Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Suso Durán: "Son da memoria quere encher o baleiro que hai de cancións sobre a Guerra Civil en Galicia"

Seso Durán - MÚSICO, HISTORIADOR E VIDEOCREADOR

Seso Durán. FOTO: esther medraño

- C omo lle xurdiu a idea de facer un traballo, sen dúbida, tan singular e orixinal coma este de Son da memoria ?

-En realidade, encontreime con Son da memoria. Púxenme a escribir cancións e o proxecto foi aparecendo aos poucos, pero tamén era algo que, dalgunha maneira, tiña pendente. O tema, a Guerra Civil, sempre me interesou; de neno tiven relación con vítimas e con familiares directos das vítimas e na historia de cada familia está un anaco da historia da guerra. A miña non é diferente.

- Para facer este álbum, supoño que habería un traballo previo de investigación e selección dos episodios que ía seleccionar para as cancións. Quixera que nos falara deste labor que "non se ve".

-Houbo, efectivamente, un traballo de investigación que foi paralelo á composición, pero, aínda que os hai, non é un disco baseado en episodios; en realidade, está centrado nas persoas e en como vemos o que pasou desde a actualidade. Como o acontecer é un contínuo, a conexión entre pasado e presente é un aspecto moi destacado de Son da memoria; o golpe do 36 é importante, pero tamén a Transición. Son licenciado en Historia Contemporánea, así que tiña unha base, coñecía, digamos, o marco xeral, pero non sabía de moitas das persoas que sufriron aqueles anos. Sabía dalgunhas vítimas, pero moi pouco dos verdugos. Procurei todos os libros que puiden sobre o tema e a miña conclusión é que está case todo por contar; hai mil películas, mil novelas e mil cancións por facer. Todo o proceso de creación do disco, incluída a bibliografía, pode verse na web sesoduran.wixsite/sondamemoria.

- O álbum inclúe un documental de vinte minutos de duración que acompaña o disco...

-É unha especie de making off pero tamén pon o traballo no seu contexto. O momento en que se realizou Son da memoria é tan importante como o tempo ao que remite o disco. O abandono da República por parte das democracias occidentais é paralelo á maneira na que Occidente está xestionando a emerxencia humanitaria dos refuxiados no Mediterráneo. Na crise que vivimos agora hai paralelismos evidentes coa crise económica e política que levou a Europa ao desastre nos anos 30 do século pasado. Non temos data aínda da estrea pero vai ser axiña.

-Cáseque todas as letras están escritas por Vde. Non contemplou a posibilidade de que algunha delas fosen de poemas musicados que tratasen da temática (xa que sobre a Guerra Civil os hai dabondo)?

-Escribin todas as letras agás unha: "Pregaria de San Simón", que é un poema escrito por Eduardo Pantaleón, un dos presos do lazareto convertido en campo de concentración durante a guerra. Incluína principalmente por razóns narrativas, serve de introdución a "O cemiterio das botellas", unha canción que conta a historia doutro preso, que trasladan de San Simón ao Forte de San Cristóbal, en Navarra. Está baseada no que lle aconteceu ao meu tío avó Benito Pastoriza Fariña, pero "Pregaria de San Simón" é unha excepción. Son da memoria é un disco moi meu, tamén no que ten que ver cos textos.

- Aparentemente, resulta complicado compoñer unha canción axeitada para cada determinado episodio histórico. As historias nas que se basea non son a primeira vista precisamente "musicais"...

-Quizais o peculiar sexa que non contemos con máis repertorio sobre o tema, penso na cantidade de cancións que hai escritas sobre a Guerra Civil americana, por exemplo. A Ilíada, o texto de guerra por excelencia, non é outra cousa que unha xigantesca canción. Na música popular hai unha tradición moi seria de textos de contido político e social, desde Bob Dylan a Marvin Gaye pasando polos Resentidos, Barricada (que tamén publicaron un disco enteiro sobre a memoria da nosa Guerra Civil), Neil Young e incluso Prince. O rock non asentou ata que comezou a empregarse como vehículo de comunicación de calquer tema, algo semellante pasou co hip hop.

- Como foi o proceso de gravacións das cancións? Habendo como hai tanto músico colaborador, supoño que non sería moi doado.

-Traballei moito as maquetas no meu estudio; as estruturas, as harmonías e o plan de traballo, así que non houbo moitos ensaios no sentido clásico. A calidade de colaboradores como Charlie Bautista, Suso Iglesias, Franc Górriz, Víctor Castro, Carmen Rey, Ángeles Dorrio, Miguel Tenorio, Aleixo Jablonski, Javier Cedrón, Toño Domínguez e do técnico que o gravou, Pancho Suárez de Lis, facilitou moito a tarefa. A produción de Son da memoria, como a de todos os discos, foi moi laboriosa, pero tamén moi gratificante no persoal e no musical, e creo que iso pode percibirse ao escoitalo.

- Do último tema do disco, "Todo", di que "non é un canto á esperanza, senón un lamento pola perda irreparable de tantas persoas". Esta é unha mensaxe, cando pouco, ben triste. Non cre que habería que ollar ao futuro con esa "esperanza"?

-E que o que aconteceu é moi triste. Por razóns políticas, decenas de miles de persoas foron asasinadas , en Galicia case cinco mil, das cales só unha pequena parte foron executadas tras un daqueles xuízos farsa; as demais foron asasinadas, sen máis; xente inocente, vítimas do exterminio premeditado dun sector enteiro do espectro político, o que defendía a República: mataron a comunistas, a anarquistas pero tamén a xente de misa diaria. Oitenta anos depois, incluidos corenta de democracia, e tamén por razóns políticas, a inmensa maioría daquelas persoas segue desaparecida. Deberiamos preguntarnos que clase de futuro está a construir un país que permite iso.

- Son da memoria é un punto e aparte na súa carreira musical ou unha liña de mistura de historia e música que vai retomar en futuros traballos?

-O seguinte traballo musical está xa en marcha, un disco de cancións relacionadas co autismo que comecei coa miña muller ao pouco do diagnóstico do noso fillo máis vello. O proxecto audiovisual no que se enmarca pode verse en youtube, chámase " A canción de Manuel" e é bastante coñecido entre a comunidade directamente implicada no asunto. Sobre o que veña despois non sei; sería estupendo completar Son da memoria cun documental, "Paisaxes da memoria", centrado nos lugares onde aconteceron as cousas, pero para todo iso precisamos financiación.

- Como fai para misturar e compatibilizar unha disciplina que se move por criterios que veñen máis ben da cabeza (a Historia) con outra na que máis ben está movida polo corazón, os sentimentos (a música)?

-Que bo sería que todas as obras relacionadas coa historia se fixesen desde a cabeza, se con iso entendemos afrontar a historia desde o método científico, que é como hai que afrontala. Por outro lado, a música é unha arte e como tal apela ás emocións; pero a arte é tamén cálculo, proporción: o que adoitamos relacionar coa cabeza. En realidade a liña que separa corazón e cabeza é unha fronteira imaxinaria. Cando escribo, poño en funcionamento todo o que son e todo o que sei en relación ao estilo que estea traballando e iso inclúe palabras, sons e números, moitos números.

Compartir el artículo

stats