Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A vida na montaña

Museo-Palloza Casa do Sesto (Ancares, Lugo)

Vista interior da palloza.

Situado dentro do Parque Natural da Serra dos Ancares -Reserva Nacional e Espazo Natural Protexido-, Cervantes é concello de alta montaña, o máis grande da comarca, con vinte eunha parroquias e numerosos núcleos de poboación diseminados. Identificativas deste impresionante conxunto montañoso son as pallozas, varias rehabilitadas e unha delas, a coñecida como Casa do Sesto, en Piornedo, convertida en museo etnográfico que mostra a forma de vida nestas vivendas tradicionais a través dos seus obxectos e ferramentas de uso cotián.

Piornedo non é a única localidade na que quedan pallozas nos Ancares, pero si a máis famosa. No seu museo etnográfico é posible retrotraerse aos tempos nos que non había luz, e persoas e animais convivían en casas seculares capaces de manter unha temperatura estable de 20 graos a pesar dos rigores do inverno.

No museo todo está como o deixou a familia propietaria. O edificio remóntase polo menos a 1770 e foi a vivenda habitual dos seus donos ata 1970. A propia construción é de seu un espazo museístico en vivo. As vellas casas circulares de pedra, con cuberta cónica de palla de centeo, remontan a súa orixe a época prerromana, adáptanse ás necesidades dos habitantes e ao medio dunha forma harmónica, cunha temperatura interior constante e as zonas de habitación distribuídas en función dos requisitos dos seus moradores. É un espazo pensado para usos polivalentes, no que todo está xunto pero perfectamente distribuído. A capa de medio metro de palla impermeable e illante é capaz de manter a calor interior.

A Casa do Sesto permanece aberta ao público desde 1989, e en 2007 obtivo o recoñecemento da Xunta como colección visitable, de contido etnográfico. A palloza responde á tipoloxía destas construcións: a súa estrutura é circular, con paredes de pedra e teito de colmo, cunha parte para o gando e outra para as persoas. Mantén os cuartos destinados a dormitorios, a lareira, o forno e as cuadras.

As ferramentas e mobles son os orixinais utilizados no día a día pola familia. Son os útiles necesarios que facían de cada palloza unha vivenda autosuficiente, especialmente nos duros invernos da montaña.

Ao entrar na casa atópase o ástrago, un amplo corredor de uso diverso: o mesmo podía servir para traballar a madeira que a vimbia, amasar o pan ou mesmo bailar, se tal era o día. Hoxe o ástrago acolle nesta casa o banco de carpinteiro, as ferramentas de teitador, unha artesa e outros obxectos usados na vida cotiá. Entrando á dereita, está a alcoba, na que adoitaba durmir o matrimonio de máis idade, aínda que tamén servía para os partos ou para os enfermos. Polo ástrago éntrase tamén na porteleira, un pequeno lugar de paso cara á corte no que se gardaba temporalmente algún animal que debía estar separado do resto, como unha vaca para parir ou un porco para cebar.

Na corte consérvanse os pesebres das vacas e as ferramentas de labranza como o arado romano ou o de vertedeira, entre outras pezas, ademais de carros, xugos ou albardas para os cabalos.

A cociña é o lugar máis importante da casa, toda a vida da familia xiraba ao redor da lareira: nela comíase, contábanse contos, fiábase, cantábase? Os escanos están situados ao redor do lume, colocado nun oco de pedra sobre o que pendía o pote. Esta estancia da Casa do Sesto garda numerosos obxectos, desde cuncas a selas, pelexos de viño ou candís, entre moitos outros.

Non falta o sitio para o tear, indispensable para facer toda a roupa da familia, o mesmo que o forno. O desta vivenda é de gran capacidade, pois caben trinta pans e unha bola. Na parte superior da palloza está a barra, que tanto podía aloxar palla para o gando como para durmir sobre xergóns ou sobre a mesma palla.

A torre de Doiras

  • Na aldea de Doiras, en Vilarello, aparece un dos grandes monumentos da comarca, a Torre de Doiras, un castelo do século XV cuxa estampa domina a serra e que pertenceu ao señorío de Cervantes, de cuxa liñaxe din que descende o autor do Quixote. A edificación, situada a máis de setecentos metros, é un exemplar de fortín inexpugnable e adaptado ás condicións do medio. Como toda fortaleza, ten a súa lenda, e nela sitúa a imaxinación popular a historia da "muller-cerva", fonte de inspiración literaria. Xunto ao castelo pasa a antiga Via Romana XIX - de Lugo a Astorga- e, con toda posibilidade, os máis importantes camiños medievais que saían de Galicia polos Ancares, como o propio Camiño de Santiago. Con este obxectivo foi mandado construír, para protexer esta importante zona de paso. De moi difícil acceso, salvo pola súa banda sur, por onde chega o camiño, o castelo está situado sobre duro penedo, o que o converteu nunha das fortalezas galegas máis impresionantes e solitarias. A súa porta de entrada ábrese a catro metros de alto, polo que era imposible acceder a ela sen escaleiras ou axuda interior. A planta é rectangular (25 por 21 m), e os seus muros teñen 8 metros de alto e 1,5 de ancho, segundo os datos de Julio Gil na súa obra Ancares, Fuerta Vital. A Torre de homenaxe alcanza os 14 metros de altura. Desde o alto, a vista da serra é inesquecible.

Compartir el artículo

stats