ocasión foron máis de dous anos de traballo só de documentación), onde son incontables as horas de arquivo, biblioteca e consulta cos grandes eruditos da historia local (entre os que cómpre salientar a impagable axuda de Jorge Lamas), debo remarcar o acceso a unha serie de títulos xa descatalogados, moitas veces case inaccesibles, como son a Historia de Vigo de José de Santiago; a Historia íntima de Vigo, de Amador Montenegro; a fabulosa La caracola de piedra, do profesor Pedro Díaz, non sempre recoñecido como merece; e outros autores, como Espinosa Rodríguez, Taboada Leal, Xaime Garrido, Lalo Vázquez Gil ou Manuel de la Fuente, absolutamente imprescindibles para coñecer a historia viguesa e, sen embargo, aínda non antologados como eles e a memoria da cidade merecen. Ás veces, dáme a sensación de que vai sendo hora de chamar por unha nova historia de Vigo...

- Se vivise naqueles tempos e concretamente ese episodio histórico, de qué bando estaría?

-Desde a perspectiva que nos ofrece a historia e, sobre todo, a comodidade que nos dá o paso do tempo, estando aquí, a salvo e todo, supoño que a resposta máis habitual é a de escoller o bando francés. Tanto é así, que esa era sempre a miña resposta antes de coñecer a historia a fondo. Á fin e ao cabo, quen ía poñerse da parte do Rei Felón e o seu absolutismo máis salvaxe? Pero tamén hai que comprender que os touros son moi fáciles de ver desde a barreira... Como explico na novela, debía de resultar moi difícil poñerse de parte da razón, por moi ilustrada que esta fose, cando as ideas chegaban precedidas polo estrondo dos canóns, as balas dos mosquetóns, e os sables dos húsares. Á fin e ao cabo, esa é a historia de España: a eterna aposta polo bando equivocado...

- Esta é xa asúa cuarta novela. Volveuse máis esixente e máis autocrítico á hora de escribir ou coida que a frescura que demostrou dende Os fillos do mar é un valor literario seu que quere conservar por enriba de todo?

-Sempre son terriblemente esixente comigo mesmo, chegando ao punto de ser autocrítico ata a devastación. Sufro moito con cada libro, tentando facelo sempre o mellor posible, e suando tinta se é necesario para que cada páxina dea o nivel. Déixome o corazón en cada historia, e, como a todo o mundo, supoño que algunhas veces me sae ben, e outras... O que pasa é que unha cousa non implica a negación da outra: iso que vós chamades "frescura" é o resultado dun proceso moi consciente, no que sempre tento dar o mellor de min. Esa era a miña intención en Os fillos do mar, e ségueo a ser en Os fillos do lume. Os lectores dirán se o logrei ou non.

Compartir el artículo

stats